domingo, 21 de diciembre de 2008

Lotería de Nadal do PSdeG-PSOE de Vilalba

.
Ante as preguntas de moitos veciños de Vilalba pola ausencia da tradicional venta de lotería de Nadal da agrupación local do PSdeG-PSOE de Vilalba.
.
Teño que aclarar, para todos aqueles que non o saiban, que coa chegada da nova dirección á agrupación local vilalbesa supoño que decidirían non organizar a venta de dita lotería, que tantos anos vendemos os compañeiros apartados da actual dirección do partido e que tanto axudou a financiar as nosas actividades ademais de facernos presentes na vida social do noso concello.
.
Non sei se lles sobrarán agora os cartos ou que da demasiado traballo desinteresado aos que teñen que vendela ou que tamén hai que dar a cara para facelo.
Dende aquí e posto que a nosa lotería este ano non pode tocar, desexaros a tódolos vilalbeses que o gordo deste Nadal recaiga sobre algún dos moitos números que xogamos en participacións no noso concello.

viernes, 19 de diciembre de 2008

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (19-12-08)

.
Meu amigo Antón:

Xa andamos nas Navidades outro ano máis, e con esta carta quero manifestarche, meu burlón amigo, a miña felicitación. Por certo, non sei se será politicamente correcto dicir iso de Navidades, ou Nadal ou Natal, nestes tempos nos que algunha xente anda moi preocupada pola supresión de linguaxes relixiosas e pola conseguinte implantación dunha linguaxe laica. A Igrexa, segundo eles, xa dominou tempo dabondo ao persoal. E, se cadra, teñen algo de razón. Habería que o discutir, pero agora non teño ganas. Ao mellor nesta carta tería que che dicir simplemente: boas festas de invernía. Pero en fin, se lles pedimos desculpas aos nosos oíntes máis puntillosos, e se teñen en conta a miña condición sacramental e a túa de cachazudo tradicionalista, non creo que se nos alporicen en demasía. Así que, meu Antón, que teñas boas festas natalicias ou renatalicias, é dicir, que renaza en ti cada día o misterio do Amor. Do amor de verdade, claro, porque para o outro xa vas indo algo vello de máis.

E, para que todo comece ben, non te prives de gozar dese preludio festeiro, neste caso laico de todo, que nos oferta a nosa vila desde tempos remotos: a feira dos capóns, unha palabra, por certo, ben simbólica no senso máis literal e material do termo. Seguro que has estar alí ben cediño, no Cementón, baixo da carpa prodixiosa, mesturando as túas palabra quentes coa friaxe do ambiente para elaborar ese bafo invernal que che invade o rostro por baixo da inevitable boina. Non sei se mercarás ou non, porque, como me di sempre a túa dona, es cutre dabondo; pero estou seguro de que non has deixar de axudarlle aos teus fillos a detectar os mellores pitos que, ás veces, non son precisamente os elixidos polos entendidos para darlles os premios do Concello. Nunca se me esquece o espectáculo de te ver a ti en actitude competitiva co noso amigo Domingo Somoza, que Deus teña na gloria, para conseguir en bo prezo aqueles pitos que seguramente non eran os máis aparentes, pero dos que vós coñeciades, pola experiencia que non dan os estudos, a súa excepcional calidade. Domingo sempre me explicaba que o máis da xente non se apercibía de que seren os bechos grandes coma bois non indicaba precisamente que fosen os mellores. E ti tamén o sabías. Así que ti preguntabas o prezo e, cando cho dicían, poñías cara de sarcástica sorpresa e íaste dalí coma quen se burla das pretensións dos vendedores; pero, iso si, sen perder de vista quen se achegaba a velos. Se o posible pretendente era o Domingo, ti retornabas de súpeto para que non chos levase, pero tendo coidado de que a pugna entre os dous non aumentase en exceso o prezo inicial que puxeran os vendedores. O importante era que, entre os dous, puiderades convencer ao criador de que os seus capóns non eran malos, pero non pasaban de regulares. Faciades así un xogo moi curioso do que eu teño gozado moito. Era, nin máis nin menos que o xogo do mercado en estado puro. Agora xa non teño moi seguro que se dean estes xogos de tácticas e estratexias, porque, entre outras cousas, paréceme que, en realidade, xa non queda apenas feira. Polo que me din, os máis dos capóns véndense nas casas e os que van á feira non son máis ca produtos residuais. De feito, estes anos pasados aí polas dez e media da mañá xa non se percibía o mercadeo: non quedaba máis ca ruído de gaitas e charangas que non permitían nin sequera escoitarse para o regateo. Algúns téñenme comentado que esas etiquetas certificadoras da calidade do animal circulan polas casas dos produtores con excesiva facilidade. Eu non o sei – nunca criei capóns nin nada – pero sería mágoa porque estou convencido de que non é o capón o que fai a feira senón que, ao revés, ven sendo a feira a que, co seu prestixio, transforma calquera pito en capón. De non ser por ese mercado e polas súas garantías, o animaliño non sería máis cun pito ben mantido, pero non o instrumento dalgún agasallo primoroso co que pagar favores. O valor está na chapiña que o acompaña.

