sábado, 31 de enero de 2009

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (30-01-09)

Este artigo debería de ser leido por todo aquel que pretenda entender o sentido da amizade e comprender a situación que se está a vivir no PSdeG-PSOE de Vilalba, coñecendo os sucios movementos dalgunha persoa que lle da máis importancia ó medre persoal que o proxecto que representaba.


Lugo, 30 de xaneiro do 2009

Meu amigo Antón:

Teño que che dicir que me gustou moito a túa reacción cando te atopei antonte en plena discusión acalorada co teu amigo Pepe do Forno. Case non me saudastes, tan encerellados estabades ambos na teima que vos ocupaba. Decateime axiña de que o motivo da disputa era a lea que se armou recentemente no grupo socialista vilalbés. O Pepe argumentaba que todo o mundo ten dereito a ser ambicioso e a querer ocupar postos de poder. Ti, polo que puiden escoitar, pois falabas moi baixiño, non negabas tal dereito, pero insistías en que che parecía pouco ético rachar promesas, incumprir pactos e traizoar amizades no nome da ambición, tal como deixou denunciado algún dirixente. Ao parecer, dicías, non se fixo a ruptura por mellorar o partido e o seu funcionamento, que sería comprensible, senón pola simple cobiza de me poñer eu onde estabas ti. A amizade, parece ser, non conta.

Eu escoitaba a polémica que tiñas co do Forno, sen intervir para nada porque hai xa moito tempo que teño descartadas as disputas partidistas, pero fáloche disto porque, como che dicía, gustoume a túa reacción cando o Pepe che argumentou que a política é así. Así de porca, dixo. E a túa resposta foi inmediata, e ata se che puxo rubia toda a cara mentres lle dicías: pois a min non me gusta a porcallada nin sequera na política. E eu seguín caladiño, pero fóiseme o pensamento a ese barullo que se traen os do PP en Madrid con tantos espías soltos, mentres espiados e espiadores se dan apertas simulando amizade e cravándose coitelos. Eu, caladiño cara a fóra, dicíame para min mesmo: canta falla temos de que houbera moita xente que, diante de casos similares, respondese coas palabras e coa contundencia con que ti, Antón, o fixeches naquel momento. Porque, xa ves a contradición: non nos é posible prescindir da política, xa que dela despende case todo na nosa vida, e ben que o notamos cando chegan tempos revoltos coma estes nos que andamos; pero, ao mesmo tempo, aceptamos sen protestar condutas podres e cheirentas que se esquecen, inexplicablemente, cando se vai votar. Aínda hai, por desgraza, moita xente enleada no politiqueo, pero, por fortuna, tamén quedan utópicos que foxen do mercadeo innobre. Non son moitos, pero habelos, hainos, e cómpre dar con eles. Humanizadores da política, promotores da ética, amigos por riba das diferenzas.

Cando comecei esta carta non quería determe na política. Quería falarche desa cousa tan humana, tan ricaz e tan fermosa que coñecemos coa palabra amizade, porque traía nos ollos a portada dun libro do psiquiatra Enrique Rojas sobre os amigos. O autor é do Opus, mais o tema é universal: cando a vida nos amola, os amigos axudan moito. Pero, xa ves, metéuseme a política polo medio e non me din zafado. E despois de lembrar a túa disputa co Pepe do Forno, e, despois de ver a facilidade con que el, un home bo, acepta como normal que os intereses bastardos se impoñan aos amistosos, despois disto, xa non me quedan azos para che falar da amizade: parece cousa de nenos piadosos e pouco curtidos. Tiven algún amigo, de formación leninista, que medía sen receo a calidade do amistoso polos intereses e as concordancias políticas, coma se estas fosen o que realmente importa. E non cadro de acordo, pero xa cho explicarei outro día.

Así que non che falo máis por hoxe. Se Deus me deixa, xa volverei sobre o asunto. Ti es amigo e, como dixo Sancho, amigo que no da y cuchillo que no corta, aunque se pierdan, no importa. Asegúroche que ti impórtasme moito porque é moito o que me das coa túa amizade. Conta coa miña vontade de facer o mesmo.

Bernardo

No hay comentarios: