sábado, 30 de octubre de 2010

¡SAÚDE, SOCIALISMO E REPÚBLICA! ATA SEMPRE, COMPAÑEIRO BRUNO


Recordo que chegou como un soplo de aire fresco, que inundou a sede socialista de Lugo de simpatía e dun inconfundible discurso marxista que difundía cunha notable oratoria. Era como un deses vellos republicanos que semellan falar coa voz da verdade. Puro no discurso e puro de corazón, sempre disposto a compartilo cos mais. Comportábase como un gran nas posaderas dos necios e poderosos e como un compañeiro leal de todos aqueles que compartíamos o seu proxecto. Foi un magnífico Secretario Xeral de Xuventudes Socialistas en Lugo e traballou a reo para conquerir o troco político que necesitaba a nosa cidade, ademais de facer da organización xuvenil unha auténtica escola de formación e ideas. Ó tempo que gañaba peso e con éste, posición para roubarlle os rebotes ó seu gran amigo Pedro, tamén gañaba autoridade moral para defender o seu comportamento crítico a todo aquel que se desviase do camiño marcado pola liña recta da moral e da ética, conquerindo con esta actitude, afastarse dos postos de decisión que quedaban reservados para outro tipo de compañeiros. Pero esto non era un problema para Bruno, que acompañaba ese compromiso co posicionamento crítico, cunha inmensa afabilidade e cun eterno sonriso debuxado na sua cara.


Compañeiro, alá onde estés, o lugar onde se atopan os bos e xenerosos, reuniraste con teu compañeiro chairego de batallas, para voltar a formar esa esquerda socialista que traballe para conquerir mellorar a situación dos que menos teñen. E dende alí, non te olvides nunca de agasallarnos co teu inesquecible: Saúde, socialismo e república e Visca o Barça.


Nunca te esquenceremos, ata sempre compañeiro.

domingo, 24 de octubre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 22/10/2010

Que bonito Victor, benvido a vida e que sempre che sonria a sorte, que o amor non che vai faltar.


Lugo, 22 outubro 2010

Meu querido Antón:

Nova carta, pero poucas respostas para as moitas preguntas que me fas. Antes ti facíasme comentarios do que acontecía para que eu os reflectise na carta do venres. Así daba gusto porque eu non tiña máis que reproducir as túas verbas (as publicables, claro), pero desde que estás fóra da vila, a penas comentas nada e preguntas moito. E moito é o que debes gastar en telefonía móbil, pero, claro, como paga o teu fillo .....

Hai uns días reprochábasme que non tivese estado no concerto que deu a Coral Vilalbesa xunto con outras dúas. En canto cho dixo o crego Mato, faltouche tempo para agarrar de móbil e poñerme verde. Teño que recoñecer que algo de razón tes porque efectivamente debería ter estado presente, tanto polo que me comprace como polas circunstancias que acompañaron esa mostra musical, por exemplo o estreo dunha nova peza por parte dos meus amigos cantores. Ademais diso, o meu compañeiro Mato, director do Orfeón lucense, chamoume repetidamente porque tiña interese en comentar comigo o progreso dos coros galegos. Así que pido perdón pola miña ausencia. Pero tamén debo dicirche que tiña motivos familiares moi serios e moi fermosos para exculparme.

Creo que non te informei dunha boa nova, acontecida na miña familia, que me encheu de tenrura. Naceume un neto. Dixen mal, naceume un novo sobriño-neto que, xunto cos outros dous, van compoñendo ese tecido tan entrañable de pequerrechos que substitúan aos verdadeiros netos que eu non puiden ter. Chámase Víctor e ten unha aparencia tan apracible e serea que mesmo semella un anxo a durmir tranquilamente nos brazos de quen o acolle, coma se quixese recitar co seu soño o gran poema da paz. Puxéronmo no colo e alí estiven máis dunha hora a ollar aquela cariña na que quixen, sen resultado, auscultar as imaxes que bulen xa, supoño, na súa cabeciña. Xa ves, Antón, un contacto co gran misterio da vida que sempre me impresionou.

