lunes, 27 de diciembre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (23/12/10)


Lugo, 23 decembro 2010

Meu querido Antón:

Xa ves, amigo, unha boa coincidencia: esta carta do venres cae coa noiteboa. E non sei que ten esta data, pero algo hai neste tempo frío, moi frío, que, sen embargo, pon algo de quentura nas almas. Mesmo ti que non permites nunca a ninguén percibir posibles bágoas de emoción nos teus olliños pícaros e burlóns, mesmo ti, no día de hoxe, falas dun xeito diferente, como se as palabras che saísen dun curruncho do corazón que gardas ben pechado o resto do ano. Non sei, pero este día ten algo especial, mesmo para moitos que non celebran precisamente o acontecemento relixioso. Quizais é consecuencia dunha necesidade intensamente humana, a da tenrura, que precisa dalgún día especial para se expresar sen atrancos, dun xeito diferente. En calquera día do ano poderiamos dicirlle á xente máis querida que a queremos. E deberiamos dicirllo a miúdo, pero, por unhas cousas ou por outras, non o facemos: dámolo por suposto – xa saben que as queremos – e as rutinas diarias fannos atender ás trécolas de cada xornada sen poñer moita atención nas necesidades de afecto que todos temos.

Acordáseme que o a no pasado, cando te chamei na noite de Nadal, colleu o teléfono a túa muller e atopeina como fóra de si: comentoume que estaba amilagrada porque, polo visto, xa pola mañá, dixécheslle algunhas palabras bonitas que non lle tiñas dito desde que erades noviños e tentabas conquistala. Non paraba de me dicir: Bernardiño, estouche moi asustada, para min que este home, este teu amigo Antón, toleou. E non tolearas, non, o que pasa é que ía ser a noiteboa e, por cousas que agora non veñen ao caso, iades pasalas, por primeira vez, en soidade compartida, sos, sen fillos nin netos nin outra familia. Ela estaba triste, claro, pero calaba, e ti sentiches a necesidade de animala con aquelas palabras que lle terías que dicir moitas veces, pero, por non pareceres sentimental, gardábalas no silencio.

En fin, xa ves, o máis importante para o ser humano, ese sentimento que lle ferve a un por dentro, queda desatendido o máis do tempo. Así que, xa che digo, non está mal que haxa un día no ano para facer, sen complexos, o que deberiamos facer máis a miúdo: manifestarlle a quen nos quere o noso propio cariño. Os meus colegas sociólogos chámanlle a isto ritualizar a vida, porque, efectivamente, a vida, sen ritos, resulta unha tristura, sexan ritos relixiosos ou non relixiosos, pero ritos, ao fin e ao cabo. Se non fosen os relixiosos, inventariamos outros que, por certo, acabarían por seren relixiosos. Claro que eses rituais poden ser tramposos, e ás veces é verdade que teñen trampa, pero, por fortuna, nos máis dos casos son a ocasión de dicir unha verdade que se sente fonda e que non se di habitualmente para evitar melancolías e aparecer coma un sentimental. Grazas ao ritual, hoxe, Antón, está permitido ser algo sentimental e mesmo melancólico, así que aproveita. Eu si aproveito para dicirche, sen que serva de precedente, que ti es un túzaro insoportable, un cachazudo irritante, un escéptico inaprensible, pero tes un fondo de bondade que me faría botarte moito de menos se chegaras a faltar da miña vida. E xa está, foi unha miña concesión ao sentimentalismo que, repito, hoxe está permitido.

Claro que todo, ata as cousas máis sublimes, teñen os seus inconvenientes. Así, a manifestación dos sentimentos nuns días fixos provoca nalgunhas persoas un certo rexeitamento. Unha miña sobriña, Antía, escribía onte en facebook que estaba ata a coronilla destas festas almibaradas en demasía nas que cómpre ser felices ou ser boíños ou pacíficos ou solidarios, por decreto e a prazo fixo. O teu fillo respóndelle que pensa o mesmo. E ambos teñen razón, eu tamén, ao longo dos meus anos, tiven moitas veces a mesma sensación; pero tamén é verdade, segundo creo, que, se hai uns días nos que se nos apremia a pensar na solidariedade e na comprensión mutua, non nos ven mal aproveitalos. Xa se sabe que os que son solidarios, tolerantes e comprensivos, sono ao longo de todo o ano, pero non nos ven mal, repito, que nestes días especiais fagamos balance dos nosos comportamentos en ese aspecto. Ás veces, absorbidos nas rutinas diarias, esquecemos moitas cousas que desexariamos ter feitas.

En resumidas contas, amigo Antón, quero aproveitar esta nosa carta semanal para xuntar a miña voz coa túa para agradecer aos amigos o cariño que nos deixan dado: o saúdo diario do Xacobo coa súa lotería, o abrazo de paz que me veu dar o Man do Cirillas esta mañá cando saín da casa, a tenrura que poñen a Chus ou a María Jesús no traballo diario de coidar á Maruxa, miña nai, porque o traballo pode pagarse, pero a tenrura é impagable. E así un amigo tras outro, que, se nos poñemos a contar, son moitos máis do que pensamos a primeira vista. Xuntos, ti e máis eu, meu querido Antón, queremos esixirlles que fagan un esforzo de vontade para atoparen, por tras das penas diarias, ese pouquiño de felicidade que nos axude a nós a sermos tamén algo felices. Ás veces non é doado. Como sabes, na miña casa este ano falta definitivamente Martín, pero pronunciaremos o seu nome, ollaremos a Uxía, a súa neta, e dalgún xeito sentiremos a súa presenza na quentura do noso corazón. E así se fará en moitas casas avivecendo a lembranza dos que xa se foron. Como lles deixou escrito o poeta Charles Peguy aos seus fillos:

Non importa que xa non me vexades
pronunciade entre vós o meu nome, o que sempre me destes.
Faládeme como sempre fixestes,
non empreguedes unha tonalidade diferente
nin poñades acenos solemnes ou tristes.
Seguide a rir coas mesmas cousas que nos facían rir xuntos.
Pregade, sorride, pensade en min,
rezade por min.

Nada máis por hoxe. E xa non é pouco. Este ano tes reunida a toda a familia e sei que habedes cantar a noite de paz. Cantaredes mal, moi mal, pero contentos de estardes xuntos e sentindo pretos aos amigos coma min. Unha fonda aperta


Bernardo.

martes, 14 de diciembre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (10/12/2010)


Lugo, 10 de decembro do 2010


Meu amigo Antón:

A semana pasada non che escribín, e non é porque non tivera cousas que che contar, pero non dispuxen do tempo necesario. Nesa carta que estaba a medio facer pensaba pedirche desculpas por non ter o teléfono dispoñible o domingo anterior, cando pasaches por Vilalba, na compaña do teu fillo – toda unha novidade – con intención de nos ver, pero apaguei o móbil porque estaba na misa. Efectivamente, contra o meu costume, no canto da misa da unha, ese domingo decidín achegarme á das doce, á dos nenos, coma ti ben sabes. Por curiosidade, pero tamén porque desexaba ter tempo, despois do rezo, para entrevistarme cun amigo común do que che quería falar na carta que non cheguei a escribir. Parecíame oportuno comentarche uns sentimentos contrapostos que me acompañaron ao longo da xornada a causa de ambas actividades: a misa e a entrevista. Non sei se tal cousa lle pode interesar aos nosos oíntes, pero trátase dun tema que teño comentado moito co teu fillo, mentres ti non deixabas de nos escoitar con certa sorna, pero tamén con algo de atención, porque tanto ti coma el tiñades o costume de acompañar aos teus nenos nesa misa das doce, cando viñan por Vilalba. El sempre saía entre satisfeito e desconforme, ti rosmón coma sempre e os tres rematabamos en discusión amable, unha disputa que trataba do que che vou comentar. O caso é que, como che dicía, ese día eu tiven sensacións opostas, así que cho conto.

Primeiro o da Igrexa. A verdade é que había moitísimo tempo que non estaba na celebración dominical dos nenos, e comprobei que tamén na nosa vila se deixa notar a escaseza de práctica relixiosa, cousa xa habitual na sociedade española, pero eu pensaba que os pequerrechos asistirían en máis cantidade: tiña aínda na miña cabeza aquela imaxe de bancos cheos de voces infantís que agora xa non é igual, en Vilalba tampouco. Iso eu debería supoñelo, xa que, de acordo coas enquisas, a Igrexa non está a pasar polos seus mellores momentos e, quizais por iso, moitos pais tampouco son moi dados a levar aos seus fillos ao catecismo, pero, que queres, chocoume.

A celebración foi xeitosa e con moitas cancións bonitas nas voces infantís. Había mesmo un rapaz que dirixía o canto e facíao moi ben, con entoación axeitada e un bo acompañamento de guitarra, o que nos tempos que corren é moito de estimar, aínda que non soase o órgano. Pero a escena daquela misa deume que pensar, porque, afeito ao bo galego utilizado por don Uxío na misa da unha e mesturado co castelán nas outras, percibín con pena que na das doce non puiden escoitar unha soa palabra galega en toda a celebración, agás nun dos cantos.

Xa sei o que ti me has comentar coa túa retranca coñecida, pero xúroche, Antón, que en ningún momento se me pasou pola cabeza xulgar e criticar ao cura celebrante, nin agora quero facelo. Supoño que o que el fixo foi adaptarse aos nenos que tiña diante, convencido seguramente de que case todos eles non falan máis ca castelán. E cavilei en que, se cadra, tiña razón. E púxenme algo triste: será posible, pensaba, que nunha vila coma a nosa estea perdido entre a infancia o uso da nosa lingua, coma se fose unha parroquia do centro da Coruña?. Mesmo é posible, aínda que non o creas, que, de falar algo en galego – xa non digo todo – habería máis dun pai ou dunha nai que se achegarían a protestar e mesmo ameazar con non volver á misa na vila. Teño entendido que algo diso xa houbo. E non é cousa, calcularía o crego, de expoñerse a perder aínda máis fregueses practicantes. Non o sei, non xulgo ao celebrante nin lle reprocho nada, aínda que estea persoalmente convencido de que, se falta xente, non é precisamente por falar galego. O que me resultou inevitable foi sentir por dentro de min unha sensación desacougante, unha invasión de tristura ao pensar no posible futuro do nosa fala: terá esta os días contados, abafada definitivamente polo castelán? Se os nenos,que son o futuro, xa non falan galego, que podemos esperar?.

Acababa eu, por certo, de ler un manifesto dun intelectual galeguista, chamado Henrique Monteagudo, no que se laiaba da perda case definitiva do idioma no centro das nosas cidades importantes, coma Coruña ou Vigo, co perigo de non o poder recuperar. E eu, na miña igrexa, andaba a matinar en que ese pensador, visto o visto, aínda era optimista de máis: xa non é só no centro herculino senón que no seu entorno, en Arteixo, a miña Uxía, cos seus dous aniños, fala galego, mentres que os máis dos seus compañeiros respóndenlle en castelán, e ás veces, aparece na casa falando andalú por culpa dun camarada, seica, que procede do sur, o que, por outra parte non deixa de ser bonito. E isto, como digo, preto da Coruña, pero o Monteagudo quedará máis abraiado do seu optimismo cando saiba que en Vilalba, na nosa Vilalba, os nenos xa non falan galego, e poida que a situación, tamén aquí, sexa irrecuperable. A esperanza é que, se queren, poden falalo grazas á escola. De momento, porque os de Feijoo non son garantía.