Non sei o que cumpriría facer para conservar o espectáculo da feira. Pregunteille aos meus colegas de Facultade, especialistas en marketing, e aínda agardo resposta; pero, en todo caso, os responsables do evento anual deberían meditalo coidadosamente, non vaia ser que, de non facer algo, morra a feira e con ela o prestixio dos capóns que alí se veñen buscar, precisamente por seren admitidos nela.

E nada máis por hoxe. Merca ben e fai todo por ser feliz, nas festas e despois delas, malia todas as crises do mundo mundial.

lunes, 15 de diciembre de 2008

Prioridades e Indignidade Política

Dende o anuncio feito por Zapatero da creación dun fondo estatal extraordinario para o desenrolo de obras no eido local co fin de promocionar a creación de emprego nestes duros momentos de crise, de seguro que tódolos políticos con inquietude do noso concello e moitos cidadáns preocupados se preguntarían a que obras adicarían os 2,7 millóns de euros que o noso concello pode conquerir por esta vía.

Seguramente que o concello de Vilalba non conquire tódolos días, case que 500 millóns das antigas pesetas, para o desenrolo de obras que tan necesarias poden ser para o benestar dos nosos veciños e con esa preocupación e como non podería ser de outro xeito, os concelleiros socialistas comezamos a debatir sobre as obras que considerábamos máis necesarias para o noso concello, co fin de consensuar as nosas prioridades, para logo defendelas no escenario político onde os veciños de Vilalba nos encargaron que defenderamolos seus intereses, ese escenario non podería ser outro que a casa consistorial e o marco sen dúbida que ten que ser un pleno extraordinario, onde ante un tema de tal importancia tódolos grupos políticos puidésemos debatir sobre as nosas ideas para o desenrolo destas obras e así colaborar no ben común de facer un pobo mellor para todos.

Pero para a nosa sorpresa, o desenrolo democrático ó que nos tiña acostumados o anterior alcalde, leva dado moitos pasos atrás dende a chegada do Señor Criado á alcaldía de Vilalba, porque lonxe de ter un axeitado comportamento democrático e ser él mesmo quen convocase este pleno extraordinario ou algunha comisión onde se puidese escoitar tódalas voces, adoita unha postura indigna do máximo representante dun concello como o noso, con falsas acusacións de despilfarro pola convocatoria deste pleno polo noso grupo, tendo en conta que fai só “uns días”, negouse a rebaixar un chisquiño o seu elevadísimo soldo e nos atopamos despois coa sorpresa de que se adica a mercar dous vehículos novos para o seu propio uso nestes momentos tan duros de crise, ou se adica a gastalos cartos de todos, en devolver festas e cuchipandas co hermanado pobo de Collado Villalba, ademais de outros gastos superfluos que poderían e deberían de ser revisados, ¡eso sí que é austeridade Señor Criado!, por isto é indigno cando acusa os membros do Grupo Municipal Socialista de “irresponsabilidade política” e “tomadura de pelo” polo gasto que produciría un pleno extraordinario para as arcas municipais, escondendo tras esa acusación a sua ineptitude para debatir coa oposición das problemáticas políticas do noso concello e a falla de caracter democrático a que nos está acostumando este señor a tódolos vilalbeses, cando se nega a debatir ca oposición tanto fora como dentro da casa do concello. Como se pode acudir a posturas completamente totalitarias, máis propias de antigas épocas escuras que desta, utilizando que a capacidade de decisión a ten o grupo de goberno do PP por ter a maioría suficiente para gobernar o noso concello, sen ter en conta os dereitos dos membros de oposición ó control e fiscalización dos nosos gobernantes, senon para que existe a democracia señor Criado, ¿gustaríalle ter o poder absoluto e que o resto dos grupos non puidésemos opinar sobre os temas do noso concello por non ter a maioría para facelo?. Dende a oposición temos dereito a confrontalos nosos proxectos co grupo de goberno e recordarlles a necesidade de dar resposta a moitos dos problemas que teñen os nosos veciños, ademais de simplemente facerlle chegar as nosas ideas que poden ser de utilidade para o desenrolo do traballo de goberno que sen dúbida vostedes teñen que realizar e que moitas veces, semella que o fan sen ter en conta as prioridades veciñais e que gobernan só para satisfacer os seus propios intereses. E ademais, cando fale de irresponsabilidades e tomaduras de pelo, non dubide que a posibilidade de convocar este pleno extraordinario ven reflexada nas leis que permiten que un grupo político coa nosa representación, convoque un pleno extraordinario incluso ata 3 veces o longo do ano e que é a primeira vez que o facemos, porque precisamente por responsabilidade política só utilizaremos este dereito para temas onde consideremos de gran necesidade para os intereses dos nosos veciños.

