jueves, 6 de septiembre de 2012

Artigo de homenaxe de Francisco Sineiro a Bernardo Garcá Cendán




Hai uns días que nos deixou o bo amigo Bernardo García Cendán. Bernardo tivo unha ampla e intensa vida que foi desde o seu traballo pastoral en París e como crego no Ferrol nos anos oitenta, no barrio do porto e na asistencia aos máis marxinados, ata a súa actividade como profesor de Socioloxía na Universidade en Lugo nas últimas dúas décadas.

Ademais traballou na promoción e defensa da nosa cultura e da súa Vilalba natal e da Terra Chá. Foi impulsor de varias iniciativas, ás que despois se dedicaba máis ben a seguir na sombra; así fixo en Irimia, en Encrucillada e no Instituto de Estudos Chairegos. E tamén foi escritor de pezas do noso folclore, pois era ademais un bo coñecedor e aficionado á musica.

Tiven a sorte de coñecelo desde hai máis de trinta anos. Ao comezo foi de modo fugaz, pero nas últimas dúas décadas máis asiduamente, ao compartir o noso xantar en moitas xornadas de traballo sobre o prato do día nunha das casas de comida máis xenuínas e acolledoras de Lugo, atendidos pola nosa amiga Josefa.

Alí temos compartido o noso tempo, conversas e discusións con outros compañeiros e tamén moitos días os dous sos. E foi precisamente nestes últimos cando temos compartido as experiencias e conversas máis persoais. A admiración polo seu pai, barbeiro en Vilalba, vello republicano e simpatizante da Unión Xeral de Traballadores, que tivo que soportar no seu pobo os longos anos de pedra e que a Bernardo lle gustaría que tivera disfrutado destas últimas décadas, aínda que lle puideran ter producido algunhas desilusións sobre os seus ideais. As esperanzas que lle creara o Concilio do Vaticano segundo e despois as súas discrepancias coa Igrexa oficial das últimas décadas. Sempre valorei que compartira estas confidencias e falaramos destes asuntos desde posicións persoais diferentes.

Bernardo era un home profundo nas súas ideas, pero moi disposto ao debate, ao que aportaba as súas amplas vivencias e experiencias, e tamén os seus coñecementos, que levaba con moita discreción. Pero sobre todo Bernardo era unha persoa cálida e sensible no trato, un bo amigo, un home de valores nun mundo bastante escaso deles.

Persoalmente sinto non ter tido unha última conversa con il que se foi aprazando e na que por desgraza se nos adiantou a súa morte.

Francisco Sineiro