Mostrando entradas con la etiqueta Cartas a Antón. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cartas a Antón. Mostrar todas las entradas

domingo, 18 de enero de 2009

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (18-01-09)

Lugo, 16 xaneiro 2009

Meu querido Antón:

Maniático, coma sempre, non paras de porfiar ate que che fagan caso: insistes e volves insistir, unha e outra volta. Xa non sei canto tempo hai, poida que desde o verán, tratas de me provocar para que dedique unha das nosas cartas a eses autobuses que puxeron a andar en Inglaterra co anuncio da inexistencia de Deus.

Efectivamente, eu tiña lido repetidamente a noticia, pero, a verdade, malia a túa insistencia, non me sentín provocado a escribir o máis mínimo comentario. Agora ese asunto xa está máis preto de nós, pois algúns autobuses cataláns andan a carrexar esa mesma publicidade, e, polo que din os xornais, parece ser que dentro de pouco, esa proposta da Asociación de Ateos e Librepensadores andará tamén nos autobuses madrileños e, suponse, non tardará en se presentar no cerne de Santiago de Compostela e mesmo, se cadra, nos transportes que transiten por Vilalba. E, claro está, se antes andabas tan insistente, agora non paras de me dar a lata para que che comente algo, e eu, meu amigo, sigo sen ganas de o facer, porque, asegúrocho, esa historia non me perturba nadiña, nin creo que incomode aos que viven tranquilamente na confianza da súa fe.

As palabras escritas nos autobuses ingleses e cataláns expresan o seguinte: “Probablemente non existe Deus, así que reláxate e goza da vida”. Quen lea isto, posiblemente pensará: tamén é probable que Deus exista e iso non ten por que impedir que te relaxes e goces de canto che regala a vida. Penso eu, efectivamente, que dificilmente se pode crer nun Deus dedicado a amargarnos a existencia. Non sei se os membros daquela asociación pretenden asegurarnos que, de non haber Deus, xa podemos facer o que nos dea a gana sen nos someter a convencementos éticos ou morais: gozar da vida sen atrancos. De ser así, eu podo dicirche, meu Antón, que teño moitos amigos que chegaron ao ateísmo e non por iso deixaron de ter unhas esixencias éticas; do mesmo xeito que coñezo moitas persoas que nos dicimos crentes e, se cadra, preocupámonos pouco de levar unha vida dirixida por normas morais. Poida que algún día destes vexamos cruzárense dous autobuses e, mentres un deles leva a pancarta atea, o outro leve escrita unha frase que diga algo así: “Probablemente non hai normas morais indubidables, así que reláxate e pásao ben sen mirar con quén nin contra quen” Non sei cal dos dous autobuses acadará mellor o obxectivo publicitario, imaxino que ningún: nin para ateos nin para crentes. De feito, en América, unha agrupación tamén atea, o Partido Humanista, foi máis precisa cando instalou nos autobuses unhas palabras máis asisadas: “Por que crer en Deus?: sé bo só polo feito de ser bo”. Isto xa me parece máis razoable, aínda que non o comparta, porque, segundo a miña fe, alí onde haxa bondade seguramente tamén anda Deus dun xeito ou doutro.

Xa ves, Antón, non pretendía comentar nada e acabei comentando algo. E, xa que nisto ando, debo destacar algo de positivo coma consecuencia desta polémica: ti e máis eu sabemos que o feito de ser crente non nos regala evidencias, e as dúbidas non son alleas á nosa vida nin ás dos mellores. Sempre foi así. Tamén é verdade que moitos dos que chamamos crentes son máis ben crédulos, é dicir, que cren de calquera xeito en calquera cousa. E isto, segundo creo, non é bo para unha vivencia adulta da fe. A min preocuparíame non ter razóns para explicar que as miñas crenzas, aínda que non sexan evidentes, son alomenos razoables. E gozo moito cando vexo a tanta xente que, no nome do que cre, entrega o máis da súa vida para que se evite todo o mal que poda ser evitado neste mundo. Estes días non deixo de lembrar, porque están de aniversario, aqueles chamados teólogos da liberación que, hai uns anos, foron asasinados no Salvador por falaren de restaurar a xustiza cos máis pobres. Eu coñecín algo a un deles, o padre Ellacuría, e téñolle escoitado que a súa vida estaba sempre en risco de morte, pero el sentíase feliz de facer o que a súa fe lle reclamaba. Resulta evidente que a este home e a outros moitos, homes e mulleres, nin Deus nin a Bondade lles amargaba a existencia: foi moito o que lles pediron, pero tamén foi moito o que se sentiron gratificados. Ao final, o saldo da súa vida foi positivo, creo.