Pero voltando o tema e dende un punto de vista máis persoal, se eu tivese a posibilidade de decidir que facer con este fondo, gustaríame que se priorizase a realización de obras para facer da nosa Vila un lugar máis habitable para os nosos veciños, desenrolaría obras de urbanización das rúas máis desfavorecidas, poñería en valor os espazos públicos existentes no noso concello: Prazas, xardíns, parques infantís, zonas de esparcemento, espazos parroquiais, melloraría o mobiliario público tan deteriorado no noso pobo, eliminaría as barreiras arquitectónicas que encerran na casa a moitos veciños, faría un esforzo en darlle un bó repaso o noso casco histórico e as serias inquietudes da súa asociación de veciños e sen dúbida que tomaría medidas para mellorar a seguridade vial dos cidadáns do noso concello. Por outro lado priorizaría a necesidade de obras de traída e saneamento nas parroquías e sen dúbida crearía un plan de utilización de aglomerado en quente para as pistas da nosa zona rural comezando polas máis necesarias. Ese lavado de cara que necesita o noso pobo é un grito de necesidade que tódolos que amamos Vilalba consideramos inaplazable e que podería comezar xa, se os nosos gobernantes utlizan estes cartos, pensando nas prioridades dos veciños e non nas súas propias. Esperemos que así sexa e senon debería de saber o Partido Popular que aquí estará a oposición para recordarlles as súas obrigas en todos aqueles foros que fosen necesarios.

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (12-12-08)


Publico unha vez máis, a "Carta a Antón" desta semana, xa que son un gran seguidor destas cartas que tan ben escribe o meu querido Bernardo García Cendán e que espero que este blog sexa un foro máis onde se poida ler o que con tanto gusto escribe este fino cronista da vida vilalbesa.

E aproveito este espacio, para mostrarlle a miña admiración, dende o corazonciño dun xoven vilalbés, a Agustín Fernández Paz, este gran escritor que temos na nosa terra . Dende aquí lle envio a miña noraboa polos premios e éxitos que leva acadado e que sen dúbida acadará.



Lugo, 12 decembro 2008

Meu amigo Antón: Supoño que non terás inconveniente que eu lles conte aos nosos oíntes que non andas ben de saúde. E que lles diga tamén que se sempre che tiven admiración, esta medra moito en circunstancias como as que estás a vivir. Es moi túzaro e moi cazurro, ben o sabes, e, ás veces, fasme desesperar, pero teño que recoñecer que a túa capacidade de sufrir en silencio os quebrantos da saúde, sen implicar aos que te arrodean na tristura das túas angueiras e preocupacións, suscita en min un respecto que algunha vez che debo confesar así abertamente. Sei que agora estás a pasar un moi mal momento, pero tiven que adiviñalo, ti calabas. Mesmo cando sospeitei do teu mal e che preguntei por el, ti trataches de quitarlle ferro e lograches que a nosa conversa se mantivese, coma sempre, no clima de ironía que adoitamos manter. Paréceme admirable, porque eu non sería quen de facelo: cando ando mal, non dou evitado que os meus amigos se decaten axiña. Nisto gustaría de ser coma ti. Así que, meu Antón, grazas por ser como es. Ben ves, hoxe toca de loanza que, dadas as circunstancias, fago compracido, pero sen que serva de precedente, porque, mentres respiremos, ti seguirás a ser para min o Antón cachazudo e retranqueiro que sempre tes sido.

