martes, 23 de noviembre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 19/11/2010


Meu amigo Antón:
.
Se podes, non o dubides: ven por aquí maña e poderás gozar do encontro cos amigos que se xuntarán na ámbito da Alameda de Vilalba. Ben sei que non vas deixar que se che noten moito as ansias de protesta polo aparente descoido das árbores que alí quedan, pero, se polo menos estás para facer número, xa non está mal. Tratándose de ti, estaría moi ben.
.
Por certo, coutoume o teu fillo a discusión que tivestes por un artigo publicado polo Xiz no Progreso de Lugo, creo. Parece ser que o noso xornalista vilalbés non lle deu excesiva importancia á caída forzada do castiñeiro desaparecido. Mesmo semellaba non ter un recordo claro da súa presenza na alameda e, xa que logo, parecíalle desmesurado o rebumbio que se armou por telo feito desaparecer. Está ben, é a súa opinión – argumentou o teu fillo – pero paréceme moi estraño que, sendo vilalbés de sempre e sentíndose honrado de selo, non gardase na memoria a imaxe de toda aquela fila de castaños vellos que están a facer garda de honra, desde hai moitos anos, ao centro da vila representado pola comunmente chamada “Carretera”.
.
Se cadra, non se fixou – comentaches ti – e seguramente ten razón en que, se houbo que o cortar, haberá que poñer outro máis novo e máis pequeno, e xa está, non pasa nada. De feito, non hai moito tempo que se rabenou outra árbore do mesmo conxunto, plantouse outra e, efectivamente, non pasou nada, ninguén chistou. Ao mellor estamos a darlle excesiva importancia a ese asunto, como di o Xiz, e poida que teña razón, porque, ao final, efectivamente, non pasa nada.
.
O teu fillo, que é moi tranquilo, calou e foise: non era cousa de seguir coa disputa; pero, segundo me contou, quedou matinando no asunto e decatouse do perigoso que resultaba aquel argumento que se estaba a utilizar e que a ti tamén parecía convencerte: aquilo de que non pasa nada. Entón, volveu canda ti para facerche ver a falsidade de tal razoamento, e armouse a marimorena, porque, claro, cando a ti se che mete unha cousa na cabeza non hai demo que a saque: es tan testán que non admites razoamentos. En fin, que acabou deixándote por imposible.
.
Estaba canso, pero chamoume para me contar todo isto que che dixen, e aínda estivemos a falar un cacho. O bo do home non deixaba de darlle voltas ao asunto. Non pasa nada – repetía – claro que non pasa nada: se cortan unha árbore, non por iso imos morrer nin vai perder nada a nosa economía. O que pode pasar é que Vilalba quede máis fea. E que?, xa hai moito tempo que se emperrencharon en que a vila fose fea, mesmo moi fea, e non pasou nada: todo o mundo calou, pois quen máis quen menos, os que podían, non deixaron de se aproveitar para facer pisos de moita altura en solares imposibles e nas rúas máis estreitas, como a do Sol ou a de San Roque. Quen puido non dubidou en rebaixar o gasto de construción facendo edificios feos e desalineados na mesma rúa central, ou mesmo en esborrallar a beleza do que xa estaba ben construído, como fixeron, por exemplo, no barrio aquel das chamadas casas baratas onde se realizaron amaños interesados que botan para atrás a calquera senso da estética. E deste xeito, todo, case todo, quedou deslabazado e feo, pero efectivamente non pasa nada: nós seguimos a vivir nesa vila e querémola, aínda que non poidamos presumir dela nin gozar dunha vila agradable.
.
O teu fillo, meu Antón, estaba fóra de si, e a cada frase ía cabreándose máis. Mesmo acudiu a un exemplo traído de hai máis dun século. Daquela – dixo – un construtor mercou todo o castelo de Vilalba con vistas a facer del unha canteira da que sacaron pedra para moitas casas da veciñanza. Por fortuna, non souberon como destruír a torre e, por iso, conservouse ata hoxe para o noso gozo. E non pasou nada de nada, unicamente que algúns románticos gozariamos moito de ter conservado o castelo completo, ou non?. E así seguiu o teu rapaz poñendo máis exemplos e acougando pouco a pouco na euforia do seu discurso. Mesmo me alegrou que me falara do moito que lle compraceu un fermoso artigo que unha rapaciña moi querida para min, Carmen Seco, escribiu en facebook, onde, de xeito moi sensato e ben argumentado, comentaba o acontecido co castiñeiro da alameda. Se cadra – di ela – era preciso cortalo, no caso de estar seriamente infectado, pero cómpre investigalo con estudos serios, porque, de ser así, é moi posible que se estenda o contaxio infeccioso e acabe por afectar ao resto dos castiñeiros e poida que á mesma pravia senlleira. Ao teu fillo gustoulle o razoamento e a min tamén. A ti non o sei, pero asegúroche que Carme sabe moito diso. E sabe moi ben que, cando se fan as cousas sen xeito, sempre pasa algo. Ao menos para quen goza co que é bonito. Non hai máis que ver o que ela pon coma exemplo de contraste entre o mal gusto e o bo facer: refírese a aquel adefesio de castelo que colocaron na praia fluvial, onde, sen embargo, estábase a facer un conxunto xeitoso con arborado pintoresco mesturado, por desgraza, cun camiño de cemento a rachar todo o encanto do lugar. Así que xa sabes, meu Antón, doulle a razón ao teu fillo cando insiste en que, aínda que parece que non pasa nada, non é verdade: se as cousas están mal, sempre pasa algo.
.
E remato esta carta cunha felicitación conxunta, túa e miña, ao noso amigo escritor Agustín Fernández Paz que acaba de recibir, xuntos, dous premios importantes: o primeiro, o dun xurado competente que valorou a súa escrita, galardón ao que, sen embargo, renunciou no nome da coherencia porque viña outorgado por quen está a lesionar a nosa lingua; pero, grazas a iso, recibiu un segundo premio non menos importante: o de cantos amamos o idioma galego e premiamos con aprecio e aplauso a súa decisión valente e arriscada. O noso Agustín é todo un tipo dos que quedan poucos. E nada máis por hoxe.
.
Unha aperta do teu amigo
.
Bernardo

