martes, 25 de diciembre de 2012

A POLÍTICA CON MAIÚSCULAS CHAMÁBASE CEFERINO DÍAZ



Coñezo a Cefe dende a cuna, cando o meu pai traballaba ao seu carón nun proxecto socialista e galeguista para a nosa terra no PSG e que continuou dentro do PSOE, dándolle una vertente galeguista que convertiu ao noso partido partido nun referente na nosa sociedade.

Son moitas as veces que puiden observar a inmensa capacidade política, dese home de aspecto pequeno  e hiperactivo, nas batallas orgánicas e ideolóxicas que o meu pai fixo tras del. Sei da súa entrega e lealdade cos amigos e compañeiros do partido, que nunca deixou a un lado nin nos peores momentos, cando outros desaparecían por non ser gratos para os dirixentes da época. Coñezo e admiro o seu traballo intelectual para analizar e buscar solucións para os problemas da noso país e cal é a función a desenrolar polo noso partido dentro del. Sei da importancia do seu traballo para o desenrolo de Galicia como sociedade moderna. Fun espectador da súa entrega ao traballo político no Congreso dos Deputados, as veces que fun a visitalo a Madrid e dita entrega me reconciliaba coa política e co partido. Foi o meu conselleiro, cando o meu pai desapareceu das nosas vidas e ditos consellos foron sempre honestos e acertados. Aprecio e quero a súa familia, a súa muller Marta e as súas fillas Noa e Alba que sempre estiveron ao seu carón con cariño e dedicación.

Cando un grupo de compañeiros, cansados de aguantar a deriva do noso partido, decidimos loitar por buscar un cambio de dirección, falei con Cefe. Soliciteille a súa colaboración e aconselloume que esperáramos un tempo. Pensei,  que xa non tiña ganas de meterse en máis batallas, pero despois dun tempo, chamou a nosa porta. Foi este verán, díxonos que despois das eleccións autómicas deberíamos xuntarnos porque o partido necesitaba dunha forte renovación orgánica, de proxecto e de estratexia e que non deberíamos de deixar pasar máis tempo para impulsala. Unha vez pasadas as eleccións, mostrounos o camiño para construir unha sólida alternativa no partido e puxo enriba da mesa unha xenerosidade inusual en política,  para apostar por una renovación de proxecto e de persoas, sen buscar nada a cambio, máis que a sensación de estar facendo o correcto.

Coordinou a creación da plataforma EN POSITIVO por un Novo Proxecto Socialista Galego, colaborou na elaboración dos nosos documentos, puxo a súa experiencia no desenrolo da nosa estratexia,  buscando sempre a participación de todos  e deixando mostras da súa gran capacidade de entrega e traballo que recordaba do Cefe de antaño. Sei que este proxecto, era unha das súas grandes apostas persoais unha vez xubilado, sabía que non era o momento de que os mesmos de sempre se enfrascasen en enfrentamentos persoais polo poder, vacíos de contido, que voltaran a levar ao partido a un fracaso que xa non se pode permitir.

                A plataforma segue, sen a súa presencia física, pero coa sua semente máis presente que nunca e coa responsabilidade de todos os que formamos parte dela e dos que desexen unirse no futuro, para facer o traballo que nos tiña encomendado, intentando convencer aos nosos militantes e simpatizantes, que esta proposta é a mellor solución para o futuro do PSdeG-PSOE, solución que pasa por desenrolar un novo proxecto socialista para Galicia, con novas caras e liderazgos que xurdirán dende a base, nun partido que debe buscar máis entre os mellores e que como él decía, ten agochado un gran caudal de valía entre os seus militantes.

 Compañeiro Cefe, gracias pola confianza que puxestes en nós e que aínda remarcabas o outro día cando falamos antes de ir á entrevista da televisión.   As túas verbas non caen en saco roto, somos moitos os que seguiremos adiante co proxecto con lealdade e compromiso cos valores herdados da túa persoa.

ATA SEMPRE COMPAÑEIRO

Descansa en paz amigo Cefe