Espero que tal goce poida escusar, diante de ti e dos cantores vilalbeses, a miña ausencia do concerto. O malo é que, despois do que che dixen, non me é doado falarche das outras banalidades da vida que van enchendo as nosas cartas ao longo do ano, pero, en fin, digamos algo da Coral que, despois de todo non é tan banal, porque eu son dos que creen na música coma o gran agasallo de Deus en forma de linguaxe primordial para nos poñer en contacto directo e inmediato coa divinidade, sexa esta a das miñas crenzas ou sexa a das crenzas dos ateos, que algunha terán, digo eu.

Pois ben, téñolle apego a esa Coral que eu vin nacer e na que puxen o meu grao de area para que tivera existencia: aqueles ensaios primeiros na casa do Cerillas, a entoar “O Consolo”, lembras? aquilo do sol que escomeza a pórse / orade, di a campá ....

Por certo, non se che acorda o moito que che insistín en que viñeses probar se valías para o canto?. Fíxeno, tamén sen resultado positivo, porque ben notei que non tiñas mal oído, a túa voz non desentoaba e o ambiente amistoso habíache compracer moitísimo, como nos acontecía aos demais. E, por riba, eras moi amigo do Antoñito Paz, do Goldar e do director, Alfonso, cura de Burgás. Pero, xa digo, nada, non quixeches participar: ti, tan túzaro coma sempre, malia ser moito máis novo ....A última vez que vin actuar á Coral foi na misa de San Ramón, e atopeina moi afinadiña e conxuntada, e advertín mesmo a presenza dalgún novo compoñente coma o Tito do Ramallal, o que non deixa de ser unha esperanza. Sempre me pregunto que cumpriría facer para que tantos vilalbeses que cantan ben, mesmo moi ben, e que por riba se divirten cantando, se decidan a compartir cos coralistas o gusto da música. En máis dunha ocasión, ti mesmo, amigo Antón, tesme preguntado por que, habendo tantos estudantes no Conservatorio, non proliferan máis os creadores de grupos con iniciativas musicais propias, polo estilo do que foi Xorima ou Os Malos Hábitos, por exemplo. Non sei responder, pero por veces teño soñado con que aparecese algunha xente nova, con ansias de cantar, que lle dése á Coral un pulo de renovación, o que seguramente tamén sería do agrado dos actuais participantes. Ou mesmo, a creación de cuartetos ou octetos, ao estilo de Euskadi, que animase os veráns da vila. A propósito disto, lembro con agrado aqueles tríos de cordas que dulcificaban cos violíns os recunchos da praza con motivo da Feira Medieval, aínda que eu aquí estoume a referir especialmente á promoción do canto. Por certo, unha tarde atopeime por casualidade con catro exalumnos meus, vestidos de tunos, e ocurriuseme levalos por algúns bares e poñelos a cantar. A verdade é que cantan moi ben, pero non te podes imaxinar, Antón, a cariña de satisfacción que se vía nos seareiros dos bares. Foi nesa ocasión cando volvin a me preguntar se haberá xeito de animar á mocidade. Ti mesmo, meu amigo, fálasme moito dun caso como é o das Pandereteiras de Andrade que, por fortuna, senten a Galicia en plena Chaira. Ben me lembro delas, pero déixame soñar con moitos máis vilalbeses a cantar na Coral, ou a cantar pola súa conta ou as dúas cousas ao mesmo tempo, porque, como ti me dis a cotío, primeiro é soñar e despois facer realidade aqueles soños, un traballo espléndido a realizar polos animadores da cultura.

Nada máis por hoxe, e non te queixes. Recibe unha forte aperta do teu amigo,

Bernardo

martes, 19 de octubre de 2010

"Caixón De Xastre" por Manolo Roca


Como son as cousas, quedoume este artigo sen ler, ata estos días que revolvín na hemeroteca do xornal da nosa terra "Terra Chá Xá". Para min e os meus é especial ler esta perla, non só pola categoría de quen a escribe, o profesor Manolo Roca Cendán, senon polo moito que nos une ós membros da familia Seco con toda a familia Roca, que ademais de curmáns son un exemplo para todos nós, dunha gran familia unida, formada, noble, valente, agarimosa e voluntariosa no esforzo de facer unha Vilalba mellor e máis dinámica.
.
Para o meu pai e todolos membros da miña familia, tanto Manolo, a súa nai Carmucha que o meu pai recordou especialmente o día da súa homenaxe, o recordado e querido por todos nós Chichí, tódolos irmáns sen excepción, Juán, Lis, Chichí, Niní e Mari Carmen e como non, os nosos curmáns aínda que non o sexan de sangue, Sesé e Conchita, tivechedes, tedes e sempre teredes un lugar privilexiado no noso corazón e nas nosas vidas. Grazas por estar ahí.
.
COMEZO OBRIGADO: HONESTIDADE
.
Nesta nova xeira de colaboración con TERRACHA. Xa que abro neste mes de agosto é obrigado que comece cunhas liñas de recordo ao meu curmán MARTÍN SECO CENDÁN, a quen a parca levou, de súpeto, hai ben pouco tempo. O masivo recoñecemento popular que, por partida dobre, tivo neste ano subliña o moi querido que era (na Terra Chá, si, pero tamén fóra dela). Tanto os centos de persoas que asistimos á cea-homenaxe coma o impresionante desfile humano de despedida na súa morte reflicten inequivocamente ese recoñecemento popular a un home bo e xeneroso, sempre disposto a facer seus os problemas das persoas que necesitaban do seu apoio.
De resumir tan só nunha palabra o seu importante papel no desenvolvemento do socialismo chairego, téñoa ben clara: honestidade.
.
Neste tempo no que temos en variados partidos tantos exemplos de políticos corruptos e de “medradores” que pensan máis nos seus intereses persoais que nos da sociedade á que deberían servir, é unha mágoa que “a que sempre chega” viñese tan axiña para Martín, só uns días despois de que estivese, moi animado por atoparse fisicamente mellor, no acto de presentación a obra do que foi gran amigo seu: Xosé Luís García Mato.
.
Quédanos o seu exemplo vital de teimoso defensor dos seus ideais, aqueles que nos lembrou nas últimas palabras do seu discurso na cea - homenaxe:
.
“Traballei todo o que puiden por convencemento. Por estar convencido dunha idea. Unha idea
que non é outra que lograr o benestar para os máis débiles.Por unha idea que di que non hai dereito a que neste mundo haxa xente que morre de fame. Que non ten médico. Que non ten escola. Por unha idea que quere a República para este país. Por unha idea que quere: Liberdade,
igualdade e fraternidade. Aí está o socialismo. Aí estou eu”.
.
É XUSTO E NECESARIO:
.
É XUSTO que Vilalba nomee a Xosé Luís García Mato CRONISTA OFICIAL DE VILALBA
A TÍTULO PÓSTUMO.
.
Sen tempo xa non vai ser, porque morreu en xaneiro de 1981. Van case tres décadas, ben pouco...na historia da humanidade anque moito para un pobo que queira cumprir axeitadamente
cunha das persoas que máis estudou no século XX a súa historia e que máis traballou no seu desenvolvemento cultural en moi variados aspectos, como a publicación da obra de autores chairegos que durmían un soño de moitas décadas (de Xosé Chao Ledo, de Antonio García Hermida), a organización de exposicións de pintura (como a inesquecible de Antonio Ínsua Bermúdez) de conferencias, etc...
.
É NECESARIO que o Pleno do Concello de Vilalba, como organismo representativo dos milleiros de persoas que compoñen este concello, adopte este acordo, que xa solicitaron hai vintenove anos a “Agrupación Cultural Lois Peña Novo” e o patriarca chairego (Manuel María, nun fermoso artigo en “A Nosa Terra”). Neste tempo de austeridade, temos aquí un posible
acordo plenario que non supón custo algún para as arcas municipais. O que si supón un importante custo é seguir facendo oídos xordos a esta xusta demanda; neste caso o custo non é
económico senón de credibilidade ante a opinión pública de quen ten que tomar esta decisión.
Ogallá decidan ese nomeamento antes de que, en xaneiro de 2011, se cumpran trinta anos da súa morte. É XUSTO E NECESARIO.
.
Manolo Roca Cendán