viernes, 19 de noviembre de 2010

Non voltarei a escribir na Voz de Vilalba

Hoxe "A Voz de Vilalba" vetou un artigo meu na súa web. Tras dous intentos de remitirllo sen obter contestación, entereime de que non se publicaría, sen que ninguén me explicase nada do sucedido. Nel trataba de expoñer a miña posición sobre o tema das reformas na alameda e o sucedido no PSOE de Vilalba con este tema, que trouxo un encendido debate ós medios de comunicación.

É de xustiza que un colaborador desta publicación, que ten algo que dicir sobre o tema, teña un espazo para facelo, ainda que non siga a liña oficial da web. O tempo que se facía isto, neste medio "plural" publícase un artigo falando deste mesmo tema coma sempre a favor da súa posición, onde ademais se me insulta decindo que falto a verdade, pero non teño espazo para poder rebatilo e só o podo facer cun comentario.

Por certo, é un artigo escrito por alguén dun nome extraño, que igual que noutras ocasións semella un pseudónimo deses cos que nos soen agasallar algúns para non dar a cara.

Sigo sen recibir por parte de Paulo nin de Moncho, ningún tipo de explicación de porque non se publica, e o mellor, poderían ter un motivo lóxico para facelo, e se fora así, podería entendelo, pero non me comunicaron nada.

Sinto moito ter que opinar na mesma liña que Paulo Naseiro e Moncho Paz para escribir na súa web, pero a min ninguén me impón o que teño e debo de pensar, polo que non voltarei a escribir nada na Voz de Vilalba, onde xa non figuro como colaborador, xa que ó contrario do que pensaba non creo que sexa un medio plural, nin aberto como queren facer ver.