E xa que vai de loanzas, teño que dicir que cadro de acordo contigo no que me comentaches esta mesma mañá a carón da tenda do noso amigo Luís do Serafín. Alí estabas ti canda el comentando o xeitosiña que quedou a casa onde está o bar Pafe. Vós que sodes máis vellos ca min cadrabades de acordo en resaltar a semellanza coa construción inicial que os restauradores souberon reproducir: os ferros dos balcóns, as madeiras traballadas das galerías, e mesmo a color do conxunto. Aínda lles queda por mudar, supoño que o farán, aquelas portas de aluminio gris que dan acceso á vivenda e ao bar, e dada a nova situación, entendo que lles han permitir modificar o penal que abeira o paso ao Parador. Non teño inconveniente en me xuntar a vós para darlle os parabéns aos propietarios que decidiron a restauración, coa esperanza de que outros máis sigan por esta liña. Sen ir máis lonxe, o edificio que está ao carón (o que foi do Abelleira), con moi fermosas galerías en ruína, pero tamén outros moi notables como o de Carballal ou a parte traseira do que foi casa de don Plácido, un estilo chabolista fronte á entrada da Torre.

As xentes sensibles da nosa vila han quedar agradecidas, porque ben merecemos sentirnos nunha paisaxe urbana bonita despois de que nos últimos anos tivésemos que soportar tanta zafiedade na construción e no urbanismo con que nos agrediron os que non pensaron máis ca na rendibilidade económica sen incluír para nada a beleza do conxunto. Sei dalgún arquitecto que se viu obrigado a apeitar coas imposicións dos propietarios en contra da estética da que el é amante, porque os dirixentes políticos do noso pobo tampouco lle axudaron: sempre foron indulxentes en exceso cos que non pensan máis ca no negocio.

E paso a outra cousa ben diferente: supoño que a túa saúde non che vai permitir acompañar a Agustín Fernández Paz, sí, o do Pugita, na homenaxe que se lle vai ofrecer con motivo do exquisito premio literario español que lle outorgaron hai uns días. Eu espero non faltar e xa che transmitirei as túas verbas agarimosas. Falábasme esta mañá da amizade que lle teño. Efectivamente é unha relación que ven de lonxe e que se consolidou definitivamente cando, hai xa ben anos, prestei o meu ombreiro para traer desde Mondoñedo o corpo sen vida do seu irmá Luís que, unha mañá de xuño, quedou durmido para sempre no seu cuarto do seminario onde estudaba o segundo curso de filosofía. Moitos, en Vilalba, amigos de Agustín, xa non se lembran del, pero eu gardo un recordo moi vivo: ía camiño de ser, aparte de cura, un bo músico – de caste lle viña – pero tamén un bo pintor do que aínda gardo mostras. Tiñamos unha amizade forte, e dalgún xeito seu irmán Agustín comezou a ser para min a reprodución daquela afección. Por iso, cando sei dalgún dos moitos trunfos que o noso novelista e literato vai acadando, eu, no meu maxín, teño o sentimento de que, misteriosamente, Luís está vivindo nos logros de seu irmán os moitos recoñecementos que algún mal fado lle truncou. Así que, desde aquí, desde esta carta, quero xuntarme aos moitos eloxios que Agustín e, no meu íntimo sentimento, Luís, están a recibir. E eu ben sei que ti, Antón, gardas lembranza daquel rapaciño vivaz e imaxinativo que estudaba para cura, e, xa que logo, tamén ti te xuntas ás miñas palabras para eles dous. E nada máis por hoxe. Que che mellore a saúde e que poidamos ollar anos de futuro en disputa permanente pero en boa compaña. Unha aperta

miércoles, 10 de diciembre de 2008

Nota de prensa do G.M.S. polo aproveitamento do Fondo Estatal de Investimento Local polo Concello de Vilalba e Convocatoria dun Pleno Extraordinario

.
O pasado 3 de decembro entrou en vigor o Real Decreto-Lei 9/2008 polo que o Goberno de España, presidido por Jose Luis Rodríguez Zapatero, creou un Fondo de Investimento público de 8.000 millóns de euros para que os concellos presentaran propostas para financiar proxectos de obras non incluidos nos orzamentos de 2009 co obxetivo principal de crear postos de traballo.