Así que, meu Antón, saín da misa triste e desanimado. Menos mal que de seguido achegueime a un bar onde me agardaba o noso amigo Agustin Fernández Paz para falarmos dun asunto que me facía ilusión: íame contar o escorzo dunha novela que lle anda no maxín, e así foi. Demoramos a conversa por máis dunha hora, e, ao rematarmos, volveu renacer en min algo de esperanza, porque, pensei, mentres teñamos homes desa valía, tanto intelectual coma humana, aínda nos queda futuro. Como ti ben sabes, el escribe sempre en galego por convencemento, pero isto non o priva de que canto pon na nosa lingua teña tamén valor para xentes doutros idiomas aos que lle van traducindo as súas obras, mesmo de lugares lonxanos. Desde un curruncho de Galicia van saíndo obras de valor universal, e isto é a esencia mesma do arte: horizonte universal sen renunciar ao propio. Agustín escribe en galego por convencemento do valor expresivo das nosas palabras. Podería facelo directamente en castelán, e faríao moi ben, con proveito económico incluído, pero el quere demostrar que, tamén desde aquí, coas nosas palabras, se lle pode falar ao mundo. Mostra tal convencemento que, como é ben sabido, no nome da defensa da nosa lingua, tivo a valentía de renunciar a un premio importante que lle ofreceron recentemente desde a Xunta: non podía aceptar que ese premio fose outorgado por gobernantes que lexislan en contra da lingua. Esta lexislación ofensiva non se desculpa coa oferta de un premio puntual que disimule as intencións de fondo.

Despois de canto estiven a pensar na igrexa, o exemplo de Agustín devolveume algo de esperanza, porque este tipo de persoas, tan valentes e decididas como capaces intelectualmente, non pasan sen deixar pegada entre a xente nova que sabe apreciar tales valores. Estes días non foron poucas as persoas que, falando de Agustín, manifestáronme o seu desexo de recuperar o amor polo idioma, mesmo se, pola forza do costume, non se decidiran aínda a utilizalo habitualmente, entre outras cousas porque teñen a sensación de que non o saben dabondo. Os máis novos xa o saben e, se cadra, anímanse a utilizalo. Esperemos.

Así que, xa ves, meu Antón, se da misa saín con pouco humor, algo del puiden recuperar despois de longa conversa con Agustin. E así temos que ir tirando do carro no que se poida.

Saúdos á familia, coida dos teus netos que falan a cotío tan bo galego, e ti recibe unha aperta do teu amigo

Bernardo

miércoles, 1 de diciembre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 26/11/2010


Meu querido Antón:
.
Aquí tes outra carta máis para a nosa colección espistolaria que xa vai ben chea. E, de que che vou falar hoxe?. Cando che escribo, penso nos temas que che interesen a ti, claro, pero tamén teño en conta aos oíntes ou lectores que participan dun xeito ou doutro nas nosas comunicacións. Pois ben, debo dicirlles a estes amigos que onte, cando te chamei para saber de ti, a túa muller díxome que saíras para a igrexa da parroquia. Quedei abraiado, pois xa sei que ti disimulas ben as túas crenzas e sabes quedar coma un perfecto fregués diante de todos os curas, pero, meu amigo, a min non me enganas, eu ben sei que non es moito de ires pola igrexa os días que non son domingo ou festa de gardar, como se dicía antes: a devoción non che da para tanto. Menos mal que a túa dona aclaroume o asunto, xa que, polo visto, o que fixeras era achegarte pola igrexa para deixar unhas cousas en Cáritas Así comprendín axiña a túa visita apostólica, porque, en efecto, nese asunto da solidariedade teño que recoñecer que non disimulas nadiña. A túa xenerosidade está garantida, e, ademais, sabes gardar aquel dito evanxélico de que a túa man esquerda non saiba o que fai a dereita, ou viceversa. Visto o asunto, pensei que hoxe tocaba falar de Cáritas, unha organización moi recoñecida en España, que, por desgraza, está especialmente presente nos informativos a causa desta crise económica que nos abura e que multiplica as necesidades dalgunhas familias, cada vez máis, mentres que outros moitos seguimos a consumir o que non ten nome. As desigualdades sociais aumentan e a xenerosidade non avanza ao mesmo ritmo. Non está mal que, cos seus informes, os dirixentes de Cáritas nos tiren polas orellas e nos poñan ben coloradiños diante dos nosos esquecementos e os do Estado.
.
Pero ti non querías que hoxe falaramos disto, e eu trato de cumprir, pero déixame dicir, para quen non o sabe, que esta boa institución da Igrexa, xunto con Mans Unidas – a Igrexa tamén ten cousas boas – non só axuda ao necesitado senón que tamén se preocupa de motivarnos a todos para lograr que non existan estas necesidades, é dicir, que haxa máis xustiza e igualdade. Agora, por exemplo, están cunha campaña moi interesante para que, en pouco tempo, non haxa ninguén sen teito onde se gardar da chuvia e da friaxe. Algo se move, aínda que moi lento. En Vilalba tamén hai un bo grupiño de Mans Unidas en colaboración con Cáritas parroquial. Por se non o sabías
.
Pero, en fin, ti o que querías era que che falara do acontecido o sábado pasado naquela xuntanza convocada na alameda a raíz do asunto do castiñeiro rabenado, co seu tronco aparentemente vivo e prometedor, pero afectado, seica, por fungos mortíferos, segundo o técnico que asesorou ao alcalde. Dixéronche que eu andaba algo incomodado e de mal humor. O que tiña era moita friaxe no corpo, pero tamén é verdade que non andaba eu moi católico, con perdón. Explícoche
.
Como alí se repetiu, a convocatoria que nos axuntou non era tanto para nos laiar da morte da árbore cortada senón para presentar en sociedade un grupo virtual ou unha Plataforma, como lle chamaron, que co nome de “Alameda espazo da memoria” tenta defender os espazos vilalbeses máis significativos, que aínda conservan algo de natureza fresca. Defendelos, digo, desa manía que lles entrou aos gobernantes de aquí e doutros lugares da nosa terra, pola que se emperrechan en facer urbanismo cubrindo todo resto de verdor con cemento e pedra adulterada, estilo mosaico, moi propicia para esborrexermos os que xa temos unha certa idade. Esta Plataforma tamén trata de defender do descoido e dos abusos ás poucas árbores que aínda quedan en pé. As podas que lles fan, segundo ti me dis, son moi abusivas, seica. Eu disto non entendo
.
Pois ben, alí estivemos, e alí estiven eu, confésocho, con algo de mal humor. Ti non viñeches acompañarnos, pero estaba o teu fillo, cousa de agradecer, pois non é moi amigo de desprazamentos. Supoño que xa el che terá explicado polo miúdo o que alí pasou. Ou poida que non, pois contigo, testán indomable, todo remata en discusións imposibles, e seguramente optou por calar. Se el non che coutou, tocarame a min dicirche algo, e aproveitar para che aclarar a nova que che deron do meu mal humor que tampouco era para tantoO acto desenvolveuse segundo o previsto: unha presentación dos organizadores para explicar o sentido da Plataforma que nos convocaba; despois, unha sentida declamación poética do Sesé, moi emotiva, e con exaltado discurso introdutorio, á vella usanza, tan doído coma esperanzado. Foi seguido pola intervención de María Xosé Lamas que nos ofreceu un poema preñado de lirismo, con moita intención, limpo e preciso. Finalmente, procedeuse á lectura do manifesto elaborado polos organizadores e pronunciado polo teu homónimo, o noso escritor Antón Baamonde, con breve introdución da súa autoría, moi pertinente. E coa música de Buxos Verdes que estivera ambientando toda a mañá rematou a convocatoria
.
Foi, como che dixen, Antón, un acto breve dos que a ti che compracen. E abofé que non estivo nada mal, ata o punto de que non me estraña que os responsables dixesen aos medios de comunicación que fora todo un éxito. Vistas as circunstancias si que o foi. Pero, no que a min se refire, confésoche que, efectivamente, non me atopei moi a gusto. Primeiro, porque botei de menos a moita xente. O tempo estaba tan desapracible e tan desagradable que moitos non ousaron afrontarse ao frío, á aquela chuvia persistente e á humidade suíña que nos abafaba: poida que, dos cincocentos esperables, houbera uns cincuenta, o que lle restou esplendor a unha boa idea. E segundo, porque houbo tamén un incidente que non me agradou: apareceu por alí un rapaz, con uniforme laboral dunha empresa de publicidade, que se puxo a repartir unhas follas cun debuxo de caricaturas, tecnicamente ben realizado, pero cunha intención dabondo malévola. Alí se presentaba a Martín Seco coma cómplice dos desaguisados do Concello e, por tanto, coma adversario do que a Plataforma estaba a defender. Os que pagaron ao pintor e á empresa de publicidade non se identificaron nin deron a cara en ningún momento, aínda que non é difícil adiviñar de quen se trataba. Foi algo moi feo que me alterou o humor: mal comezamos, pensei. Estábase a crear un clima de conflito onde non o había, onde había, máis ben, un acordo de base suficiente para que todo fose polo bo camiño e que a Plataforma resultase un movemento interesante do conxunto do pobo vilalbés. De feito, o concelleiro Irimia tamén estaba no acto, aínda que non o puxeron no debuxo. Debo dicirche axiña que, ao remate, os organizadores apresuráronse a comunicarlle aos xornalistas que eles nada tiñan que ver con aquel debuxo inoportuno e que tampouco tiñan coñecemento de tal iniciativa. Menos mal, pensei, non esperaba outra cousa, pero confeso que eu xa estaba algo desacougado porque aquilo coincidía cun conflito previo e desagradable que me tiña preocupado: A Voz de Vilalba, un xornal que aprecio e no que, como sabes, colaboro, tíñase negado, polo visto, a publicar unha carta de Martín na que trataba de explicar a súa posición fronte a acusacións, aparecidas no xornal, que lle pareceron inxustas. Eles saberán por que o fixeron, pero dígoche con franqueza, meu Antón, que aquela decisión non foi do meu agrado, e se por riba aparecía aquel debuxo con intencións pouco claras, non axudaba a cambiar o estado de ánimo. Certo que a aclaración dos organizadores, rápida e eficaz, reconfortoume e deume esperanza de que o diálogo cos do xornal volva repoñer orde nas boas relacións que existían e que cumpriría manter polo ben de todo e de todos. Así llo comentei ao teu fillo que, por certo, concordou comigo
.
Pouco máis che podo contar. A non ser aconsellarche que leas, no xornal El Progreso, na súa sección da Chaira, un artigo moi xeitoso escrito polo noso común amigo Chema Felpeto. Alí fai un canto apreciable de algo tan necesario na vida social como é a mobilización da chamada sociedade civil. Supoño que non sabes o que iso de sociedade civil. Explícoche: con isto quérese aludir ao feito de que as xentes dun pobo sexan quen de se xuntaren para defender algo no que moitos coinciden, aínda que politicamente teñan moitas diferenzas en militancia ou simpatía. Os que teñen algún cargo que lle impón un comportamento oficial non se considera sociedade civil. De feito na Plataforma da que che falei – iso da Alameda, espazo da memoria – hai xente de todos os partidos e hai persoas, en cantidade apreciable, que seguramente non teñen unha simpatía política ben identificada. Efectivamente, os movementos da chamada sociedade civil, da que fala o Chema, é o mellor camiño para ir creando, co tempo, actitudes políticas serias, informadas, responsables e máis preocupadas polos obxectivos da sociedade que por outros intereses, ás veces pouco claros, que tanto mal lle están a facer á vida política
.
Remato e non é sen tempo. Doutras noticias recentes da nosa vila, quixera destacarche unha, porque sei que che interesa persoalmente: fóisenos para a eternidade a Pepita do Vixoco coa que mantiñas unha boa relación de veciñanza e mesmo de amizade. Xa ves, daquela familia numerosa de moitas irmás, apreciadas entre a xente do pobo, só nos queda a Elita que, por certo, segue estas cartas con atención cada semana. Desde aquí ti e máis eu, que por riba son parente dela, mandámoslle o noso pesar.
.
Recibe, amigo Antón, esta aperta semanal do teu amigo
.
Bernardo

martes, 23 de noviembre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 19/11/2010