O artigo se pode ler aquí no meu blog, é un artigo duro pero é o que penso e me gusta falar sen pelos na lingua.

sábado, 13 de noviembre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 12/11/2010


Meu amigo Antón:
Ben sabes que hai moita xente dos que escoitan ou len estas cartas que teñen moito empeño por saber quen es ti, pero non te preocupes, eu sigo fiel á miña promesa de non dicir nada que te poida comprometer. Ti, coma tantos outros, precisas do anonimato para poder expresar o que levas dentro, porque, malia todas as modernidades democráticas, aínda queda moita xente que non quere dicir o que pensa por non se indispoñer cos que mandan, non vaia ser que perdan influenza cos que poden facerlles favores. Perdoa, Antón que cho diga, pero ti es destes tales, aínda que debo recoñecer que tes algo distinto da maioría, porque, efectivamente, non queres que te recoñezan, pero non deixas de buscar o xeito de que alguén diga abertamente as críticas que ti queres facer, e resulta que acabo sendo eu quen ten que dar a cara para que ti quedes oculto, pero as túas palabras saian á luz. E xa está ben, meu amigo, estou farto de facerche de portavoz. Así que hoxe, Antón, non hai críticas.
.
Xa, xa sei que hoxe andabas coa ilusión de que falaramos dese asunto que anda na boca de moitos vilalbeses. Tremenda perrencha colliches cando te informaron de que cortaran un dos castaños máis vellos da alameda, un dos que dá á rúa principal do noso pobo. Non fai falla que insistas, pois eu ben sei que non se trata dunha árbore calquera e que ben merece unha palabra de defensa. Ninguén dubida de que, aparte da súa fermosura vexetal, ese castaño é tamén un icono, unha imaxe, unha das compoñentes esenciais dese cadro pintoresco do noso pobo que permanece nos ollos e na memoria de quen nos visita. Polo tanto non deberamos permitir que tal perspectiva se esborralle da noite para a mañá.
.
Xa che dixen que nisto cadro de acordo contigo, pero, que queres, tamén ti estarás de acordo comigo en que, se por desgraza, esa árbore está morta, non queda máis remedio que cortala e substituíla por outra. Ata aquí non hai problema: ambos concordamos e teremos que dar o asunto por acabado. Pero resulta que non. Ti queres que eu engada un comentario teu, pero coma se non fose teu. O home desconfiado, malicioso e retranqueiro que ti es anda a cismar en que, se cadra, os gobernantes do concello tiñan interese en substituír por outro máis novo aquel vello castiñeiro, porque as súas raíces rebeldes impedían recubrir de cemento ou pedra o pavimento que andan a renovar por toda a alameda. Así que o que bule na túa cabeciña é unha pregunta que seguramente moitos non se fan e que ti queres que eu a poña aquí: quen decidiu que efectivamente aquel castaño estaba morto?. Foi de verdade un técnico?. E a pregunta, segundo ti, ten senso, porque, cando por fin se cortou, ata o menos entendido podía ver claramente que o vello tronco tiña vida, seica, para moitos anos.
.
E xa está, eu non quería dicir máis, pois xa che dixen que hoxe non era día de críticas, pero ti, teima que teima, veña insistir en que, polo visto, o alcalde díxolles aos da oposición que, segundo informes dos técnicos, alí non había nada que facer: o castaño estaba morrendo e había que cambialo. E ti queres saber onde estaban tales informes e quen os fixo, porque tendo pretiño de nós unha facultade universitaria de estudos forestais, o lóxico é que se acudise a ela, xa que alí están os que, supoñemos, máis saben diso. E non parece que o fixeran. Ti estás mesmo convencido de que seguramente non houbo informe ningún, e a cousa era merecente de ser estudada porque, insistes, aquela árbore non era unha árbore calquera.