Comunicado do sector dos “Militantes históricos” do PSdeG-PSOE de Vilalba


Dado o inminente proceso de elección de candidatos e demais integrantes das listas para as eleccións municipais do 2011. Os membros do grupo de “militantes históricos” do PSOE Vilalbés, entre os que nos atopamos os concelleiros Margarita de Vicente Mato, Martín Seco García e máis da metade dos integrantes da anterior lista electoral do PSOE no 2007, queremos deixar clara a nosa posición ante tal proceso:

Ata o final de lexislatura e se nada troca a situación actual, os concelleiros De Vicente e Seco seguiremos a tramitar como ata agora, en todos aqueles foros do Concello onde poidamos realizalo, aquelas iniciativas que os veciños de Vilalba teñan a ben comunicarnos, por respecto ó noso partido, ós cidadáns que nos elixiron co seu voto e a confianza que a anterior dirección do partido, con Martín A. Seco Cendán ó fronte, depositou en nós.

Por coherencia co noso posicionamento político, ante un proxecto cuns principios que non compartimos, renunciamos a participar na elección do próximo candidato a alcaldía de Vilalba polo PSdeG-PSOE e non desexamos ser incluídos na lista electoral que o noso partido presente ás eleccións municipais do 2011.

Aínda que non sexa prato do seu gusto, esiximos do Señor Eduardo Vidal, que asuma a forte aposta que iniciou cando se presentou a Sº Xeral do PSOE Vilalbés, facendo añicos o relevo marcado pola anterior dirección local, cara unha nova etapa encabezada por Elba Veleiro, que é de sobra coñecido que contaba cunha grande aprobación da sociedade vilalbesa. E que agora debería continuar, propoñéndose como candidato á alcaldía do noso concello, algo que debería de facer se conta cun mínimo de responsabilidade e respecto pola institución que representa. Ademais esiximos que o faga, dedicándose en corpo e alma a dita tarefa, posto que igual que o anterior Sº Xeral, Martín Seco Cendán, renunciou a voltar a presentarse como candidato á alcaldía, para asumir responsabilidades de dirección na empresa pública TRAGSA, o Señor Vidal, se cre no proxecto que encabeza, debería deixar o seu cargo como Director do CETAL, para entregarse a nobre causa de ser un bo candidato para o Partido Socialista en Vilalba, xa que eticamente é incompatible o traballo que ten que desenrolar un candidato a alcalde dun concello como Vilalba, coa dirección dunha entidade como o CETAL que esixe unha dedicación absoluta, como o propio Eduardo Vidal ten explicado, cando fala desta entidade nos medios de comunicación.

domingo, 17 de octubre de 2010

Los pronósticos y el futuro de la marca PSOE

Tómome a liberdade de publicar este interesante artigo do amigo e compañeiro coruñés, Pablo Arangüena que podedes atopar no Blog de Izquierda 21:
.
.
IZQUIERDA 21 é o grupo ó que pertence Pablo e outros amigos da esquerda coruñesa que intentan facer o que está fallando nestes instantes na esquerda en xeral, Debate de ideas.

Saúdos para eles, dende o templete da alameda vilalbesa.



Escuché el otro día a un superministro, al cual le pedían en la radio su opinión acerca de cuándo empezará a despejarse el horizonte de la crisis en España, que “nadie es capaz de hacer pronósticos”. Yo, en cambio, como soy muy osado y sin consciencia de parentesco alguno con Nostradamus, estoy convencido de que, al estado actual de la ciencia, pueden hacerse, como mínimo, tres pronósticos con una elevada probabilidad de cumplimiento.

Pronóstico 1: La economía española permanecerá estancada durante años. Esto es así, en primer lugar, porque el endeudamiento total (público + privado) de la economía española asciende, según las fuentes más moderadas, a un 350% del PIB, que es una proporción muy elevada, que no puede incrementarse más como se ha venido haciendo en el pasado y que lastrará el crecimiento de forma permanente. Por cierto, es bueno aclarar que la mayor parte de este endeudamiento es privado y generado mientras gobernaba el PP. En segundo lugar, porque no es fácil pasar de un modelo basado en la construcción (también pública y privada) a otro basado en una economía más productiva y esto, en el supuesto de que se consiga, lleva años, según muestra la experiencia comparada de países con una buena gobernanza.