Nestes tempos de crise económica e de crecemento do paro en moitos sectores productivos, un dos mais afectados o da construcción, este plan de cooperación do Estado coas entidades locais representa unha importante axuda para éstas, de feito é o primeiro plan destas características que presenta un goberno europeo e supón a maior movilización de recursos públicos a favor dos concellos. Para facernos unha idea a Vilalba correspóndenlle aproximadamente 2.700.000 euros, uns 450 millóns das antigas pesetas.




Dende o Grupo Municipal Socialista, teméndonos que, pola coñecida ineficacia do equipo de goberno local, ou non tramite a pertinente solicitude de participación do concello de Vilalba neste Fondo de Investimento Local ou ben o faga para presentar proxectos que non sexan realmente prioritarios para as múltiples necesidades que ten o noso pobo, presentamos a día de hoxe, solicitude de convocatoria dun Pleno Extraordinario para tratar este tema xa que o ser 6 os concelleiros socialistas superamos o mínimo que marca a lei de unha cuarta parte dos membros da corporación para facer dita solicitude.


.
.
.
.
.

Na Orde do Día de este Pleno Extraordinario recollense tres puntos:

1- Que o Concello de Vilalba faga os trámites para participar neste Fondo de Investimento Local.

2- Crear unha Comisión Extraordinaria con representantes de tódolos grupos políticos da corporación para o estudo de proxectos, tramitación dos mesmos e posterior seguimento dos que sexan aceptados ata o remate do programa. Este punto en aras da transparencia e a participación plural nun tema de tanta transcendencia para o pobo de Vilalba.

3- Propostas do Grupos Políticos.


Dado que este Plan de axuda aos Concellos por parte do Estado ten uns plazos de execución inmediata para acadar o seu principal obxetivo que é o de xenerar emprego no próximo ano, entendemos desde o Grupo Municipal Socialista que debemos colaborar coas nosas propostas, algunhas xa presentadas en Plenos ordinarios pero que foron rexeitadas polo equipo de goberno local ben porque xa “estamos traballando no tema” ou ben porque “os que gobernamos somos nos e non imos aceptar as propostas da oposición”, en resumen o alcalde e o seu equipo non escoitan os veciños/as xa que nos somos trasmisores das súas peticións.


Entre as nosas propostas citaremos como exemplo:


- Urbanización do Alto da Forca e da chamada rúa do colesterol. Reurbanización de rúas que se atopan en total abandono como R/ Mondoñedo, R/ Foz, R/ Pepe Apenela e outras. Renovación do mobiliario urbano. Arranxo de beirarrúas.

- Creación e desenvolvemento dun Plan Urxente de eliminación de barreiras arquitectónicas no casco urban e adecuación de espazos públicos para permitir o acceso aos mesmos de persoas con discapacidade ( parques, piscina municipal). Pasamans na escalinata de baixada ao Auditorio.




- Plan de obras para mellorar a seguridade vial no casco urban e nas parroquias.

- Construcción dun aparcadoiro nas proximidades do casco vello para facilitar posterior peatonalización. Soterramento de cables na zona do casco vello.

- Sustitución da vella canalización de auga da traida en zonas que está mais deteriorada e que presentan problemas de roturas ou filtracións. Acometer a doble canalización de saneamento de augas separando as pluviais das fecais priorizando as rúas que teñan mais necesidade.




- Acometer a traida e saneameno de augas naquelas parroquias mais deficitarias.

- Asfaltado con aglomerado en quente das pistas principias de acceso as parroquias establecendo prioridades segundo o seu estado actual e o volumen de circulación por elas.

- Ampliación do cimeterio municipal.


- Colocación de nuevo Reemisor Dixital na parroquia de Mourence para que todos podamos ver tódales canles de TV.