.
Xa cho dixen, non quería falar disto, pero xa que cheguei ata aquí, hei dicir tamén algo que che resultou moi chocante, e confeso que a min tamén. Como é sabido, os concelleiros da oposición creron na palabra do alcalde e non tiveron a malicia de preguntar polo informe pertinente, pero entón apareceron “outros” socialistas que, sen contar para nada cos compañeiros que están na corporación, presentaron pola súa conta no concello unha protesta polo asunto do castiñeiro. Coma se foran unha oposición da oposición. Iso paréceme incoherencia. Non a protesta senón o xeito de facela. Así vai, amigo, a política local e así lle vai á vida vilalbesa. Triste e lamentable.
.
Pero, meu Antón, fixéchesme estender en demasía, porque eu non quería andar nesta temática. Na carta de hoxe quería falarche dun home, o artesán José da Ferrería con quen andaba eu distraído e ocupado cando me chamaches polo móbil. E quería falarche del, porque andei a matinar na sorte que ten un pobo de que nel habite unha persoa dese valor. Verás: por moi moderna e actualizada que se nos volva a vida, a nosa Vilalba non pode prescindir dunha figura social coma a do José. Posiblemente pase desapercibido para moitos, xa que desta xente non se fala nunca nos xornais e na radio, pero, sen embargo, resultan imprescindibles para quen vivimos nesta sociedade de gran consumo, tamén nunha vila coma a nosa. Ti ben sabes de quen che falo, e sei, Antón, que che comprace que poña aquí o seu nome, pero aos oíntes e lectores teremos que explicarlles de que se trata. Pois ben, todo o mundo sabe que, antes, nos vellos tempos dos que agora son avós, cando mercabamos algún artefacto ou utensilio para uso doméstico, sempre había nas casas alguén, algún manitas, con habilidade dabondo para facer pequenos amaños que eran precisos para que tales aparellos seguisen en funcionamento todo o tempo posible. Agora, iso xa non é así: en moitos casos e en moitas casas xa non hai quen saiba algo tan simple coma cambiar os plomos da luz. Hoxe compramos utensilios, electrodomésticos por exemplo, que, no caso de que comecen a fallar, xa nos parece que non queda outra que desfacerse deles e mercar outros noviños do trinque. E tal cousa é, ás veces, un xeito idiota de tirar os cartos porque son pequenos fallos que, se tivéramos as habilidades de antes, poderiámolos reparar para que durasen moito máis tempo; pero ti ben sabes, meu Antón, que non é así: xa perdemos toda habelencia práctica. E non nos queda máis ca un dilema: ou acudimos ao comercio a mercar o novo, ou, como facemos moitos, chamamos ao José da Ferrería. E, claro, o bo do José non da feito, porque son moitas as casas vilalbesas onde hai sempre alguén que, en tales circunstancias, solta a sentencia inapelable e sensata: “hai que chamar ao José, a ver se pode vir axiña”. E, se por riba, resulta que o tal José é moi honrado, como é o caso, a chamada sempre é produtiva. Por iso quería falarche del nesta carta, e así o fixen. Eu ben sei que te xuntas ás miñas palabras para agradecermos xuntos que exista o José da Ferrería e os que son coma el, aínda que nunca deles se lembren todos os xornalistas.
.
E con todo isto, a carta saíu longa de máis. Creo que é a máis longa das que che levo escritas. Remato, pois, coas apertas de sempre do teu amigo
.
Bernardo