Pronóstico 2: En ausencia de crecimiento, la tasa de paro no descenderá significativamente, porque, según las leyes económicas aplicadas a la experiencia española, no baja si la economía no crece, aproximadamente, por encima del 2,5%. Por eso podemos esperar que el paro se mantenga estable en torno al 20% de la población durante bastante tiempo, probablemente años.
Pronóstico 3: Si el paro no desciende, es altísimamente probable que las próximas elecciones generales las gane el PP si no hace nada fuera de lo normal, tipo pelarle la barba a Rajoy, proponer a Aznar para el Nóbel de la Paz o tratar de canonizar a Camps. De hecho, lo contrario sería un milagro porque, como alguien dijo una vez, “es la economía, estúpidos” y porque no parece probable que los nuevos parados y sus (NUESTRAS) familias vayan a estar muy contentos mientras no mejore su situación.

Si los anteriores pronósticos suenan acertados me parece que sería bueno empezar a plantearse que el PSOE es, además de una mera maquinaria electoral, una marca política centenaria y que su correcta gestión es fundamental para no comprometer su futuro. La gestión de una marca implica cuidar los atributos que la configuran. Por ejemplo, si Bodegas Vega Sicilia detecta que hay un gran mercado entre los jóvenes botelloneros y lanza una línea de kalimocho a base de grandes reservas, los valores que representa su marca se verían comprometidos a medio y largo plazo aunque el kalimocho tuviera éxito a corto plazo.La marca PSOE se ha fundamentado tradicionalmente, en mi opinión, en los valores básicos y amplios de socialdemocracia ( redistribución y defensa de lo público, incluyendo las instituciones democráticas) y libertad. Si bien en materia de libertades el balance que puede exhibir este gobierno es positivo, en la otra vertiente, la socialdemocracia, se ha ido de más (pensiones y salario mínimo en la primera legislatura) a menos hasta llegar a las últimas decisiones que, si algunos entienden, muy pocos comparten. No voy a entrar al detalle pero, si fue difícil en su momento entender medidas como el cheque bebé, la desgravación de los 400 euros (en ambos casos, medidas no progresivas y que, sin atacar las causas de la crisis, se limitaban a maquillar sus efectos ) o la supresión del impuesto del patrimonio (por su simbolismo regresivo, más que por su importancia), las últimas medidas, como la reforma laboral o la congelación de pensiones, son de las que erosionan la imagen del PSOE hasta niveles difíciles de predecir porque afectan de forma duradera a los cimientos de la marca. Aún en el supuesto de asumir la necesidad de su adopción (la presión insoportable de “los mercados” sobre la deuda con la que cubrimos el déficit público y los toques de atención de quienes dirigen el cotarro económico más allá de los Pirineos), menos comprensible es la forma en que se ha hecho, de la noche a la mañana y sin hacer ningún tipo de pedagogía o preparación, como si la dificultad para elaborar pronósticos nos hubiera metido de cabeza en una larga excursión infantil por un mundo de sorpresas imprevistas.

En esta situación, aparte de hacer buenos pronósticos, parece que toca empezar a pensar más allá de las próximas elecciones e ir diseñando una salida que se aparte de los personalismos y minimice los daños al partido, que seguirá estando ahí cuando sus dirigentes ya no estén.

Por cierto, yo también soy partidario de la limitación de mandatos.

Pablo Arangüena.

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 15/10/2010

Esto é o que pasa cando non se fan as cousas ben e non se traballan os temas a tratar.
Penoso que teñamos que acabar lendo cousas como ista que escribe Bernardo, co ben que comezaramos a lexislatura, pero ata que algúns nos apartaron da vida do partido non pararon, ¿teríamos razón nas nosas críticas?.

Deixo a pregunta no vento.

Lede a carta que non ten desperdicio ningún.