Meu amigo Antón:
.
Se podes, non o dubides: ven por aquí maña e poderás gozar do encontro cos amigos que se xuntarán na ámbito da Alameda de Vilalba. Ben sei que non vas deixar que se che noten moito as ansias de protesta polo aparente descoido das árbores que alí quedan, pero, se polo menos estás para facer número, xa non está mal. Tratándose de ti, estaría moi ben.
.
Por certo, coutoume o teu fillo a discusión que tivestes por un artigo publicado polo Xiz no Progreso de Lugo, creo. Parece ser que o noso xornalista vilalbés non lle deu excesiva importancia á caída forzada do castiñeiro desaparecido. Mesmo semellaba non ter un recordo claro da súa presenza na alameda e, xa que logo, parecíalle desmesurado o rebumbio que se armou por telo feito desaparecer. Está ben, é a súa opinión – argumentou o teu fillo – pero paréceme moi estraño que, sendo vilalbés de sempre e sentíndose honrado de selo, non gardase na memoria a imaxe de toda aquela fila de castaños vellos que están a facer garda de honra, desde hai moitos anos, ao centro da vila representado pola comunmente chamada “Carretera”.
.
Se cadra, non se fixou – comentaches ti – e seguramente ten razón en que, se houbo que o cortar, haberá que poñer outro máis novo e máis pequeno, e xa está, non pasa nada. De feito, non hai moito tempo que se rabenou outra árbore do mesmo conxunto, plantouse outra e, efectivamente, non pasou nada, ninguén chistou. Ao mellor estamos a darlle excesiva importancia a ese asunto, como di o Xiz, e poida que teña razón, porque, ao final, efectivamente, non pasa nada.
.
O teu fillo, que é moi tranquilo, calou e foise: non era cousa de seguir coa disputa; pero, segundo me contou, quedou matinando no asunto e decatouse do perigoso que resultaba aquel argumento que se estaba a utilizar e que a ti tamén parecía convencerte: aquilo de que non pasa nada. Entón, volveu canda ti para facerche ver a falsidade de tal razoamento, e armouse a marimorena, porque, claro, cando a ti se che mete unha cousa na cabeza non hai demo que a saque: es tan testán que non admites razoamentos. En fin, que acabou deixándote por imposible.
.
Estaba canso, pero chamoume para me contar todo isto que che dixen, e aínda estivemos a falar un cacho. O bo do home non deixaba de darlle voltas ao asunto. Non pasa nada – repetía – claro que non pasa nada: se cortan unha árbore, non por iso imos morrer nin vai perder nada a nosa economía. O que pode pasar é que Vilalba quede máis fea. E que?, xa hai moito tempo que se emperrencharon en que a vila fose fea, mesmo moi fea, e non pasou nada: todo o mundo calou, pois quen máis quen menos, os que podían, non deixaron de se aproveitar para facer pisos de moita altura en solares imposibles e nas rúas máis estreitas, como a do Sol ou a de San Roque. Quen puido non dubidou en rebaixar o gasto de construción facendo edificios feos e desalineados na mesma rúa central, ou mesmo en esborrallar a beleza do que xa estaba ben construído, como fixeron, por exemplo, no barrio aquel das chamadas casas baratas onde se realizaron amaños interesados que botan para atrás a calquera senso da estética. E deste xeito, todo, case todo, quedou deslabazado e feo, pero efectivamente non pasa nada: nós seguimos a vivir nesa vila e querémola, aínda que non poidamos presumir dela nin gozar dunha vila agradable.
.
O teu fillo, meu Antón, estaba fóra de si, e a cada frase ía cabreándose máis. Mesmo acudiu a un exemplo traído de hai máis dun século. Daquela – dixo – un construtor mercou todo o castelo de Vilalba con vistas a facer del unha canteira da que sacaron pedra para moitas casas da veciñanza. Por fortuna, non souberon como destruír a torre e, por iso, conservouse ata hoxe para o noso gozo. E non pasou nada de nada, unicamente que algúns románticos gozariamos moito de ter conservado o castelo completo, ou non?. E así seguiu o teu rapaz poñendo máis exemplos e acougando pouco a pouco na euforia do seu discurso. Mesmo me alegrou que me falara do moito que lle compraceu un fermoso artigo que unha rapaciña moi querida para min, Carmen Seco, escribiu en facebook, onde, de xeito moi sensato e ben argumentado, comentaba o acontecido co castiñeiro da alameda. Se cadra – di ela – era preciso cortalo, no caso de estar seriamente infectado, pero cómpre investigalo con estudos serios, porque, de ser así, é moi posible que se estenda o contaxio infeccioso e acabe por afectar ao resto dos castiñeiros e poida que á mesma pravia senlleira. Ao teu fillo gustoulle o razoamento e a min tamén. A ti non o sei, pero asegúroche que Carme sabe moito diso. E sabe moi ben que, cando se fan as cousas sen xeito, sempre pasa algo. Ao menos para quen goza co que é bonito. Non hai máis que ver o que ela pon coma exemplo de contraste entre o mal gusto e o bo facer: refírese a aquel adefesio de castelo que colocaron na praia fluvial, onde, sen embargo, estábase a facer un conxunto xeitoso con arborado pintoresco mesturado, por desgraza, cun camiño de cemento a rachar todo o encanto do lugar. Así que xa sabes, meu Antón, doulle a razón ao teu fillo cando insiste en que, aínda que parece que non pasa nada, non é verdade: se as cousas están mal, sempre pasa algo.
.
E remato esta carta cunha felicitación conxunta, túa e miña, ao noso amigo escritor Agustín Fernández Paz que acaba de recibir, xuntos, dous premios importantes: o primeiro, o dun xurado competente que valorou a súa escrita, galardón ao que, sen embargo, renunciou no nome da coherencia porque viña outorgado por quen está a lesionar a nosa lingua; pero, grazas a iso, recibiu un segundo premio non menos importante: o de cantos amamos o idioma galego e premiamos con aprecio e aplauso a súa decisión valente e arriscada. O noso Agustín é todo un tipo dos que quedan poucos. E nada máis por hoxe.
.
Unha aperta do teu amigo
.
Bernardo

viernes, 19 de noviembre de 2010

Non voltarei a escribir na Voz de Vilalba

Hoxe "A Voz de Vilalba" vetou un artigo meu na súa web. Tras dous intentos de remitirllo sen obter contestación, entereime de que non se publicaría, sen que ninguén me explicase nada do sucedido. Nel trataba de expoñer a miña posición sobre o tema das reformas na alameda e o sucedido no PSOE de Vilalba con este tema, que trouxo un encendido debate ós medios de comunicación.

É de xustiza que un colaborador desta publicación, que ten algo que dicir sobre o tema, teña un espazo para facelo, ainda que non siga a liña oficial da web. O tempo que se facía isto, neste medio "plural" publícase un artigo falando deste mesmo tema coma sempre a favor da súa posición, onde ademais se me insulta decindo que falto a verdade, pero non teño espazo para poder rebatilo e só o podo facer cun comentario.

Por certo, é un artigo escrito por alguén dun nome extraño, que igual que noutras ocasións semella un pseudónimo deses cos que nos soen agasallar algúns para non dar a cara.

Sigo sen recibir por parte de Paulo nin de Moncho, ningún tipo de explicación de porque non se publica, e o mellor, poderían ter un motivo lóxico para facelo, e se fora así, podería entendelo, pero non me comunicaron nada.

Sinto moito ter que opinar na mesma liña que Paulo Naseiro e Moncho Paz para escribir na súa web, pero a min ninguén me impón o que teño e debo de pensar, polo que non voltarei a escribir nada na Voz de Vilalba, onde xa non figuro como colaborador, xa que ó contrario do que pensaba non creo que sexa un medio plural, nin aberto como queren facer ver.

O artigo se pode ler aquí no meu blog, é un artigo duro pero é o que penso e me gusta falar sen pelos na lingua.

sábado, 13 de noviembre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 12/11/2010