viernes, 12 de noviembre de 2010

Árbores insignes e deslealdades


Non esperaba que neste baleiro final de lexislatura, unha árbore puidera tomar tanta importancia a nivel político, e como representante público, despois da polémica xurdida, compre explicar o sucedido para que as nosas xentes de Vilalba coñezan a miña humilde posición sobre o tema.
.
Cando no mes de Outubro, no transcurso dunha Comisión informativa de Urbanismo, o Grupo Municipal Socialista preguntaba sobre as obras que o Concello ía a realizar na Praza da Constitución e na Alameda, despois de comezar criticando que unha vez tras outra, o Partido Popular enterra os cartos de todos en remodelar unha Praza da Conmstitución que máis ben debería de ser repensada na súa totalidade, que continuar tirando os fondos municipais que ben poderían ser utilizados noutras partes do noso casco urbano que sofren o abandono dos nosos gobernantes. Despois de felicitarnos porque o PP tamén escoita as reivindicacións da oposición e comezan a tomar medidas para proceder a separar as aguas pluviais e fecais que de non ser así continuarán matando o noso río Madalena, que con tanta tristeza denuncian unha e outra vez os membros da asociación de pescadores. Saíu a relucir o problema existente coas árbores mortas situadas no fronte do templete da Praza da Constitución, sempre nun ambiente construtivo, sen entrar valorar as nefastas actuacións de antigos gobernos municipais coas masas arbóreas desta zona, sen entrar a valorar as podas salvaxes coas que se castigan ós árbores da Praza e co pouco coidado que se pon en preservar a integridade da nosa insigne Pravia. Nesta parte, os dirixentes do PP explicaron que optaran por unha solución baseada na colocación dunha pérgola vexetal, xusto no lugar onde se situaban ditas árbores, e tanto o Grupo Nacionalista como o Grupo Socialista inclinabámonos por voltar a colocar outras árbores de similares características ou outras que se adaptasen mellor as condicións existentes na configuración actual da Praza. Pero o Grupo Popular, maioritario no concello, expuxo motivos técnicos para adoptar unha solución que respectamos pero non compartimos. Nese intre o Alcalde amosounos a necesidade de aproveitar ditas obras, para trocar un dos castiñeiros da Alameda que segundo os informes que eles manexaban, estaba en situación de morte inminente e que aproveitando as obras a realizar, plantarían outro idéntico no seu lugar, como pasara con outro, fai uns anos. A posición de tódolos concelleiros e os técnicos presentes nesta Comisión foi a de compartir a necesidade de levar a cabo dita substitución e entristecerse pola perdida doutra destas árbores que tanto queremos os que tivemos a sorte de crecer baixo as súas polas. Pero non fomos tan retorcidos para pensar que o grupo de goberno estaba actuando de mala fe e o que realmente desexaba era levar a cabo o asasinato dun castiñeiro para poñer outro exactamente igual no mesmo lugar, repito, non fomos tan retorcidos nin o somos agora. Ata aquí, foi o que sucedeu no mes de Outubro, mes no que tamén foi anunciada dita substitución polo propio alcalde nunha radio local, sen que se escoitasen voces discordantes sobre o tema.
.
Cando unha mañá, amence coa noticia de que a dirección do Partido Socialista de Vilalba denunciaba a tala de dito castiñeiro, acusando ó alcalde de levar a cabo un “atentado” contra os cidadáns de Vilalba e de actuar sen informar a oposición e ademais, o propio Eduardo Vidal, permitíase o luxo de anunciar iniciativas municipais do Grupo Socialista para poñer ó Alcalde no seu sitio, pensei que se me caía o ceo na cabeza como din os galos nos cómics de Asterix. ¿A quen lle preguntara o señor Eduardo Vidal sobre esta información falseada que estaba a enviar os medios de comunicación?, ¿Como se permitía o luxo de entrometerse nas competencias do Grupo Municipal Socialista a espaldas da súa Portavoz e de parte do Grupo Municipal?, ¿Como podía acusar o Alcalde dunha actitude ditatorial, dicindo que fai e desfai o seu antollo sen preguntarlle nada a ninguén, cando isto era xusto, o que el estaba facendo nos intres en que escribía tanta infamia?. Todo elo, sen ruborizarse e nin tan sequera dar as explicacións pertinentes con posterioridade o sucedido.