- Creación de novos parques infantís e adecuación dos existentes en zona urbana e parroquias. Creación de parques biosaudables no entorno da praia da Madalena ou da Charca do Alligal.

martes, 2 de diciembre de 2008

Moción pola xornada contra a violencia machista e críticas a nova Executiva Local por non facer ningún acto éste día tan sinalado

.
A moción contra a vilencia machista presentada polo GMS ó igual que as presentadas polos outros grupos, quedou aprobada por unanimidade dos grupos políticos, pero quero destacar que é a primeira vez dende que se celebra esta xornada que a agrupación local do PSdeG-PSOE non celebra ningún tipo de acto nin de conmemoración e eso que se dixo que se ía a mellorar a actividade coa chegada da nova executiva.
.
.
Moción:

A Lei Integral contra a Violencia de Xénero vai cumprir catro anos de vixencia. O compromiso adquirido polo Goberno socialista coa cidadanía, as institucións, os distintos equipos profesionais e, en especial, coas vítimas desta violencia, segue vixente e máis forte que nunca.

O desenvolvemento da Lei cumpriuse nunha gran parte: Dotouse e seguirase dotando financeiramente, o número de denuncias medrou espectacularmente, as infraestruturas que contempla a Lei foron postas en marcha na súa maioría, o Plan de Sensibilización 2007-2008 conclúe esta primeira fase no próximo mes de decembro e o seu grao de cumprimento, así como o impulso á consecución dos seus obxectivos estratéxicos, supuxeron un enorme avance.

Pero o éxito de Leis como esta esixen, ademais, un apoio e vontade social completos e sen fisuras: as normas deben emanar da sociedade, impregnar ós que van dirixidas e afondar e enraizar na súa memoria colectiva. Son dereitos básicos de cidadanía e deben ser defendidos.

En Galicia, o goberno de Emilio Pérez Touriño promoveu nesta lexislatura e o Parlamento aprobou, a Lei para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero, que supuxo a plasmación do compromiso por eliminar esta lacra, dotándose de instrumentos suplementarios aos do Estado, no ámbito das competencias autonómicas.

Este ano debemos, ademais e complementariamente, render a nosa máis profunda homenaxe a aqueles cidadáns e cidadás que antepuxeron incluso a súa integridade física á axuda solidaria ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

A aqueles cidadáns e cidadás que loitan e seguirán loitando por devolver a dignidade ás mulleres que, polo mero feito de selo, sofren a mentalidade posesiva machista e ás veces cústalles a vida.

A aqueles cidadáns e cidadás que, sentindo a terrible inxustiza que para as vítimas supón a violencia de xénero, intentan cambiar as mentalidades opresoras e represivas dos maltratadores e a iso dedican o seu esforzo e traballo con total honestidade e dedicación.

A aqueles cidadáns e cidadás que, tanto desde os estamentos sociais en contacto con esta lacra como aqueloutros e outras desde a súa vivencia cotiá, fan recuperar ás vítimas de violencia de xénero a liberdade que lles é negada e á que todos os seres humanos temos dereito.

Uns teñen nomes e apelidos: Daniel Oliver, unha vida moza que se truncou por defender a unha muller que estaba sendo maltratada en Valencia e que morreu en decembro de 2007, e Jesús Neira, que sufriu e está sufrindo un longo proceso de recuperación tras unha brutal agresión infrinxida por defender a unha muller agredida en Madrid.

Doutras e doutros non coñecemos os seus nomes pero sabemos que están entre nós, loitando denodadamente para devolver a liberdade, a dignidade e a xustiza ás mulleres vítimas de violencia de xénero: Eles e elas han de ser os referentes, as persoas que orienten as nosas vontades, para erradicar, entre todas e todos, que na nosa sociedade exista tanta dor, tanto temor e tanto sufrimento, recuperando definitivamente a nosa calidade de cidadanía digna e libre, en igualdade plena.

Polo exposto, o Grupo Municipal Socialista somete á consideración do Pleno esta MOCIÓN, para que este adopte os seguintes

ACORDOS:

Instar ao Goberno da Nación e a Xunta de Galicia a seguir aplicando a Lei Integral de Medidas Urxentes contra a Violencia de Xénero e a Lei Galega para a Prevención e o Tratamento Integral contra a violencia de xénero respectivamente para loitar contra esta lacra social.

Instar á colaboración leal do Concello coa Xunta de Galicia e co Goberno da Nación para que, no marco das súas respectivas competencias, poñan a disposición das mulleres vítimas todos os recursos posibles, implantando definitivamente a rede integral de asistencia e apoio ás mulleres vítimas da violencia de xénero, sen diferenza, en todo o territorio español.