Meu amigo Antón:
Ben sabes que hai moita xente dos que escoitan ou len estas cartas que teñen moito empeño por saber quen es ti, pero non te preocupes, eu sigo fiel á miña promesa de non dicir nada que te poida comprometer. Ti, coma tantos outros, precisas do anonimato para poder expresar o que levas dentro, porque, malia todas as modernidades democráticas, aínda queda moita xente que non quere dicir o que pensa por non se indispoñer cos que mandan, non vaia ser que perdan influenza cos que poden facerlles favores. Perdoa, Antón que cho diga, pero ti es destes tales, aínda que debo recoñecer que tes algo distinto da maioría, porque, efectivamente, non queres que te recoñezan, pero non deixas de buscar o xeito de que alguén diga abertamente as críticas que ti queres facer, e resulta que acabo sendo eu quen ten que dar a cara para que ti quedes oculto, pero as túas palabras saian á luz. E xa está ben, meu amigo, estou farto de facerche de portavoz. Así que hoxe, Antón, non hai críticas.
.
Xa, xa sei que hoxe andabas coa ilusión de que falaramos dese asunto que anda na boca de moitos vilalbeses. Tremenda perrencha colliches cando te informaron de que cortaran un dos castaños máis vellos da alameda, un dos que dá á rúa principal do noso pobo. Non fai falla que insistas, pois eu ben sei que non se trata dunha árbore calquera e que ben merece unha palabra de defensa. Ninguén dubida de que, aparte da súa fermosura vexetal, ese castaño é tamén un icono, unha imaxe, unha das compoñentes esenciais dese cadro pintoresco do noso pobo que permanece nos ollos e na memoria de quen nos visita. Polo tanto non deberamos permitir que tal perspectiva se esborralle da noite para a mañá.
.
Xa che dixen que nisto cadro de acordo contigo, pero, que queres, tamén ti estarás de acordo comigo en que, se por desgraza, esa árbore está morta, non queda máis remedio que cortala e substituíla por outra. Ata aquí non hai problema: ambos concordamos e teremos que dar o asunto por acabado. Pero resulta que non. Ti queres que eu engada un comentario teu, pero coma se non fose teu. O home desconfiado, malicioso e retranqueiro que ti es anda a cismar en que, se cadra, os gobernantes do concello tiñan interese en substituír por outro máis novo aquel vello castiñeiro, porque as súas raíces rebeldes impedían recubrir de cemento ou pedra o pavimento que andan a renovar por toda a alameda. Así que o que bule na túa cabeciña é unha pregunta que seguramente moitos non se fan e que ti queres que eu a poña aquí: quen decidiu que efectivamente aquel castaño estaba morto?. Foi de verdade un técnico?. E a pregunta, segundo ti, ten senso, porque, cando por fin se cortou, ata o menos entendido podía ver claramente que o vello tronco tiña vida, seica, para moitos anos.
.
E xa está, eu non quería dicir máis, pois xa che dixen que hoxe non era día de críticas, pero ti, teima que teima, veña insistir en que, polo visto, o alcalde díxolles aos da oposición que, segundo informes dos técnicos, alí non había nada que facer: o castaño estaba morrendo e había que cambialo. E ti queres saber onde estaban tales informes e quen os fixo, porque tendo pretiño de nós unha facultade universitaria de estudos forestais, o lóxico é que se acudise a ela, xa que alí están os que, supoñemos, máis saben diso. E non parece que o fixeran. Ti estás mesmo convencido de que seguramente non houbo informe ningún, e a cousa era merecente de ser estudada porque, insistes, aquela árbore non era unha árbore calquera.
.
Xa cho dixen, non quería falar disto, pero xa que cheguei ata aquí, hei dicir tamén algo que che resultou moi chocante, e confeso que a min tamén. Como é sabido, os concelleiros da oposición creron na palabra do alcalde e non tiveron a malicia de preguntar polo informe pertinente, pero entón apareceron “outros” socialistas que, sen contar para nada cos compañeiros que están na corporación, presentaron pola súa conta no concello unha protesta polo asunto do castiñeiro. Coma se foran unha oposición da oposición. Iso paréceme incoherencia. Non a protesta senón o xeito de facela. Así vai, amigo, a política local e así lle vai á vida vilalbesa. Triste e lamentable.
.
Pero, meu Antón, fixéchesme estender en demasía, porque eu non quería andar nesta temática. Na carta de hoxe quería falarche dun home, o artesán José da Ferrería con quen andaba eu distraído e ocupado cando me chamaches polo móbil. E quería falarche del, porque andei a matinar na sorte que ten un pobo de que nel habite unha persoa dese valor. Verás: por moi moderna e actualizada que se nos volva a vida, a nosa Vilalba non pode prescindir dunha figura social coma a do José. Posiblemente pase desapercibido para moitos, xa que desta xente non se fala nunca nos xornais e na radio, pero, sen embargo, resultan imprescindibles para quen vivimos nesta sociedade de gran consumo, tamén nunha vila coma a nosa. Ti ben sabes de quen che falo, e sei, Antón, que che comprace que poña aquí o seu nome, pero aos oíntes e lectores teremos que explicarlles de que se trata. Pois ben, todo o mundo sabe que, antes, nos vellos tempos dos que agora son avós, cando mercabamos algún artefacto ou utensilio para uso doméstico, sempre había nas casas alguén, algún manitas, con habilidade dabondo para facer pequenos amaños que eran precisos para que tales aparellos seguisen en funcionamento todo o tempo posible. Agora, iso xa non é así: en moitos casos e en moitas casas xa non hai quen saiba algo tan simple coma cambiar os plomos da luz. Hoxe compramos utensilios, electrodomésticos por exemplo, que, no caso de que comecen a fallar, xa nos parece que non queda outra que desfacerse deles e mercar outros noviños do trinque. E tal cousa é, ás veces, un xeito idiota de tirar os cartos porque son pequenos fallos que, se tivéramos as habilidades de antes, poderiámolos reparar para que durasen moito máis tempo; pero ti ben sabes, meu Antón, que non é así: xa perdemos toda habelencia práctica. E non nos queda máis ca un dilema: ou acudimos ao comercio a mercar o novo, ou, como facemos moitos, chamamos ao José da Ferrería. E, claro, o bo do José non da feito, porque son moitas as casas vilalbesas onde hai sempre alguén que, en tales circunstancias, solta a sentencia inapelable e sensata: “hai que chamar ao José, a ver se pode vir axiña”. E, se por riba, resulta que o tal José é moi honrado, como é o caso, a chamada sempre é produtiva. Por iso quería falarche del nesta carta, e así o fixen. Eu ben sei que te xuntas ás miñas palabras para agradecermos xuntos que exista o José da Ferrería e os que son coma el, aínda que nunca deles se lembren todos os xornalistas.
.
E con todo isto, a carta saíu longa de máis. Creo que é a máis longa das que che levo escritas. Remato, pois, coas apertas de sempre do teu amigo
.
Bernardo

viernes, 12 de noviembre de 2010

Árbores insignes e deslealdades


Non esperaba que neste baleiro final de lexislatura, unha árbore puidera tomar tanta importancia a nivel político, e como representante público, despois da polémica xurdida, compre explicar o sucedido para que as nosas xentes de Vilalba coñezan a miña humilde posición sobre o tema.
.
Cando no mes de Outubro, no transcurso dunha Comisión informativa de Urbanismo, o Grupo Municipal Socialista preguntaba sobre as obras que o Concello ía a realizar na Praza da Constitución e na Alameda, despois de comezar criticando que unha vez tras outra, o Partido Popular enterra os cartos de todos en remodelar unha Praza da Conmstitución que máis ben debería de ser repensada na súa totalidade, que continuar tirando os fondos municipais que ben poderían ser utilizados noutras partes do noso casco urbano que sofren o abandono dos nosos gobernantes. Despois de felicitarnos porque o PP tamén escoita as reivindicacións da oposición e comezan a tomar medidas para proceder a separar as aguas pluviais e fecais que de non ser así continuarán matando o noso río Madalena, que con tanta tristeza denuncian unha e outra vez os membros da asociación de pescadores. Saíu a relucir o problema existente coas árbores mortas situadas no fronte do templete da Praza da Constitución, sempre nun ambiente construtivo, sen entrar valorar as nefastas actuacións de antigos gobernos municipais coas masas arbóreas desta zona, sen entrar a valorar as podas salvaxes coas que se castigan ós árbores da Praza e co pouco coidado que se pon en preservar a integridade da nosa insigne Pravia. Nesta parte, os dirixentes do PP explicaron que optaran por unha solución baseada na colocación dunha pérgola vexetal, xusto no lugar onde se situaban ditas árbores, e tanto o Grupo Nacionalista como o Grupo Socialista inclinabámonos por voltar a colocar outras árbores de similares características ou outras que se adaptasen mellor as condicións existentes na configuración actual da Praza. Pero o Grupo Popular, maioritario no concello, expuxo motivos técnicos para adoptar unha solución que respectamos pero non compartimos. Nese intre o Alcalde amosounos a necesidade de aproveitar ditas obras, para trocar un dos castiñeiros da Alameda que segundo os informes que eles manexaban, estaba en situación de morte inminente e que aproveitando as obras a realizar, plantarían outro idéntico no seu lugar, como pasara con outro, fai uns anos. A posición de tódolos concelleiros e os técnicos presentes nesta Comisión foi a de compartir a necesidade de levar a cabo dita substitución e entristecerse pola perdida doutra destas árbores que tanto queremos os que tivemos a sorte de crecer baixo as súas polas. Pero non fomos tan retorcidos para pensar que o grupo de goberno estaba actuando de mala fe e o que realmente desexaba era levar a cabo o asasinato dun castiñeiro para poñer outro exactamente igual no mesmo lugar, repito, non fomos tan retorcidos nin o somos agora. Ata aquí, foi o que sucedeu no mes de Outubro, mes no que tamén foi anunciada dita substitución polo propio alcalde nunha radio local, sen que se escoitasen voces discordantes sobre o tema.
.
Cando unha mañá, amence coa noticia de que a dirección do Partido Socialista de Vilalba denunciaba a tala de dito castiñeiro, acusando ó alcalde de levar a cabo un “atentado” contra os cidadáns de Vilalba e de actuar sen informar a oposición e ademais, o propio Eduardo Vidal, permitíase o luxo de anunciar iniciativas municipais do Grupo Socialista para poñer ó Alcalde no seu sitio, pensei que se me caía o ceo na cabeza como din os galos nos cómics de Asterix. ¿A quen lle preguntara o señor Eduardo Vidal sobre esta información falseada que estaba a enviar os medios de comunicación?, ¿Como se permitía o luxo de entrometerse nas competencias do Grupo Municipal Socialista a espaldas da súa Portavoz e de parte do Grupo Municipal?, ¿Como podía acusar o Alcalde dunha actitude ditatorial, dicindo que fai e desfai o seu antollo sen preguntarlle nada a ninguén, cando isto era xusto, o que el estaba facendo nos intres en que escribía tanta infamia?. Todo elo, sen ruborizarse e nin tan sequera dar as explicacións pertinentes con posterioridade o sucedido.
.
Despois de observar como a actividade municipal do Partido desapareceu dende que o noso grupo de militantes foi apartado da vida orgánica do partido, despois de soportar como os membros da actual dirección reventaran en varias ocasións, posicións tomadas polo Grupo Municipal en diferentes asuntos, sen respectar o traballo efectuado polos compañeiros que deixamos a pel nos dous primeiros anos de lexislatura, de ter que ver como se nos caía a cara de vergoña cando o noso grupo presenta iniciativas, como a colocación dun parque biosaludable no paseo do río Madalena, cando o goberno do PP xa rematara a súa construción e fora publicado nas Actas das Xuntas de Goberno que se nos envían periodicamente. Esta actuación, era a gota que colmaba o vaso, e eu non estaba disposto a permitir máis atropellos.
.
Dicía o anterior Portavoz do Grupo Municipal, Martín Seco Cendán, que non estaba disposto a traballar con xente que “non era de fiar”, que non estaban nisto para prestar un servizo ós cidadáns, sen rigor nas súas actuacións e que non saben estar a altura da organización que representan. Tales foron os motivos, que fixeron imposible, que él compartise traballo político con xentes da talla do señor Vidal, que agora, “non sei porque será”, semella estar moi preocupado polos problemas de Vilalba, cando ata o momento, so gastaba o seu tempo en adicarse a facer unha política lonxana os intereses dos cidadáns, esa que fan algúns nas alturas, alí onde os mandatarios reparten os regalos en forma de cargos institucionais; ou con xentes da talla de Luís Fernández que só están preocupados de facilitar grandes titulares á prensa e favorecer a aparición de grandes polémicas, sen preguntarse polo rigor das informacións que está a manexar, un comportamento mais propio dun neno pequeno que dun dirixente político serio. Non vou a opinar sobre algúns dos meus compañeiros no Grupo Municipal que nin estiveron, nin están, nin se lles espera nesto da representación pública dos seus veciños. Unha vez máis, o expresado en múltiples ocasións por este desaparecido compañeiro socialista quedaba en evidencia, cun exemplo que pon de manifesto o facer desta nova dirección do Partido Socialista en Vilalba e pola cal xa anunciamos que non estamos dispostos a continuar no proxecto do partido en Vilalba a partir de Maio do ano que ven. A falla de rigor, unha falla absoluta de proxecto para Vilalba, a deslealdade continua cos compañeiros do Grupo Municipal e un uso partidista dos acontecementos para tratar de conquerir uns cantos votos, fai imposible un futuro en convivencia no mesmo proxecto.
.
Dende o templete da Alameda quero deixar claro o meu respecto e compresión cos que discrepan pola tala desta árbore, tanto a asociación ecoloxista que denunciou a tala, da que non tíñamos coñecemento, como as opinións dalgúns veciños máis ou menos versados sobre o tema. Só espero que noutras ocasións, se contan coa información para reivindicar feitos deste tipo, se movilicen para intentar evitar o que posteriormente denuncian, xa que dende outubro, houbo moito tempo para facelo, e agora xa é tarde. Polo resto, só espero que tanto os castiñeiros de indias, o negrillo, a nosa Pravia e o resto das nosas árbores do Concello, sexan as beneficiadas desta polémica, para conquerir un mellor coidado que preserve a súa existencia e polo resto, que a vida poña a cada quen no seu sitio, de momento eu sigo a falar alto e claro.