Espero, Antón, que non me volvas dar a lata con estas cousas. Non te preocupes dos autobuses máis que para viaxares cómodo. Ata a semana que ven, se Deus quer. O teu amigo.

Bernardo

viernes, 2 de enero de 2009

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (02-01-09)

Lugo, 2 xaneiro 2009

Meu amigo Antón: Xa sei que o comezo do ano foi bo para ti. Por unha vez, desde hai moito tempo, chegaches a comer máis de seis uvas das doce que tiñas preparadas, todo un record; pero tamén cómpre dicir que a túa filla preparounas moi ben: púxoche desas que non teñen pebidas e ademais eran das pequerrechas que case se comen a pares, así que a túa proeza non foi tan grande como presumías cando te chamei. De tódolos xeitos, parabéns por ese comezo de uvas e champán. Eu, en cambio, funas comendo todas á feito seguindo as badaladas da Porta do Sol de Madrid. Cando eu era neno, quen marcaba o tempo eran as campás da nosa igrexa parroquial que agora a penas se escoitan, aínda que, todo hai que dicilo, para esta ocasión o reloxo foi axeitadamente preparado, cousa non moi frecuente nos últimos tempos. O caso é, meu amigo, que as fun engulindo tal como está mandado, o que, sen embargo, non quere dicir que vaia ter máis sorte ca ti. Xa sabes que non acredito moito neses azares de meigas, pero coido que sempre é bo poñer na vida rutineira aqueles rituais que aprendemos de nenos e que nos fan vivila, por momentos, de xeito máis intenso.

Cando che preguntei polo teléfono de que che podería falar na carta de hoxe, recomendáchesme que che contara como pasei a festa desa noite inaugural. Pois ben, non teño inconveniente en facelo, pero non creo que aos nosos lectores lles interesen moito estas andrómenas particulares. Así que non che vou narrar todo o acontecido, pero, xa que teño ocasión, vouche dicir algo do que me pasou.

Coma ti ben sabes, eu non tiven fillos nin fillas, e acepteino ben: foi a miña decisión. Tampouco teño netos nin netas, claro, pero iso acepteino peor, porque, meu amigo, non che hai nada coma a risa recen estreada dun neno para darlle cor e prestancia aos anos dun vello. Teño, por sorte, de momento, unha sobriña-neta que, con seis mesiños de vida, apareceu entre nós para alumear o inicio da nosa cea coa luz intensa dos seus ollos. Todos babeamos diante dela. Por veces, atopeime a ollala de fite buscando nos seus olliños unha palabra que aínda non aprendeu. Supoño que o meu rostro era para ela unha simple curiosidade que se esquece de inmediato, ou, se acaso, era algo desacougante que acabaría por facela chorar. Pero para min os seus olliños escuros eran outra cousa ben diferente: eran, nin máis nin menos, que as portas do futuro. Por eles ha pasar toda unha vida: unha neneza fuxidía, unha adolescencia de descubrimentos, unha mocidade esperanzada e unha adulteza fecunda. E eu, no meu silencio, preguntábame como habería ser esa vida que lle entrará pola fiestra dos seus ollos, como sería esa sociedade na que lle tocará participar, esa sociabilidade que eu xa non poderei analizar, ese entorno de vida que eu xa non podo mesmo imaxinar. Antes, cando ti e máis eu eramos nenos, todo cambiaba lentamente e, polo tanto, o futuro era algo suficientemente previsible. Agora xa non é así: todo vai á presa, e seguramente ela ha vivir cousas que, se agora nó-las dixeran, posiblemente non as creriamos. Creo que algunhas das condicións que nos trouxo esta modernidade na que vivimos han ser criticadas para que se recuperen elementos que agora están abandonados: certos valores, algúns principios fundamentais, convencementos perdidos, mesmo unha relixiosidade anovada e purificada. Pero tamén, claro, outros elementos da vida que agora nos parecen moi importantes quedarán perdidos para sempre na noite da historia. Quedeime eu cavilando: como se entenderá a amizade cando esta nena sexa moza?, como será, no futuro, aquela vida familiar que onte estabamos a reproducir coas uvas na man?. E, sobre todo, como se vivirá o Amor: o amor grande que por forza ten que ser xeneroso, e o amor pequeno e fuxidío do gozo diario descomprometido?. Diante do ollar sagrado dunha vida recen chegada, non fun quen de imaxinar futuros. Xa ves, Antón, despois de tantos anos a estudar estas cousas, atopeime sen respostas. Tería perdido o tempo?.