Fomentar programas específicos para abordar os casos das mulleres en situacións de especial vulnerabilidade no noso concello.

Manifestar o noso recoñecemento ás mulleres e ós homes que coa sua actitude valente e decidida dan exemplo en esta loita contra a violencia de xenero.

Loitar para, entre todas e todos os cidadáns, lograr erradicar a violencia de xénero da sociedade.

Moción do Grupo Socialista con respecto ó concello para colaborar coa lei de memoria histórica



Decir que esta moción do GMS quedou aprobada no pleno do Xoves coa abstención do Partido Popular que non se desmarca do pasado Franquista deste país.



.




Moción:

Esta moción inspírase nos valores e principios que fixeron posible a Transición no noso país: a reconciliación, a concordia, a defensa pacífica de todas as ideas e o respecto ao pluralismo; con ese espírito reencontrámonos todas as cidadás e cidadáns na Constitución de 1.978.

Desde entón avanzamos xuntos na mellora da convivencia e na ampliación das liberdades; tamén na aprobación de medidas, no recoñecemento dos dereitos dos que sufriron as consecuencias da guerra civil e o réxime ditatorial que a sucedeu.

Acertadamente, ao longo destas tres décadas, cada un deses avances foi visto por toda a cidadanía como un paso necesario non só para pechar feridas, senón tamén para fortalecer a democracia que todas e todos compartimos.

Nese traxecto, na senda da cohesión e a concordia, insírese a Lei 50/2007, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura.

No articulado da mencionada Lei, coñecida como "Lei de Memoria Histórica", aténdese á xusta e lexítima demanda dos numerosos cidadáns que ignoran o paradoiro dos seus familiares -algúns aínda en fosas comúns-, contemplando medidas e instrumentos para que as Administracións Públicas faciliten aos interesados que o soliciten, as tarefas de localización e, se é o caso, identificación das persoas desaparecidas, como unha última proba de respecto a elas e a eles.
Tamén se establecen, unha serie de medidas en relación cos símbolos e monumentos conmemorativos da Guerra Civil e a Ditadura, sustentadas no principio de evitar toda exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil e a posterior Ditadura; e destinadas a facer dos símbolos públicos puntos de encontro e non de enfrontamento, ofensa ou agravio.

Este concello, mediante a adhesión a esta moción de todos os partidos democráticos e forzas políticas integrantes da Corporación, pode manifestar a súa vontade de contribuír a pechar feridas aínda abertas nos españois; pode dar satisfacción aos cidadáns que sufriron, directamente ou na persoa dos seus familiares, as consecuencias da Guerra Civil ou da Ditadura; pode protexer o dereito cidadán á memoria persoal e familiar, pode promover o coñecemento e a reflexión sobre o noso pasado, para evitar que se repitan violacións aos dereitos humanos como as que se viviron no noso país; e pode facelo desde a convicción de que, ao recoñecer e honrar a aqueles e aqueles compatriotas, honramos tamén á España democrática de hoxe e á España democrática do futuro.

Polo exposto, o Grupo Municipal Socialista somete á consideración do Pleno esta MOCIÓN, para que este adopte os seguintes ACORDOS:

1-. Respecto á identificación e localización de vítimas:
Facilitar aos descendentes das vítimas que o soliciten, as actividades de indagación, localización e identificación das persoas desaparecidas violentamente durante a Guerra Civil ou a represión posterior e das que se ignora o seu paradoiro.

Autorizar as tarefas de prospección para localizar os restos das persoas desaparecidas.

Establecer o procedemento e as condicións en que os descendentes directos, ou as entidades que actúen no seu nome, poidan recuperar os restos enterrados nas fosas correspondentes, para a súa identificación e posterior traslado a outro lugar; ponderando, en todo caso, a existencia de oposición de calquera dos descendentes directos das persoas ás que pertencen os restos que deban ser trasladados.

Os restos que sexan obxecto de traslado e non fosen reclamados serán inhumados no cemiterio municipal.

2-. Respecto aos símbolos e monumentos público
Continuar coa toma das medidas oportunas para a retirada de calquera símbolo público (escudos, Insignias, placas) de exaltación da Guerra Civil e da represión da Ditadura.

Colaborar co Goberno e a Comunidade Autónoma na elaboración do catálogo de vestixios relativos á Guerra Civil e a Ditadura.