.
Despois de observar como a actividade municipal do Partido desapareceu dende que o noso grupo de militantes foi apartado da vida orgánica do partido, despois de soportar como os membros da actual dirección reventaran en varias ocasións, posicións tomadas polo Grupo Municipal en diferentes asuntos, sen respectar o traballo efectuado polos compañeiros que deixamos a pel nos dous primeiros anos de lexislatura, de ter que ver como se nos caía a cara de vergoña cando o noso grupo presenta iniciativas, como a colocación dun parque biosaludable no paseo do río Madalena, cando o goberno do PP xa rematara a súa construción e fora publicado nas Actas das Xuntas de Goberno que se nos envían periodicamente. Esta actuación, era a gota que colmaba o vaso, e eu non estaba disposto a permitir máis atropellos.
.
Dicía o anterior Portavoz do Grupo Municipal, Martín Seco Cendán, que non estaba disposto a traballar con xente que “non era de fiar”, que non estaban nisto para prestar un servizo ós cidadáns, sen rigor nas súas actuacións e que non saben estar a altura da organización que representan. Tales foron os motivos, que fixeron imposible, que él compartise traballo político con xentes da talla do señor Vidal, que agora, “non sei porque será”, semella estar moi preocupado polos problemas de Vilalba, cando ata o momento, so gastaba o seu tempo en adicarse a facer unha política lonxana os intereses dos cidadáns, esa que fan algúns nas alturas, alí onde os mandatarios reparten os regalos en forma de cargos institucionais; ou con xentes da talla de Luís Fernández que só están preocupados de facilitar grandes titulares á prensa e favorecer a aparición de grandes polémicas, sen preguntarse polo rigor das informacións que está a manexar, un comportamento mais propio dun neno pequeno que dun dirixente político serio. Non vou a opinar sobre algúns dos meus compañeiros no Grupo Municipal que nin estiveron, nin están, nin se lles espera nesto da representación pública dos seus veciños. Unha vez máis, o expresado en múltiples ocasións por este desaparecido compañeiro socialista quedaba en evidencia, cun exemplo que pon de manifesto o facer desta nova dirección do Partido Socialista en Vilalba e pola cal xa anunciamos que non estamos dispostos a continuar no proxecto do partido en Vilalba a partir de Maio do ano que ven. A falla de rigor, unha falla absoluta de proxecto para Vilalba, a deslealdade continua cos compañeiros do Grupo Municipal e un uso partidista dos acontecementos para tratar de conquerir uns cantos votos, fai imposible un futuro en convivencia no mesmo proxecto.
.
Dende o templete da Alameda quero deixar claro o meu respecto e compresión cos que discrepan pola tala desta árbore, tanto a asociación ecoloxista que denunciou a tala, da que non tíñamos coñecemento, como as opinións dalgúns veciños máis ou menos versados sobre o tema. Só espero que noutras ocasións, se contan coa información para reivindicar feitos deste tipo, se movilicen para intentar evitar o que posteriormente denuncian, xa que dende outubro, houbo moito tempo para facelo, e agora xa é tarde. Polo resto, só espero que tanto os castiñeiros de indias, o negrillo, a nosa Pravia e o resto das nosas árbores do Concello, sexan as beneficiadas desta polémica, para conquerir un mellor coidado que preserve a súa existencia e polo resto, que a vida poña a cada quen no seu sitio, de momento eu sigo a falar alto e claro.