E así, entre as inquedanzas das preguntas e a ledicia de me sentir agarimado, fun pasando a noite que chaman máxica. E pensei nos amigos, claro, e entre os seus nomes andaba o teu, meu Antón. No fondo da noite prometedora, estaban os olliños dunha nena. Chámase Uxía. Que quede constancia. Cóidate e tenta respirar un ano máis. Despois, xa pediremos. Unha aperta.

Bernardo

viernes, 19 de diciembre de 2008

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (19-12-08)

.
Meu amigo Antón:

Xa andamos nas Navidades outro ano máis, e con esta carta quero manifestarche, meu burlón amigo, a miña felicitación. Por certo, non sei se será politicamente correcto dicir iso de Navidades, ou Nadal ou Natal, nestes tempos nos que algunha xente anda moi preocupada pola supresión de linguaxes relixiosas e pola conseguinte implantación dunha linguaxe laica. A Igrexa, segundo eles, xa dominou tempo dabondo ao persoal. E, se cadra, teñen algo de razón. Habería que o discutir, pero agora non teño ganas. Ao mellor nesta carta tería que che dicir simplemente: boas festas de invernía. Pero en fin, se lles pedimos desculpas aos nosos oíntes máis puntillosos, e se teñen en conta a miña condición sacramental e a túa de cachazudo tradicionalista, non creo que se nos alporicen en demasía. Así que, meu Antón, que teñas boas festas natalicias ou renatalicias, é dicir, que renaza en ti cada día o misterio do Amor. Do amor de verdade, claro, porque para o outro xa vas indo algo vello de máis.

E, para que todo comece ben, non te prives de gozar dese preludio festeiro, neste caso laico de todo, que nos oferta a nosa vila desde tempos remotos: a feira dos capóns, unha palabra, por certo, ben simbólica no senso máis literal e material do termo. Seguro que has estar alí ben cediño, no Cementón, baixo da carpa prodixiosa, mesturando as túas palabra quentes coa friaxe do ambiente para elaborar ese bafo invernal que che invade o rostro por baixo da inevitable boina. Non sei se mercarás ou non, porque, como me di sempre a túa dona, es cutre dabondo; pero estou seguro de que non has deixar de axudarlle aos teus fillos a detectar os mellores pitos que, ás veces, non son precisamente os elixidos polos entendidos para darlles os premios do Concello. Nunca se me esquece o espectáculo de te ver a ti en actitude competitiva co noso amigo Domingo Somoza, que Deus teña na gloria, para conseguir en bo prezo aqueles pitos que seguramente non eran os máis aparentes, pero dos que vós coñeciades, pola experiencia que non dan os estudos, a súa excepcional calidade. Domingo sempre me explicaba que o máis da xente non se apercibía de que seren os bechos grandes coma bois non indicaba precisamente que fosen os mellores. E ti tamén o sabías. Así que ti preguntabas o prezo e, cando cho dicían, poñías cara de sarcástica sorpresa e íaste dalí coma quen se burla das pretensións dos vendedores; pero, iso si, sen perder de vista quen se achegaba a velos. Se o posible pretendente era o Domingo, ti retornabas de súpeto para que non chos levase, pero tendo coidado de que a pugna entre os dous non aumentase en exceso o prezo inicial que puxeran os vendedores. O importante era que, entre os dous, puiderades convencer ao criador de que os seus capóns non eran malos, pero non pasaban de regulares. Faciades así un xogo moi curioso do que eu teño gozado moito. Era, nin máis nin menos que o xogo do mercado en estado puro. Agora xa non teño moi seguro que se dean estes xogos de tácticas e estratexias, porque, entre outras cousas, paréceme que, en realidade, xa non queda apenas feira. Polo que me din, os máis dos capóns véndense nas casas e os que van á feira non son máis ca produtos residuais. De feito, estes anos pasados aí polas dez e media da mañá xa non se percibía o mercadeo: non quedaba máis ca ruído de gaitas e charangas que non permitían nin sequera escoitarse para o regateo. Algúns téñenme comentado que esas etiquetas certificadoras da calidade do animal circulan polas casas dos produtores con excesiva facilidade. Eu non o sei – nunca criei capóns nin nada – pero sería mágoa porque estou convencido de que non é o capón o que fai a feira senón que, ao revés, ven sendo a feira a que, co seu prestixio, transforma calquera pito en capón. De non ser por ese mercado e polas súas garantías, o animaliño non sería máis cun pito ben mantido, pero non o instrumento dalgún agasallo primoroso co que pagar favores. O valor está na chapiña que o acompaña.