Martín Seco García

lunes, 1 de noviembre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 29/10/2010

Sinto moito ter que quitarlle o autor e a Paulo a esperanza de ver como se recupera o verde para ese entorno, no será así por desgracia.


Lugo, 29 outubro 2010
.
Meu querido Antón:
.
Hai que ver como pasa a semana nun santiamén. Non sei se non será ousado en demasía pretender unha carta cada sete días, pero, en fin, temos ese pequeno compromiso e hai que tratar de cumprir.
.
Polo que vexo, xa estás ao tanto de que o domingo pasado non puiden acompañar á xente do IESCHA no percorrido da fermosa ruta do poeta Fiz Vergara aló polas terras do Lóuzara. Malia un tempo desapracible que, polo visto, non deixou contemplar no seu esplendor a beleza do percorrido, a nosa xente non se arredou, e foron más de sesenta os camiñantes que se arriscaron e que, por certo, regresaron moi contentos da súa aventura. A ruta dedicada ao poeta está, seica, ben pensada e ben sementada no seu percorrido con fermosos poemas producidos por aquel home eivado que soubo elevarse por riba dos seus males, a buscar palabras para cantar a beleza, tanto externa, a da paisaxe, como interna, a dun espírito vivo que transmite pesares, loitas, esperanzas e mesmo optimismo, malia ter unha vida, a súa, limitada en exceso.
.
En cada recanto da ruta do Lóuzara, está previsto que os participantes se deteñan a ler con calma ou mesmo escoitar o recitado de versos inspirados. Xa non é a primeira vez que o Instituto programa marchas deste tipo. E así, os nosos camiñantes chairegos van pouco a pouco descubrindo as diferentes rutas deseñadas en variados territorios de Galicia, e deste xeito imos aprendendo a conectar a vivencia espiritual da nosa cultura en harmonía coas nosas paisaxes sempre sorprendentes e nunca de todo descubertas.
.
Sen embargo, en Vilalba, que eu saiba, non hai ningunha ruta deseñada como tal, aínda que os do IESCHA xa deixamos feitos algúns percorridos iniciáticos por aqueles lugares que quizais algún día serán organizados, coa debida estela cultural, para invitación da moita xente á que lle presta camiñar por descubrir a beleza do propio, contemplada con ollos novos. Ti mesmo, Antón, que xa me tes acompañado nalgún de tales paseos, estou seguro de que estás disposto a seguires arrastrando os teus oitenta e moitos anos para gozarmos xuntos de tanta beleza. Iso si, os organizadores terán que ter en conta que tanto a ti coma a min non poderán esixirnos o mesmo sacrificio nin a mesma presteza coa que se moven os que son tan atléticos coma o Revés, por exemplo. Iremos amodiño, que non nos apresuren. E con tal cautela, acóllome á túa palabra e aos teus azos, e con eles animo aos dirixentes da nosa Asociación cultural para que non se demoren en deseñar rutas similares ás do Lóuzara ou ás de Castro de Rei, todo ao longo e ancho do noso territorio vilalbés. A comezar, claro está, polos camiños que nos leven á mítica Pena do Encanto que temos en completo abandono. E terán que ser os destas asociacións culturais quen se ocupen de o facer, porque teño o pálpito de que os do Concello non deben estar moito polo labor: a oposición anda algo murcha en ideas e o grupo gobernante non se caracteriza precisamente por fecundar ideas deste tipo. De poñerse a facer algo neste senso, moito me temo que encherían de cemento os arredores dos nosos ríos, e iso non é o máis desexable, supoño. Claro que non todos os populares son tan cegatos e seguramente haberá máis de un que se mostre disposto a colaborar en facer as cousas ben.
.
A propósito disto, non sei, Antón, que che responder a unha cousa sobre a que me interrogaches varias veces. Todos, coma ti, andamos moi curiosos por saber a finalidade dunhas obras que, desde hai algún tempo, se están a facer na alameda. Non che sei responder. Eu paseo por alí a diario e, polo que percibo, teño a impresión de que están repoñendo os pasos de peóns e canalizando as augas da chuvia. Sei tamén que tiveron que cortar algunhas das árbores que secaron na parte alta da alameda, pero ignoro se pensan repoñelas ou substituílas por máis cemento.
.
O que máis me confunde é non saber se existe algún proxecto serio e pensado na cabeciña dos que mandan: estou, coma todos, a velas vir. E paréceme que, de haber proxecto, non estaría mal que nalgún lugar da vila se mostrase á cidadanía unha maqueta ou algún debuxo que permitira opinar. Sería unha boa ocasión para promover unha democracia participativa da que tanto se fala polo mundo adiante e da que tanto carece a nosa vida municipal. Hai que recoñecer que, cando algúns edís dos anos setenta tiveron a idea, bochornosa, pero ben intencionada, supoño, de crear o cementón que agora chamamos praza da Constitución, os que gobernaban tiveron ao menos a boa idea de facer participar á xente cos seus comentarios, por máis que, ao final, non lle fixeran caso ningún aos comentarios. Teño recordos de ver no escaparate da farmacia de don Vicente unha maqueta ilustrativa de como ía quedar aquel espazo que agora contemplamos con horror, pero, ao menos, puidémolo comentar previamente, que algo é algo. E fomos moitos os que, xa daquela, puxemos un berro no ceo ao verificar que ían cortar de raíz as árbores centenarias que ornamentaban o que fora campo da feira. Ti, Antón, sempre me andas a dicir que aquilo foi unha barbaridade, pero tamén insistes en que non se pode negar que nos tiñan avisado do que ían facer: certo que non admitiron ningunha suxestión en contrario, pero avisar, abofé que avisaron e déronnos dereito á pataleta. Xa teño dado conta máis dunha vez das bágoas de meu pai cando contemplou desde o Roca a realización sangrante do que tiñan avisado. Sen contrición de corazón e sen propósito de enmenda.
.
Agora, que eu saiba, meu Antón, non se presentou ningún proxecto que o pobo poida consultar. E iso que temos algo máis de democracia ca que daquela tiñamos. Alguén, o Paulo, creo, seica che ten comentado que, ao mellor, están pensando en realizar un propósito de enmenda aprazado e dannos a sorpresa de volver a encher de terra todo o desnivel que baixa da casa do concello ata a Chouzana, plantando árbores autóctonas, coma Deus manda. Non sei, pero por soñar que non quede.
.
E por hoxe xa vai ben de discursos babecos. Cóidate e soña. Unha aperta do teu amigo
.
Bernardo.

sábado, 30 de octubre de 2010

¡SAÚDE, SOCIALISMO E REPÚBLICA! ATA SEMPRE, COMPAÑEIRO BRUNO


Recordo que chegou como un soplo de aire fresco, que inundou a sede socialista de Lugo de simpatía e dun inconfundible discurso marxista que difundía cunha notable oratoria. Era como un deses vellos republicanos que semellan falar coa voz da verdade. Puro no discurso e puro de corazón, sempre disposto a compartilo cos mais. Comportábase como un gran nas posaderas dos necios e poderosos e como un compañeiro leal de todos aqueles que compartíamos o seu proxecto. Foi un magnífico Secretario Xeral de Xuventudes Socialistas en Lugo e traballou a reo para conquerir o troco político que necesitaba a nosa cidade, ademais de facer da organización xuvenil unha auténtica escola de formación e ideas. Ó tempo que gañaba peso e con éste, posición para roubarlle os rebotes ó seu gran amigo Pedro, tamén gañaba autoridade moral para defender o seu comportamento crítico a todo aquel que se desviase do camiño marcado pola liña recta da moral e da ética, conquerindo con esta actitude, afastarse dos postos de decisión que quedaban reservados para outro tipo de compañeiros. Pero esto non era un problema para Bruno, que acompañaba ese compromiso co posicionamento crítico, cunha inmensa afabilidade e cun eterno sonriso debuxado na sua cara.


Compañeiro, alá onde estés, o lugar onde se atopan os bos e xenerosos, reuniraste con teu compañeiro chairego de batallas, para voltar a formar esa esquerda socialista que traballe para conquerir mellorar a situación dos que menos teñen. E dende alí, non te olvides nunca de agasallarnos co teu inesquecible: Saúde, socialismo e república e Visca o Barça.


Nunca te esquenceremos, ata sempre compañeiro.

domingo, 24 de octubre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 22/10/2010

Que bonito Victor, benvido a vida e que sempre che sonria a sorte, que o amor non che vai faltar.


Lugo, 22 outubro 2010

Meu querido Antón:

Nova carta, pero poucas respostas para as moitas preguntas que me fas. Antes ti facíasme comentarios do que acontecía para que eu os reflectise na carta do venres. Así daba gusto porque eu non tiña máis que reproducir as túas verbas (as publicables, claro), pero desde que estás fóra da vila, a penas comentas nada e preguntas moito. E moito é o que debes gastar en telefonía móbil, pero, claro, como paga o teu fillo .....

Hai uns días reprochábasme que non tivese estado no concerto que deu a Coral Vilalbesa xunto con outras dúas. En canto cho dixo o crego Mato, faltouche tempo para agarrar de móbil e poñerme verde. Teño que recoñecer que algo de razón tes porque efectivamente debería ter estado presente, tanto polo que me comprace como polas circunstancias que acompañaron esa mostra musical, por exemplo o estreo dunha nova peza por parte dos meus amigos cantores. Ademais diso, o meu compañeiro Mato, director do Orfeón lucense, chamoume repetidamente porque tiña interese en comentar comigo o progreso dos coros galegos. Así que pido perdón pola miña ausencia. Pero tamén debo dicirche que tiña motivos familiares moi serios e moi fermosos para exculparme.

Creo que non te informei dunha boa nova, acontecida na miña familia, que me encheu de tenrura. Naceume un neto. Dixen mal, naceume un novo sobriño-neto que, xunto cos outros dous, van compoñendo ese tecido tan entrañable de pequerrechos que substitúan aos verdadeiros netos que eu non puiden ter. Chámase Víctor e ten unha aparencia tan apracible e serea que mesmo semella un anxo a durmir tranquilamente nos brazos de quen o acolle, coma se quixese recitar co seu soño o gran poema da paz. Puxéronmo no colo e alí estiven máis dunha hora a ollar aquela cariña na que quixen, sen resultado, auscultar as imaxes que bulen xa, supoño, na súa cabeciña. Xa ves, Antón, un contacto co gran misterio da vida que sempre me impresionou.