Martín Seco García

lunes, 1 de noviembre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 29/10/2010

Sinto moito ter que quitarlle o autor e a Paulo a esperanza de ver como se recupera o verde para ese entorno, no será así por desgracia.


Lugo, 29 outubro 2010
.
Meu querido Antón:
.
Hai que ver como pasa a semana nun santiamén. Non sei se non será ousado en demasía pretender unha carta cada sete días, pero, en fin, temos ese pequeno compromiso e hai que tratar de cumprir.
.
Polo que vexo, xa estás ao tanto de que o domingo pasado non puiden acompañar á xente do IESCHA no percorrido da fermosa ruta do poeta Fiz Vergara aló polas terras do Lóuzara. Malia un tempo desapracible que, polo visto, non deixou contemplar no seu esplendor a beleza do percorrido, a nosa xente non se arredou, e foron más de sesenta os camiñantes que se arriscaron e que, por certo, regresaron moi contentos da súa aventura. A ruta dedicada ao poeta está, seica, ben pensada e ben sementada no seu percorrido con fermosos poemas producidos por aquel home eivado que soubo elevarse por riba dos seus males, a buscar palabras para cantar a beleza, tanto externa, a da paisaxe, como interna, a dun espírito vivo que transmite pesares, loitas, esperanzas e mesmo optimismo, malia ter unha vida, a súa, limitada en exceso.
.
En cada recanto da ruta do Lóuzara, está previsto que os participantes se deteñan a ler con calma ou mesmo escoitar o recitado de versos inspirados. Xa non é a primeira vez que o Instituto programa marchas deste tipo. E así, os nosos camiñantes chairegos van pouco a pouco descubrindo as diferentes rutas deseñadas en variados territorios de Galicia, e deste xeito imos aprendendo a conectar a vivencia espiritual da nosa cultura en harmonía coas nosas paisaxes sempre sorprendentes e nunca de todo descubertas.
.
Sen embargo, en Vilalba, que eu saiba, non hai ningunha ruta deseñada como tal, aínda que os do IESCHA xa deixamos feitos algúns percorridos iniciáticos por aqueles lugares que quizais algún día serán organizados, coa debida estela cultural, para invitación da moita xente á que lle presta camiñar por descubrir a beleza do propio, contemplada con ollos novos. Ti mesmo, Antón, que xa me tes acompañado nalgún de tales paseos, estou seguro de que estás disposto a seguires arrastrando os teus oitenta e moitos anos para gozarmos xuntos de tanta beleza. Iso si, os organizadores terán que ter en conta que tanto a ti coma a min non poderán esixirnos o mesmo sacrificio nin a mesma presteza coa que se moven os que son tan atléticos coma o Revés, por exemplo. Iremos amodiño, que non nos apresuren. E con tal cautela, acóllome á túa palabra e aos teus azos, e con eles animo aos dirixentes da nosa Asociación cultural para que non se demoren en deseñar rutas similares ás do Lóuzara ou ás de Castro de Rei, todo ao longo e ancho do noso territorio vilalbés. A comezar, claro está, polos camiños que nos leven á mítica Pena do Encanto que temos en completo abandono. E terán que ser os destas asociacións culturais quen se ocupen de o facer, porque teño o pálpito de que os do Concello non deben estar moito polo labor: a oposición anda algo murcha en ideas e o grupo gobernante non se caracteriza precisamente por fecundar ideas deste tipo. De poñerse a facer algo neste senso, moito me temo que encherían de cemento os arredores dos nosos ríos, e iso non é o máis desexable, supoño. Claro que non todos os populares son tan cegatos e seguramente haberá máis de un que se mostre disposto a colaborar en facer as cousas ben.
.
A propósito disto, non sei, Antón, que che responder a unha cousa sobre a que me interrogaches varias veces. Todos, coma ti, andamos moi curiosos por saber a finalidade dunhas obras que, desde hai algún tempo, se están a facer na alameda. Non che sei responder. Eu paseo por alí a diario e, polo que percibo, teño a impresión de que están repoñendo os pasos de peóns e canalizando as augas da chuvia. Sei tamén que tiveron que cortar algunhas das árbores que secaron na parte alta da alameda, pero ignoro se pensan repoñelas ou substituílas por máis cemento.
.
O que máis me confunde é non saber se existe algún proxecto serio e pensado na cabeciña dos que mandan: estou, coma todos, a velas vir. E paréceme que, de haber proxecto, non estaría mal que nalgún lugar da vila se mostrase á cidadanía unha maqueta ou algún debuxo que permitira opinar. Sería unha boa ocasión para promover unha democracia participativa da que tanto se fala polo mundo adiante e da que tanto carece a nosa vida municipal. Hai que recoñecer que, cando algúns edís dos anos setenta tiveron a idea, bochornosa, pero ben intencionada, supoño, de crear o cementón que agora chamamos praza da Constitución, os que gobernaban tiveron ao menos a boa idea de facer participar á xente cos seus comentarios, por máis que, ao final, non lle fixeran caso ningún aos comentarios. Teño recordos de ver no escaparate da farmacia de don Vicente unha maqueta ilustrativa de como ía quedar aquel espazo que agora contemplamos con horror, pero, ao menos, puidémolo comentar previamente, que algo é algo. E fomos moitos os que, xa daquela, puxemos un berro no ceo ao verificar que ían cortar de raíz as árbores centenarias que ornamentaban o que fora campo da feira. Ti, Antón, sempre me andas a dicir que aquilo foi unha barbaridade, pero tamén insistes en que non se pode negar que nos tiñan avisado do que ían facer: certo que non admitiron ningunha suxestión en contrario, pero avisar, abofé que avisaron e déronnos dereito á pataleta. Xa teño dado conta máis dunha vez das bágoas de meu pai cando contemplou desde o Roca a realización sangrante do que tiñan avisado. Sen contrición de corazón e sen propósito de enmenda.
.
Agora, que eu saiba, meu Antón, non se presentou ningún proxecto que o pobo poida consultar. E iso que temos algo máis de democracia ca que daquela tiñamos. Alguén, o Paulo, creo, seica che ten comentado que, ao mellor, están pensando en realizar un propósito de enmenda aprazado e dannos a sorpresa de volver a encher de terra todo o desnivel que baixa da casa do concello ata a Chouzana, plantando árbores autóctonas, coma Deus manda. Non sei, pero por soñar que non quede.
.
E por hoxe xa vai ben de discursos babecos. Cóidate e soña. Unha aperta do teu amigo
.
Bernardo.