Non sei o que cumpriría facer para conservar o espectáculo da feira. Pregunteille aos meus colegas de Facultade, especialistas en marketing, e aínda agardo resposta; pero, en todo caso, os responsables do evento anual deberían meditalo coidadosamente, non vaia ser que, de non facer algo, morra a feira e con ela o prestixio dos capóns que alí se veñen buscar, precisamente por seren admitidos nela.

E nada máis por hoxe. Merca ben e fai todo por ser feliz, nas festas e despois delas, malia todas as crises do mundo mundial.

lunes, 15 de diciembre de 2008

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (12-12-08)


Publico unha vez máis, a "Carta a Antón" desta semana, xa que son un gran seguidor destas cartas que tan ben escribe o meu querido Bernardo García Cendán e que espero que este blog sexa un foro máis onde se poida ler o que con tanto gusto escribe este fino cronista da vida vilalbesa.

E aproveito este espacio, para mostrarlle a miña admiración, dende o corazonciño dun xoven vilalbés, a Agustín Fernández Paz, este gran escritor que temos na nosa terra . Dende aquí lle envio a miña noraboa polos premios e éxitos que leva acadado e que sen dúbida acadará.



Lugo, 12 decembro 2008

Meu amigo Antón: Supoño que non terás inconveniente que eu lles conte aos nosos oíntes que non andas ben de saúde. E que lles diga tamén que se sempre che tiven admiración, esta medra moito en circunstancias como as que estás a vivir. Es moi túzaro e moi cazurro, ben o sabes, e, ás veces, fasme desesperar, pero teño que recoñecer que a túa capacidade de sufrir en silencio os quebrantos da saúde, sen implicar aos que te arrodean na tristura das túas angueiras e preocupacións, suscita en min un respecto que algunha vez che debo confesar así abertamente. Sei que agora estás a pasar un moi mal momento, pero tiven que adiviñalo, ti calabas. Mesmo cando sospeitei do teu mal e che preguntei por el, ti trataches de quitarlle ferro e lograches que a nosa conversa se mantivese, coma sempre, no clima de ironía que adoitamos manter. Paréceme admirable, porque eu non sería quen de facelo: cando ando mal, non dou evitado que os meus amigos se decaten axiña. Nisto gustaría de ser coma ti. Así que, meu Antón, grazas por ser como es. Ben ves, hoxe toca de loanza que, dadas as circunstancias, fago compracido, pero sen que serva de precedente, porque, mentres respiremos, ti seguirás a ser para min o Antón cachazudo e retranqueiro que sempre tes sido.