Espero que tal goce poida escusar, diante de ti e dos cantores vilalbeses, a miña ausencia do concerto. O malo é que, despois do que che dixen, non me é doado falarche das outras banalidades da vida que van enchendo as nosas cartas ao longo do ano, pero, en fin, digamos algo da Coral que, despois de todo non é tan banal, porque eu son dos que creen na música coma o gran agasallo de Deus en forma de linguaxe primordial para nos poñer en contacto directo e inmediato coa divinidade, sexa esta a das miñas crenzas ou sexa a das crenzas dos ateos, que algunha terán, digo eu.

Pois ben, téñolle apego a esa Coral que eu vin nacer e na que puxen o meu grao de area para que tivera existencia: aqueles ensaios primeiros na casa do Cerillas, a entoar “O Consolo”, lembras? aquilo do sol que escomeza a pórse / orade, di a campá ....

Por certo, non se che acorda o moito que che insistín en que viñeses probar se valías para o canto?. Fíxeno, tamén sen resultado positivo, porque ben notei que non tiñas mal oído, a túa voz non desentoaba e o ambiente amistoso habíache compracer moitísimo, como nos acontecía aos demais. E, por riba, eras moi amigo do Antoñito Paz, do Goldar e do director, Alfonso, cura de Burgás. Pero, xa digo, nada, non quixeches participar: ti, tan túzaro coma sempre, malia ser moito máis novo ....A última vez que vin actuar á Coral foi na misa de San Ramón, e atopeina moi afinadiña e conxuntada, e advertín mesmo a presenza dalgún novo compoñente coma o Tito do Ramallal, o que non deixa de ser unha esperanza. Sempre me pregunto que cumpriría facer para que tantos vilalbeses que cantan ben, mesmo moi ben, e que por riba se divirten cantando, se decidan a compartir cos coralistas o gusto da música. En máis dunha ocasión, ti mesmo, amigo Antón, tesme preguntado por que, habendo tantos estudantes no Conservatorio, non proliferan máis os creadores de grupos con iniciativas musicais propias, polo estilo do que foi Xorima ou Os Malos Hábitos, por exemplo. Non sei responder, pero por veces teño soñado con que aparecese algunha xente nova, con ansias de cantar, que lle dése á Coral un pulo de renovación, o que seguramente tamén sería do agrado dos actuais participantes. Ou mesmo, a creación de cuartetos ou octetos, ao estilo de Euskadi, que animase os veráns da vila. A propósito disto, lembro con agrado aqueles tríos de cordas que dulcificaban cos violíns os recunchos da praza con motivo da Feira Medieval, aínda que eu aquí estoume a referir especialmente á promoción do canto. Por certo, unha tarde atopeime por casualidade con catro exalumnos meus, vestidos de tunos, e ocurriuseme levalos por algúns bares e poñelos a cantar. A verdade é que cantan moi ben, pero non te podes imaxinar, Antón, a cariña de satisfacción que se vía nos seareiros dos bares. Foi nesa ocasión cando volvin a me preguntar se haberá xeito de animar á mocidade. Ti mesmo, meu amigo, fálasme moito dun caso como é o das Pandereteiras de Andrade que, por fortuna, senten a Galicia en plena Chaira. Ben me lembro delas, pero déixame soñar con moitos máis vilalbeses a cantar na Coral, ou a cantar pola súa conta ou as dúas cousas ao mesmo tempo, porque, como ti me dis a cotío, primeiro é soñar e despois facer realidade aqueles soños, un traballo espléndido a realizar polos animadores da cultura.

Nada máis por hoxe, e non te queixes. Recibe unha forte aperta do teu amigo,

Bernardo

martes, 19 de octubre de 2010

"Caixón De Xastre" por Manolo Roca


Como son as cousas, quedoume este artigo sen ler, ata estos días que revolvín na hemeroteca do xornal da nosa terra "Terra Chá Xá". Para min e os meus é especial ler esta perla, non só pola categoría de quen a escribe, o profesor Manolo Roca Cendán, senon polo moito que nos une ós membros da familia Seco con toda a familia Roca, que ademais de curmáns son un exemplo para todos nós, dunha gran familia unida, formada, noble, valente, agarimosa e voluntariosa no esforzo de facer unha Vilalba mellor e máis dinámica.
.
Para o meu pai e todolos membros da miña familia, tanto Manolo, a súa nai Carmucha que o meu pai recordou especialmente o día da súa homenaxe, o recordado e querido por todos nós Chichí, tódolos irmáns sen excepción, Juán, Lis, Chichí, Niní e Mari Carmen e como non, os nosos curmáns aínda que non o sexan de sangue, Sesé e Conchita, tivechedes, tedes e sempre teredes un lugar privilexiado no noso corazón e nas nosas vidas. Grazas por estar ahí.
.
COMEZO OBRIGADO: HONESTIDADE
.
Nesta nova xeira de colaboración con TERRACHA. Xa que abro neste mes de agosto é obrigado que comece cunhas liñas de recordo ao meu curmán MARTÍN SECO CENDÁN, a quen a parca levou, de súpeto, hai ben pouco tempo. O masivo recoñecemento popular que, por partida dobre, tivo neste ano subliña o moi querido que era (na Terra Chá, si, pero tamén fóra dela). Tanto os centos de persoas que asistimos á cea-homenaxe coma o impresionante desfile humano de despedida na súa morte reflicten inequivocamente ese recoñecemento popular a un home bo e xeneroso, sempre disposto a facer seus os problemas das persoas que necesitaban do seu apoio.
De resumir tan só nunha palabra o seu importante papel no desenvolvemento do socialismo chairego, téñoa ben clara: honestidade.
.
Neste tempo no que temos en variados partidos tantos exemplos de políticos corruptos e de “medradores” que pensan máis nos seus intereses persoais que nos da sociedade á que deberían servir, é unha mágoa que “a que sempre chega” viñese tan axiña para Martín, só uns días despois de que estivese, moi animado por atoparse fisicamente mellor, no acto de presentación a obra do que foi gran amigo seu: Xosé Luís García Mato.
.
Quédanos o seu exemplo vital de teimoso defensor dos seus ideais, aqueles que nos lembrou nas últimas palabras do seu discurso na cea - homenaxe:
.
“Traballei todo o que puiden por convencemento. Por estar convencido dunha idea. Unha idea
que non é outra que lograr o benestar para os máis débiles.Por unha idea que di que non hai dereito a que neste mundo haxa xente que morre de fame. Que non ten médico. Que non ten escola. Por unha idea que quere a República para este país. Por unha idea que quere: Liberdade,
igualdade e fraternidade. Aí está o socialismo. Aí estou eu”.
.
É XUSTO E NECESARIO:
.
É XUSTO que Vilalba nomee a Xosé Luís García Mato CRONISTA OFICIAL DE VILALBA
A TÍTULO PÓSTUMO.
.
Sen tempo xa non vai ser, porque morreu en xaneiro de 1981. Van case tres décadas, ben pouco...na historia da humanidade anque moito para un pobo que queira cumprir axeitadamente
cunha das persoas que máis estudou no século XX a súa historia e que máis traballou no seu desenvolvemento cultural en moi variados aspectos, como a publicación da obra de autores chairegos que durmían un soño de moitas décadas (de Xosé Chao Ledo, de Antonio García Hermida), a organización de exposicións de pintura (como a inesquecible de Antonio Ínsua Bermúdez) de conferencias, etc...
.
É NECESARIO que o Pleno do Concello de Vilalba, como organismo representativo dos milleiros de persoas que compoñen este concello, adopte este acordo, que xa solicitaron hai vintenove anos a “Agrupación Cultural Lois Peña Novo” e o patriarca chairego (Manuel María, nun fermoso artigo en “A Nosa Terra”). Neste tempo de austeridade, temos aquí un posible
acordo plenario que non supón custo algún para as arcas municipais. O que si supón un importante custo é seguir facendo oídos xordos a esta xusta demanda; neste caso o custo non é
económico senón de credibilidade ante a opinión pública de quen ten que tomar esta decisión.
Ogallá decidan ese nomeamento antes de que, en xaneiro de 2011, se cumpran trinta anos da súa morte. É XUSTO E NECESARIO.
.
Manolo Roca Cendán

Comunicado do sector dos “Militantes históricos” do PSdeG-PSOE de Vilalba


Dado o inminente proceso de elección de candidatos e demais integrantes das listas para as eleccións municipais do 2011. Os membros do grupo de “militantes históricos” do PSOE Vilalbés, entre os que nos atopamos os concelleiros Margarita de Vicente Mato, Martín Seco García e máis da metade dos integrantes da anterior lista electoral do PSOE no 2007, queremos deixar clara a nosa posición ante tal proceso:

Ata o final de lexislatura e se nada troca a situación actual, os concelleiros De Vicente e Seco seguiremos a tramitar como ata agora, en todos aqueles foros do Concello onde poidamos realizalo, aquelas iniciativas que os veciños de Vilalba teñan a ben comunicarnos, por respecto ó noso partido, ós cidadáns que nos elixiron co seu voto e a confianza que a anterior dirección do partido, con Martín A. Seco Cendán ó fronte, depositou en nós.

Por coherencia co noso posicionamento político, ante un proxecto cuns principios que non compartimos, renunciamos a participar na elección do próximo candidato a alcaldía de Vilalba polo PSdeG-PSOE e non desexamos ser incluídos na lista electoral que o noso partido presente ás eleccións municipais do 2011.

Aínda que non sexa prato do seu gusto, esiximos do Señor Eduardo Vidal, que asuma a forte aposta que iniciou cando se presentou a Sº Xeral do PSOE Vilalbés, facendo añicos o relevo marcado pola anterior dirección local, cara unha nova etapa encabezada por Elba Veleiro, que é de sobra coñecido que contaba cunha grande aprobación da sociedade vilalbesa. E que agora debería continuar, propoñéndose como candidato á alcaldía do noso concello, algo que debería de facer se conta cun mínimo de responsabilidade e respecto pola institución que representa. Ademais esiximos que o faga, dedicándose en corpo e alma a dita tarefa, posto que igual que o anterior Sº Xeral, Martín Seco Cendán, renunciou a voltar a presentarse como candidato á alcaldía, para asumir responsabilidades de dirección na empresa pública TRAGSA, o Señor Vidal, se cre no proxecto que encabeza, debería deixar o seu cargo como Director do CETAL, para entregarse a nobre causa de ser un bo candidato para o Partido Socialista en Vilalba, xa que eticamente é incompatible o traballo que ten que desenrolar un candidato a alcalde dun concello como Vilalba, coa dirección dunha entidade como o CETAL que esixe unha dedicación absoluta, como o propio Eduardo Vidal ten explicado, cando fala desta entidade nos medios de comunicación.

domingo, 17 de octubre de 2010

Los pronósticos y el futuro de la marca PSOE

Tómome a liberdade de publicar este interesante artigo do amigo e compañeiro coruñés, Pablo Arangüena que podedes atopar no Blog de Izquierda 21:
.
.
IZQUIERDA 21 é o grupo ó que pertence Pablo e outros amigos da esquerda coruñesa que intentan facer o que está fallando nestes instantes na esquerda en xeral, Debate de ideas.