E xa que vai de loanzas, teño que dicir que cadro de acordo contigo no que me comentaches esta mesma mañá a carón da tenda do noso amigo Luís do Serafín. Alí estabas ti canda el comentando o xeitosiña que quedou a casa onde está o bar Pafe. Vós que sodes máis vellos ca min cadrabades de acordo en resaltar a semellanza coa construción inicial que os restauradores souberon reproducir: os ferros dos balcóns, as madeiras traballadas das galerías, e mesmo a color do conxunto. Aínda lles queda por mudar, supoño que o farán, aquelas portas de aluminio gris que dan acceso á vivenda e ao bar, e dada a nova situación, entendo que lles han permitir modificar o penal que abeira o paso ao Parador. Non teño inconveniente en me xuntar a vós para darlle os parabéns aos propietarios que decidiron a restauración, coa esperanza de que outros máis sigan por esta liña. Sen ir máis lonxe, o edificio que está ao carón (o que foi do Abelleira), con moi fermosas galerías en ruína, pero tamén outros moi notables como o de Carballal ou a parte traseira do que foi casa de don Plácido, un estilo chabolista fronte á entrada da Torre.

As xentes sensibles da nosa vila han quedar agradecidas, porque ben merecemos sentirnos nunha paisaxe urbana bonita despois de que nos últimos anos tivésemos que soportar tanta zafiedade na construción e no urbanismo con que nos agrediron os que non pensaron máis ca na rendibilidade económica sen incluír para nada a beleza do conxunto. Sei dalgún arquitecto que se viu obrigado a apeitar coas imposicións dos propietarios en contra da estética da que el é amante, porque os dirixentes políticos do noso pobo tampouco lle axudaron: sempre foron indulxentes en exceso cos que non pensan máis ca no negocio.

E paso a outra cousa ben diferente: supoño que a túa saúde non che vai permitir acompañar a Agustín Fernández Paz, sí, o do Pugita, na homenaxe que se lle vai ofrecer con motivo do exquisito premio literario español que lle outorgaron hai uns días. Eu espero non faltar e xa che transmitirei as túas verbas agarimosas. Falábasme esta mañá da amizade que lle teño. Efectivamente é unha relación que ven de lonxe e que se consolidou definitivamente cando, hai xa ben anos, prestei o meu ombreiro para traer desde Mondoñedo o corpo sen vida do seu irmá Luís que, unha mañá de xuño, quedou durmido para sempre no seu cuarto do seminario onde estudaba o segundo curso de filosofía. Moitos, en Vilalba, amigos de Agustín, xa non se lembran del, pero eu gardo un recordo moi vivo: ía camiño de ser, aparte de cura, un bo músico – de caste lle viña – pero tamén un bo pintor do que aínda gardo mostras. Tiñamos unha amizade forte, e dalgún xeito seu irmán Agustín comezou a ser para min a reprodución daquela afección. Por iso, cando sei dalgún dos moitos trunfos que o noso novelista e literato vai acadando, eu, no meu maxín, teño o sentimento de que, misteriosamente, Luís está vivindo nos logros de seu irmán os moitos recoñecementos que algún mal fado lle truncou. Así que, desde aquí, desde esta carta, quero xuntarme aos moitos eloxios que Agustín e, no meu íntimo sentimento, Luís, están a recibir. E eu ben sei que ti, Antón, gardas lembranza daquel rapaciño vivaz e imaxinativo que estudaba para cura, e, xa que logo, tamén ti te xuntas ás miñas palabras para eles dous. E nada máis por hoxe. Que che mellore a saúde e que poidamos ollar anos de futuro en disputa permanente pero en boa compaña. Unha aperta

sábado, 22 de noviembre de 2008

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (21-11-08)

.
Meu caro Antón:

Xa vexo, meu amigo, que non te avisaron, pero non te amouques porque xa somos dous. A min tampouco me dixeron nada. E ti, por certo, nunca cantaches na Coral Vilalbesa, eu si; ti non fuches dos fundadores aló polo 62, eu si. Ti non te ocupabas de dirixir barítonos e baixos, eu si. Ti non suaches a gota gorda, no verao, metido naqueles locais que os Guntín ocupaban na praza, fronte á igrexa, para aprendermos O Consolo. Eu si pasei quenturas compartidas co Goldar e con Alfonso de Burgás que en paz descanse. E co Toñito Paz, por exemplo, do que algún día cómpre falar. Así que, Antón, non te queixes de ter que saber polo xornal, a toro pasado, que A Coral Vilalbesa reuniuse en plano de festa para outorgarlle unha homenaxe, seica moi sentida, ao noso amigo Pepe Roca, quero dicir, ao noso Roquiña de sempre. Eu tamén che confeso que sentín non ter sido avisado porque, aínda que agora non podo cantar, síntome dalgún xeito pertencente á Coral e tento seguir os seus avatares, para gozar dos seus éxitos e animar canto podo se, por momentos, a cousa decae. Por certo, cando han volver os moitos que estiveron e aínda cantan moi ben?. Pero, máis que pola Coral mesma, lamento especialmente, neste caso, non o ter sabido porque faría o posible por estar e loar coa miña presenza a figura do Roquiña, un auténtico paradigma de músico popular e entusiasta que eu fun admirando ao longo da miña neneza e adolescencia e que agora aínda suscita no meu interior esa nostalxia cuasi-romántica que os que xa temos anos demais non confesamos, por pudor, pero que revive, sen pedir permiso, cando a ocasión se presta. Xa sabes, Antón, que os do teu tempo, e tamén do meu, non podemos esquecer aqueles sábados nos que pola tardiña se cortaba o pelo ao son dunha habanera froito dun Mato, facíanse zapatos con melodía dun valls do Manolo do Longo ou se acariñaba a madeira dun moble en construción ao ritmo da xota da Romaxe de Tardade. Fermosa mocidade na que viviamos a vida vilalbesa baixo o imperio, por unha vez agradable, do do-re-mi-fa-sol con mandolina. Non se concibe o Roquiña sen os seus remates agudos de tenor indiscutible na Misa de Perossi, e moito menos sen o seu saxofón nas mans. Supoño que aínda se derrete de satisfacción cando escoita a sonoridade tibia, acariñante e case humana dese instrumento nas mans dos seus netos que, por fortuna, tamén aman a música.

Vivir nun pobo pequeno sempre tivo as súas dificultades das que tanto lles comprace falar aos sociólogos, pero tampouco se privan estes estudosos de loar o moito que ten de positivo. Porque nun ámbito comunitario a xente ten rostro, ten nome, ten biografía, e ademais, en cada persoa, amoréase unha chea de lembranzas que son, en substancia, a transparencia dese colectivo que todos formamos. Isto é algo que ti, Antón, me repites a cotío, e seguramente tes razón cando te laias de que non facemos dabondo para que ese nome persoal, esa figura que se nos fixo tan próxima, eses pequenos protagonismos cos que se foi fiando o tecido da nosa historia local saian á luz algún día e teñan o seu momento de gloria para gozo de todos nós. Como é, por exemplo, o caso do Santiago G.Cillero que aínda fai fermosas cancións non editadas. Ou como é o caso, agora, do Roquiña. Non che estrañe, pois, meu amigo, que eu aproveite as túas pícaras observacións e as túas reprimendas de cabreado veciño para poñer nestas cartas as referencias que ti non queres deixar que se perdan no río terrible do silencio. Curiosamente, non hai moito falábasme de que ninguén lle agradeceu publicamente ao Carlos G. Osa que tivese a valentía de emprazar na indiscutible dereita vilalbesa o contrapunto dun partido nacionalista de esquerda. E agora é momento axeitado, insístesme, de poñer en alto o nome de Martín que, nese mesmo ámbito hostil, foi quen de ir sementando paseniñamente, con anos de esforzo, unhas ideas socialistas que, esperemos, non sexan deturpadas por intereses espurios. Pois ben, meu Antón, eu tampouco quero que o silencio rele os méritos destas persoas, porque estou seguro de que non haberá vilalbés ben nacido que, aínda que non chegue nunca a darlles o voto, non recoñeza a importancia de ter alternativas, porque tal é riqueza da variedade que toda intelixencia normal acepta e aplaude.

E xa vai ben por hoxe. Cando comecei a escribir non agardaba unha misiva tan longa. Cóidate e non deixes de amolarnos coas túas andrómenas. Unha aperta. Bernardo

lunes, 20 de octubre de 2008

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (17-10-08)

.