Saúdos para eles, dende o templete da alameda vilalbesa.



Escuché el otro día a un superministro, al cual le pedían en la radio su opinión acerca de cuándo empezará a despejarse el horizonte de la crisis en España, que “nadie es capaz de hacer pronósticos”. Yo, en cambio, como soy muy osado y sin consciencia de parentesco alguno con Nostradamus, estoy convencido de que, al estado actual de la ciencia, pueden hacerse, como mínimo, tres pronósticos con una elevada probabilidad de cumplimiento.

Pronóstico 1: La economía española permanecerá estancada durante años. Esto es así, en primer lugar, porque el endeudamiento total (público + privado) de la economía española asciende, según las fuentes más moderadas, a un 350% del PIB, que es una proporción muy elevada, que no puede incrementarse más como se ha venido haciendo en el pasado y que lastrará el crecimiento de forma permanente. Por cierto, es bueno aclarar que la mayor parte de este endeudamiento es privado y generado mientras gobernaba el PP. En segundo lugar, porque no es fácil pasar de un modelo basado en la construcción (también pública y privada) a otro basado en una economía más productiva y esto, en el supuesto de que se consiga, lleva años, según muestra la experiencia comparada de países con una buena gobernanza.

Pronóstico 2: En ausencia de crecimiento, la tasa de paro no descenderá significativamente, porque, según las leyes económicas aplicadas a la experiencia española, no baja si la economía no crece, aproximadamente, por encima del 2,5%. Por eso podemos esperar que el paro se mantenga estable en torno al 20% de la población durante bastante tiempo, probablemente años.
Pronóstico 3: Si el paro no desciende, es altísimamente probable que las próximas elecciones generales las gane el PP si no hace nada fuera de lo normal, tipo pelarle la barba a Rajoy, proponer a Aznar para el Nóbel de la Paz o tratar de canonizar a Camps. De hecho, lo contrario sería un milagro porque, como alguien dijo una vez, “es la economía, estúpidos” y porque no parece probable que los nuevos parados y sus (NUESTRAS) familias vayan a estar muy contentos mientras no mejore su situación.

Si los anteriores pronósticos suenan acertados me parece que sería bueno empezar a plantearse que el PSOE es, además de una mera maquinaria electoral, una marca política centenaria y que su correcta gestión es fundamental para no comprometer su futuro. La gestión de una marca implica cuidar los atributos que la configuran. Por ejemplo, si Bodegas Vega Sicilia detecta que hay un gran mercado entre los jóvenes botelloneros y lanza una línea de kalimocho a base de grandes reservas, los valores que representa su marca se verían comprometidos a medio y largo plazo aunque el kalimocho tuviera éxito a corto plazo.La marca PSOE se ha fundamentado tradicionalmente, en mi opinión, en los valores básicos y amplios de socialdemocracia ( redistribución y defensa de lo público, incluyendo las instituciones democráticas) y libertad. Si bien en materia de libertades el balance que puede exhibir este gobierno es positivo, en la otra vertiente, la socialdemocracia, se ha ido de más (pensiones y salario mínimo en la primera legislatura) a menos hasta llegar a las últimas decisiones que, si algunos entienden, muy pocos comparten. No voy a entrar al detalle pero, si fue difícil en su momento entender medidas como el cheque bebé, la desgravación de los 400 euros (en ambos casos, medidas no progresivas y que, sin atacar las causas de la crisis, se limitaban a maquillar sus efectos ) o la supresión del impuesto del patrimonio (por su simbolismo regresivo, más que por su importancia), las últimas medidas, como la reforma laboral o la congelación de pensiones, son de las que erosionan la imagen del PSOE hasta niveles difíciles de predecir porque afectan de forma duradera a los cimientos de la marca. Aún en el supuesto de asumir la necesidad de su adopción (la presión insoportable de “los mercados” sobre la deuda con la que cubrimos el déficit público y los toques de atención de quienes dirigen el cotarro económico más allá de los Pirineos), menos comprensible es la forma en que se ha hecho, de la noche a la mañana y sin hacer ningún tipo de pedagogía o preparación, como si la dificultad para elaborar pronósticos nos hubiera metido de cabeza en una larga excursión infantil por un mundo de sorpresas imprevistas.

En esta situación, aparte de hacer buenos pronósticos, parece que toca empezar a pensar más allá de las próximas elecciones e ir diseñando una salida que se aparte de los personalismos y minimice los daños al partido, que seguirá estando ahí cuando sus dirigentes ya no estén.

Por cierto, yo también soy partidario de la limitación de mandatos.

Pablo Arangüena.

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 15/10/2010

Esto é o que pasa cando non se fan as cousas ben e non se traballan os temas a tratar.
Penoso que teñamos que acabar lendo cousas como ista que escribe Bernardo, co ben que comezaramos a lexislatura, pero ata que algúns nos apartaron da vida do partido non pararon, ¿teríamos razón nas nosas críticas?.

Deixo a pregunta no vento.

Lede a carta que non ten desperdicio ningún.


Lugo, 15 outubro 2010

Meu amigo Antón

Alégrame moito cando me chamas para facerme preguntas ás que debo responder nesta carta semanal. Alégrame, porque, se non, non sabería de que che falar. Pero agora, desque andas ao lonxe, as túas preguntas multiplícanse e a túa curiosidade volvese insaciable. O que pasa é que a moitas das túas demandas non sei responder, sobre todo responder con xeito, porque me falla a información: ben sabes, o máis do día estou en Lugo e cando chego a Vilalba pola noite a penas me atopo con ninguén mentres dou o meu paseo. Por certo que xa che dixera nunha ocasión, hai tempo, que ía fundar unha asociación que levase o pomposo nome de SOSVI, é dicir Serenisima Orde dos Serenos de Vilalba. A cousa viña dos meus recordos de neno e adolescente cando todos coñeciamos perfectamente aquela figura do sereno (o Cubano, para máis precisión) que facía un labor impagable, porque pasaba a noite enteira, co seu gorro e o seu chuzo, a percorrer as mesmas beirarrúas que eu pateo cada noite. O caso é que, como ti e máis eu temos comentado tantas veces, todo o mundo sabía onde atopalo axiña e contar así cunha axuda rápida e precisa ante calquera emerxencia, e iso, meu amigo, non tiña prezo.

Agora a cousa está moito máis modernizada, xa que aumentou o número de policías municipais que, ademais, sérvense de coches; pero o problema é que non é doado atopalos coa rapidez que sería precisa. E falo por experiencia. A cantidade de xente viaxeira que se detén, pola noite, a recadar informacións de certa urxencia é moita máis da que imaxinamos, e acabo por ser eu a única persoa que atopan para exercer o imprescindible servizo informativo. Nalgunha outra ocasión atopeime con casos moi graves de xentes sen teito e sen cartos, disposta a durmir á intemperie, aterecidos polo frío vilalbés que, como ben sabes, non é pouco. Pois a ti, meu Antón, ben se che acorda, porque cho teño contado, que non me foi nada doado atopar axiña algún funcionario que lles puidera dar algo de solución para que non amencesen tesos coma fungueiros. Así que matinei en organizármonos os que gustamos de pasear pola noite para, ao mesmo tempo, facer ese labor de axuda; pero nada, todo quedou en que o presidente de tal asociación son eu, e conto cun único socio que tamén son eu. Xa ves, Antón, que é verdade o que ti me dis a cotío: non teño dotes de organizador.

E aí tes, xa me enrrollei máis da conta, coma sempre, e, sen querer, deixo escrita media carta. En fin, volvendo a coller o fío, o que che quería dicir é que, como a miña vida vilalbesa é nocturna e case non vexo a ninguén, non son quen de recoller información para responder ás túas preguntas de curiosidade ilimitada. Antes aínda vía ao Luís do Serafín ou ao Chente da Ferrería ou mesmo o Docho que me poñían ao corrente, pero agora non dou con eles, supoño que saen máis cedo.

Dixéchesme que che falara de como vai a vida no Concello. Pois, meu amigo, eu ben quixera informarte, pero, claro, non vou aos plenos (non podo, aínda que debería) e, por outra parte, os meus amigos que ás veces van, esta tempada tamén andan alleos dabondo a canto se coce na vida oficial do municipio. Leo a prensa, iso si, pero tampouco hai demasiadas noticias. E isto é o grave. Se cadra, equivócome, pero teño a sensación de que non hai oposición ou, de habela, non funciona, porque a penas aparecen críticas ou disputas sobre as propostas e os feitos da alcaldía. E se non hai dialéctica, evidentemente tampouco hai vida. Chegaron mesmo a me comentar que hai pouco tempo os da oposición presentaron algunha moción para que o grupo de goberno demandase cousas que, polo visto, xa estaban concedidas, e os da moción deberían sabelo, pero non se decataran. E así, as cousas non van ben. Aínda que non fose máis que por mover o ambiente nesta época en que xa se sente a proximidade das eleccións, era de esperar que as intervencións dos concellais da esquerda fosen máis abundantes, máis penetrantes e máis pertinentes, contando co Irimia, claro. Pero, xa digo, se cadra, ando equivocado e nese caso pido escusas.

Onte escoitei na radio que algún dirixente socialista acusou ao alcalde de non ter ido ás Pontes para defender os postos de traballo ameazados polo decreto das minas. A acusación é moi discutible, pero a resposta da autoridade que eu oín foi especialmente curiosa: viña a dicir, se non entendín mal, que os socialistas deberían calar, xa que non poden alardear de defensores do traballo porque Zapatero é o culpable de todo. Supoño que quixo dicir que tamén é responsable da política vilalbesa, xa que diso se trataba. Por certo, será tamén o presidente o culpable de que o alcalde non quixera reducir algo os seus emolumentos, ao menos coma expresión simbólica de resposta á crise, como, por certo, estamos a facer todos os funcionarios?. Despois de todo, disque cobra máis de dez millóns de pesetas anuais, tanto ou máis ca moitos alcaldes de cidades moi importantes. Xerardo é listo, ben o sei, pero desta vez deixou escapar o que sería un bo xesto pola súa parte. Non sei o que opinas ti, meu Antón, pero estas son algunhas cousas da nosa municipalidade que che ofrezo mentres agardo os teus comentarios ... publicables.