Síntome na obriga de publicar este precioso artigo de Bernardo García Cendán, amósanos nesta carta o que alguén coma min lle gustaría poder escribir sobre o caso do paquistaní agredido na noite vilalbesa. Felicidades.
.
.
.
.
.
Meu amigo Antón:

Que non, xa che dixen onte que non, que nesta carta non che vou falar de política e moito menos dos políticos. Xa sei as ganas que tes de que comente o asunto dos coches do Concello mercados cos cartos da crise, e de que tamén lles mande un recadiño a persoeiros emerxentes na oposición que, polo que me contas, tentan reproducir os xeitos do gobernante; pero non o vou facer. Xa que queres tirar a pedra, faino coa túa propia man e non me metas en máis leas: escribe ti unha carta e eu tratarei de que a poñas nas ondas coa túa propia voz, aínda que, se cadra, a túa voz delátate e todo quisque acabará por saber quen es, Un risco que ten que correr, pero, se queres que a xente baile, es ti quen debes poñer a música. En todo caso, meu Antón, na carta de hoxe non hai política, desa que andar pola casa, nin persoeiros da política, deses que tanto te preocupan.

Entón de que imos falar?. Pois aí tes, vou coller outra idea túa luminosa da que me fixeches partícipe e que me pareceu moi axeitada para comunicar aos nosos oíntes. Hai xa uns días, camiñando polas rúas, puxeches cara de poeta para, dicíasme, facer unha homenaxe a alguén que non che saía do pensamento. Contáchesme que cada fin de semana aparecía pola vila un rapaz que non deixaba bar sen visitar nin taberna nin pub nin tugurio de beber sen se facer presente. E nas mans nunca traía puños pechados nin penduraban palabras agresivas dos seus beizos. Neles había sorrisos frescos que non esmorecían nas horas nocturnas, e, no canto dos puños, as súas mans traían ... rosas, só rosas, poida que caraveis, en todo caso, flores susceptibles de se trocar en palabra de amor entre os mozos e mozas que llas solicitaban. Eu non o coñezo, pero, polo que me comentaches, parece que o seu corpo esvelto e moreno é por si mesmo a metáfora desa mensaxe que a cotío nos manda o Deus da xustiza, da igualdade e da misericordia: corpo exótico e alma ridente que veñen de lonxe para nos falar suavemente das nosas obrigas coa paz. Sen armas na man, só flores; sen palabras agresivas, só os dentes brancos dun sorriso; sen provocacións, só unha faciana aberta ao encontro. E así foi o encontro: bateu cunha fera besta autóctona, desas que andamos a fabricar nesta sociedade de gran consumo, de pouco pensamento e de menos amabilidade. E a besta fixo o que sabe facer: varrer o sorriso daquela cara inocente cun puño adestrado, non para o traballo senón para o altercado máis arbitrario. Agora agarda no cuarto do hospital un futuro moi incerto, e, mentres, imaxino que pensa e dálle voltas a un por qué ao que non lle atopa resposta. Terá na súa mente as imaxes descoloridas daquela súa aldeíña paquistaní onde soñaba futuros moi lonxanos, onde posiblemente xa non teñan lembranzas del, onde nunca lle farán unha homenaxe. E o seu ansiado novo mundo, este que lle ofrecemos, onde buscaba acubillo, tampouco lle fixo outra homenaxe ca dun puñazo letal. Pero, afortunadamente, tampouco aquí, nesta nosa Vilalba, andamos todos cos puños por diante: moitos mozos e mozas chegaron a aprecialo e mesmo a aceptalo na mesa das copas nocturnas, e, como non sabían dicir o seu nome de pronuncia difícil, adoptárono como Javier. Ti, Antón, pregúntasme: non chegarán estes amigos a lle facer unha homenaxe reparadora?. Non o sei, pero eu, seguindo os teus mandados, poño aquí, nesta carta das ondas, a voz máis sa de Vilalba para lle dicir que somos moitos a estar con el na angustiosa estadía dun cuarto de hospital.

Meu Antón, ata aquí a carta de hoxe na que non che falei nin de política nin de políticos, unha carta que resultou moito máis curta do habitual, pero non menos intensa. Grazas por me ter dado, coas túas ideas, a oportunidade de chegar dalgún xeito ao Paquistán lonxano cunha palabra de paz.

Ata outra, se Deus o quer. Do teu amigo
Bernardo