Non quero nin debo ocupar máis tempo desta emisora, así que vou rematar, pero non quixera deixar de aludir a unha das túas preguntas que se interesaban polas actividades culturais. Sorprendeume, porque ti non es precisamente un seguidor dos asuntos culturais, pero seica soubeches polos do IESCHA que unha coñecida túa por parte de pai, veciña de Castro de Rei e profesora en Vilalba, Carme Cabaneiro, ía expoñer unha parte importante da súa obra pictórica no salón do auditorio vilalbés. Efectivamente así é, e eu non me privei de ir véla e facer un percorrido demorado e contemplativo. O seu estilo xa o coñecía, e alí está en todo esplendor: colores suaves anti-stress, moi expresivos, e, omnipresente, unha figura de muller desposuída de todo artificio, mesmo sen pelo, que a autora converte en palabra, na súa palabra, coa que trata de abarcar a realidade, coma se declamara un poema. De feito, a exposición titúlase “palavras” (sic). Ti, Antón, disto non entendes nada, pero impóñoche que, se che cadra vir pola vila, non deixes de achegarte ao auditorio: teño a sensación de que gozarás vendo aquela moza que na simplicidade de liñas sen aderezos, converte en palabras o seu ollar, a súa postura e a disposición do seu corpo no conxunto de cada cadro, e cada palabra fala de tenrura ou de desacougo ou de esperanza. E, para regalo engadido, hai tamén uns cadros doutra pintora, para min descoñecida, pero que me chamou moito a atención. Creo que se chama Beatriz. Ten un estilo moi peculiar onde as palabras son reais, palabras escritas, pero non son para ler senón para que, xuntas, se transformen nun rostro que se fai adiviñar, coma se estivera agochado por tras delas, deixando de cando en vez, ben destacados, uns ollos e unha boca, tal como se observa nun autorretrato que se fai a autora. Meu amigo Antón, vale a pena. Chámame cando veñas pola vila e eu acompañareite encantado. Así, ao tempo que che explico, aproveito para ver de novo esa exposición.

E por hoxe nada máis

Xa sabes canto te aprecia o teu amigo

Bernardo

viernes, 15 de octubre de 2010

Hoxe venres 15 de Outubro comeza a Feira 1900 de Arteixo

A Feira 1900 de Arteixo, comeza hoxe Venres e dura todo o fin de semana, invítovos a todos a visitala!!!!
Música, tradición, gastronomía, historia, xogos, bailes e, nesta ocasión, os estraperlistas como protagonistas.

A Feira Histórica Arteixo 1900 chega este ano a súa XI Edición cun programa repleto de actividades para todos os gustos e idades.


No Centro Cívico e Cultural inaugouse a mostra de fotografías e obxectos antiguos da Asociación de Pensionistas e Xubilados de Arteixo, que permanecerá ate o 17 de outubro próximo.

Hoxe venres, 15 de outubro, ás 17:00 horas, Arteixo volverá ao 1900 coa apertura do mercado de artesáns que fará as delicias de todos os visitantes que se acheguen durante a fin de semana ao paseo fluvial e praza do balneario.

O mesmo día ás 20:00 horas, mercado do Balneario e churrascada e, de seguido, noite de queimada co grupo Troula Animación. Será na praza do balneario que acollerá tamén ás 22:30 un pasarrúas coa charanga “Os Trompos das Nicras” e verbena con “Los mezcales de San Antonio” e “Los Revenidos”.

O sábado 16, apertura do mercado de artesáns e das casetas das bibliotecas municipais “facendo historia” ás 11:30. Unha ronda poética do batallón literario da compañía Femme Fatale percorrerá as rúas do municipio e o paseo fluvial acollerá un obradoiro infantil sobre o estraperlo.

A comitiva 1900 sairá ás 12:30 horas para inaugurar oficialmente a feira e a mañá rematará cun espectáculo de títeres no paseo fluvial e sesión vermú con polbada e churrascada na praza do balneario.

Pola tarde comezarán ás 16:00 os xogos populares coa xa tradicional baixada de carriladas, torneo aberto de xadrez, fútbol e boxeo de época co árbitro zancudo e xogos populares infantís con obradoiro de elaboración de faldriqueiras.

Como novidade, record de Galicia a cargo da asociación de Deporte Rural Vasco en corte con hacha, tala de madeira con motoserra e levantamento de pedras.


O público asistente poderá disfrutar tamén da granxa do Pombal e verá aos estraperlistas facendo o día.

Na praza do balneario celebraráse unha polbada a partir das 20:00 horas na Tarabela, novas cantareiras da Asociación Xuvenil Xiradela, e Calúa poñerán a música popular.

Pola noite chegará o menú tradicional 1900 con música en vivo que terá lugar no Pazo dos Deportes de Arteixo, mentres que a praza do Balneario será o escenario da VI Ruada de Arteixo da Asociación Xuvenil Xiradela.

O domingo 17, último día para pasear e mercar nos postos de artesanía que estarán acompañados pola Banda de Música Santiago de Arteixo.

Haberá tren turístico e xincana infantil, e degustación de callos con sesión vermú na praza do balneario.

Pola tarde, xogos infantís e actuación dos grupos de baile galego e pandeireta do CEIP Ponte dos Brozos.


Os arrieiros de Os Quinquilláns emprenderán unha viaxe fantástica ás 18:00 horas e atoparánse con distintas personaxes e os máis pequenos poderán participar no obradoiro de elaboración de mosaicos.

A praza da igrexa acollerá a partir das 19:00 horas un baile de acordeón con acompañamento vocal ambientado nos anos 30 e así pecharánse as portas do 1900 ata unha vindeira edición.

Quédavos aquí un enlace para pinchar se o queredes descargar a programación:

domingo, 10 de octubre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 08/10/2010


Lugo, 8 de outubro do 2010


Meu amigo Antón


Supoño que non che molestará que lle conte aos nosos oíntes algo da conversa que tivemos onte á noite mediante os nosos teléfonos móbiles. Na carta anterior xa expliquei para quen nos escoite, que tiveches a sabia decisión de utilizar este trebello ao que te resistías fortemente, quizais por medo a non entenderte con el, como ti me explicaches, aínda que eu siga a crer que a razón principal non era esa senón a de non gastares os teus cartiños en mercalo. E a verdade é que non sei para que queres máis euros, pois tes dabondo para vivires sen anguria o tempo que che quede, e, por riba, nun caso de apuro, tes o apoio dos teus fillos; pero en fin, así son as feblezas humanas: por moi vello que un sexa, a ambición do diñeiro, de posuír cousas, segue a ser moi grande. Claro que sempre se pode explicar. Se cadra, o feito de dispoñer dalgúns aforros pode atraer cara a ti a consideración e o cariño dos netos, un xeito de mercar o seu agarimo; ou pode ser tamén unha manifestación de autonomía propia en relación co resto da familia, coma se lles dixeses: estou con vosoutros, pero tamén podería amañarme sen o voso coidado. Despois de todo, esta é unha actitude moi actual, moi moderna, a de non dependermos de ninguén. Sempre penso niso cando, ao saír da casa polas mañás, contemplo a tanta xente de idades avanzadas que fan cola para comprar o cupón do Xacobo ou as loterías na casa do Rosendo Formoso.
.
Pero ben, non era diso do que che quería falar nesta carta. Quería referirme a unha anécdota do que lle aconteceu a unha amiga túa e coñecida miña cando ía apresurada pola rúa da Raíña, en Lugo, cara a manifestación o día da folga xeral. Ela contoucha entre risas e ti quedácheste aparvado sen saber como reaccionar. Entón colliches o móbil para que eu che explicara por que aquela muller lle daba tanta importancia ao acontecido. Ao final, todo era cuestión dunha palabra que non entendiches. A min paréceme que vale a pena reproducir aquí a túa narración por se os nosos oíntes queren apreciar a catadura moral do acontecido.
.
O caso é que, polo visto, a túa amiga pensou en mercar unha chucharía nun establecemento que tiña as portas a medio pechar mentres o propietario estaba vixiando desde fóra. Ela preguntoulle se podía entrar e el respondeulle (en castelán, claro) que agardase un anaquiño, que axiña ía abrir o establecemento en canto mesmo pasase toda aquela mugre. Ti evidentemente non sabías que era iso da mugre e polo tanto non entendiches por que á túa amiga lle respondera ao dono do establecemento de tan mala maneira. Pois ben, meu amigo, eu tiven que cho explicar: mugre non é o nome dun sindicato nin o dun novo partido nin dunha sospeitosa asociación cultural, non, mugre é o que cheira mal, o que fede a porcallento e sucio, o que é desprezable por desagradable. Espero que agora entendas o cabreo da túa amiga, e tamén espero que se alguén nos escoita pola radio se faga idea dos modos que empregan algúns lugueses que pasan por seren moi educados, ben considerados e mesmo xente fina. Podería ese señor estar en desacordo coa folga e mesmo estar anoxado cos manifestantes, estaría no seu dereito, pero, meu amigo, non puido resistir o se pasar ao insulto, porque, seguro que empurrado polo seu cabreo, fixo aflorar o prexuízo que levaba moi dentro, e do fondo da súa mentalidade xurdiu a súa idea de que facer folga e manifestacións é cousa das esquerdas e non de xente civilizada, inda que defendan os seus dereitos. Os conservadores tamén fan manifestacións de cando en vez, pero son manifestacións civilizadas, de xentes como Deus manda, que non lles piden aos comerciantes que pechen as portas. Os conservadores non son mugre, non, que se duchan a diario, ou que pensabas?.
.
Amigo Antón, supoño que me permites dicirlle aos oíntes que estes comentarios non son meus senón da túa autoría en canto soubeches o que era iso de mugre. Eu non fago máis que reproducilos. Pero engado pola miña conta que aquel comerciante debía medir os seus insultos, porque seguramente non matinou en que moitos dos que ían na manifestación terían mercado cousas no seu establecemento sen que o tal home se vira na obriga de botalos por falta de hixiene. Pero, en fin, aínda andamos como andamos de formas civilizadas.
.
E outra cousa, meu Antón. Dáme moita pena que andes, esta tempada, metido en médicos, sobre todo agora que, ao estares lonxe, fáltache o teu, o de toda a vida. Efectivamente, cadro de acordo contigo no moito que vale un profesional da menciña, médico ou enfermeira, que sabe estar preto dos pacientes neses momentos de anguria en que nos afrontamos aos nosos males. Están ben os especialistas, están ben os grandes expertos que che miran unha parte do corpo, a que lles corresponde, e non se fixan nas outras partes de corpo e alma porque non é da súa especialidade. Están ben porque fan falla e ás veces, por fortuna, logran o remedio. Pero os que vivimos nos pobos sabemos ben o que representan aqueles profesionais que son coma da casa, aqueles que mesmo parece que só con se presentaren diante do enfermo xa aportan un pouco de saúde. Aquí, polo teu mandado, tería que poñer nomes, pero non ouso facelo por non ferir aos que esqueceriamos inxustamente, pero, se che parece, aproveito esta carta para mandarlles da túa parte e da miña aos nosos médicos domésticos e amigos (eles ben saben quen somos) o agradecemento máis fondo polas palabras que nos din e os ánimos que nos infunden. Unha das cousas máis bonitas de vivirmos nun lugar pequeno coma Vilalba é a de podermos contar non só cun médico senón cun médico ou médica que ademais é amigo e que saben non facer moito caso das imposicións que lles veñen da Consellería para que non se paren moito con cada enfermo. A iso os burócratas chámanlle produtividade, pero eles, os doutores, ao desobedecer un pouco as normas, están falando de amizade que é cousa máis bonita. Estou seguro de que quen escoite, estará pensando nun nome que lle resulta querido e que ten gardado no seu corazón. De novo, Antón, estouche agradecido por terme dito estas palabras que eu transmito coa miña aprobación e seguro que coa de moita xente.
.
E nada máis. Isto saíu longo en exceso, pero agora non teño gañas de abreviar e así o deixo. Recibe, na túa lonxanía compostelá, unha forte aperta do teu amigo
.
Bernardo