Lugo, 15 outubro 2010

Meu amigo Antón

Alégrame moito cando me chamas para facerme preguntas ás que debo responder nesta carta semanal. Alégrame, porque, se non, non sabería de que che falar. Pero agora, desque andas ao lonxe, as túas preguntas multiplícanse e a túa curiosidade volvese insaciable. O que pasa é que a moitas das túas demandas non sei responder, sobre todo responder con xeito, porque me falla a información: ben sabes, o máis do día estou en Lugo e cando chego a Vilalba pola noite a penas me atopo con ninguén mentres dou o meu paseo. Por certo que xa che dixera nunha ocasión, hai tempo, que ía fundar unha asociación que levase o pomposo nome de SOSVI, é dicir Serenisima Orde dos Serenos de Vilalba. A cousa viña dos meus recordos de neno e adolescente cando todos coñeciamos perfectamente aquela figura do sereno (o Cubano, para máis precisión) que facía un labor impagable, porque pasaba a noite enteira, co seu gorro e o seu chuzo, a percorrer as mesmas beirarrúas que eu pateo cada noite. O caso é que, como ti e máis eu temos comentado tantas veces, todo o mundo sabía onde atopalo axiña e contar así cunha axuda rápida e precisa ante calquera emerxencia, e iso, meu amigo, non tiña prezo.

Agora a cousa está moito máis modernizada, xa que aumentou o número de policías municipais que, ademais, sérvense de coches; pero o problema é que non é doado atopalos coa rapidez que sería precisa. E falo por experiencia. A cantidade de xente viaxeira que se detén, pola noite, a recadar informacións de certa urxencia é moita máis da que imaxinamos, e acabo por ser eu a única persoa que atopan para exercer o imprescindible servizo informativo. Nalgunha outra ocasión atopeime con casos moi graves de xentes sen teito e sen cartos, disposta a durmir á intemperie, aterecidos polo frío vilalbés que, como ben sabes, non é pouco. Pois a ti, meu Antón, ben se che acorda, porque cho teño contado, que non me foi nada doado atopar axiña algún funcionario que lles puidera dar algo de solución para que non amencesen tesos coma fungueiros. Así que matinei en organizármonos os que gustamos de pasear pola noite para, ao mesmo tempo, facer ese labor de axuda; pero nada, todo quedou en que o presidente de tal asociación son eu, e conto cun único socio que tamén son eu. Xa ves, Antón, que é verdade o que ti me dis a cotío: non teño dotes de organizador.

E aí tes, xa me enrrollei máis da conta, coma sempre, e, sen querer, deixo escrita media carta. En fin, volvendo a coller o fío, o que che quería dicir é que, como a miña vida vilalbesa é nocturna e case non vexo a ninguén, non son quen de recoller información para responder ás túas preguntas de curiosidade ilimitada. Antes aínda vía ao Luís do Serafín ou ao Chente da Ferrería ou mesmo o Docho que me poñían ao corrente, pero agora non dou con eles, supoño que saen máis cedo.

Dixéchesme que che falara de como vai a vida no Concello. Pois, meu amigo, eu ben quixera informarte, pero, claro, non vou aos plenos (non podo, aínda que debería) e, por outra parte, os meus amigos que ás veces van, esta tempada tamén andan alleos dabondo a canto se coce na vida oficial do municipio. Leo a prensa, iso si, pero tampouco hai demasiadas noticias. E isto é o grave. Se cadra, equivócome, pero teño a sensación de que non hai oposición ou, de habela, non funciona, porque a penas aparecen críticas ou disputas sobre as propostas e os feitos da alcaldía. E se non hai dialéctica, evidentemente tampouco hai vida. Chegaron mesmo a me comentar que hai pouco tempo os da oposición presentaron algunha moción para que o grupo de goberno demandase cousas que, polo visto, xa estaban concedidas, e os da moción deberían sabelo, pero non se decataran. E así, as cousas non van ben. Aínda que non fose máis que por mover o ambiente nesta época en que xa se sente a proximidade das eleccións, era de esperar que as intervencións dos concellais da esquerda fosen máis abundantes, máis penetrantes e máis pertinentes, contando co Irimia, claro. Pero, xa digo, se cadra, ando equivocado e nese caso pido escusas.

Onte escoitei na radio que algún dirixente socialista acusou ao alcalde de non ter ido ás Pontes para defender os postos de traballo ameazados polo decreto das minas. A acusación é moi discutible, pero a resposta da autoridade que eu oín foi especialmente curiosa: viña a dicir, se non entendín mal, que os socialistas deberían calar, xa que non poden alardear de defensores do traballo porque Zapatero é o culpable de todo. Supoño que quixo dicir que tamén é responsable da política vilalbesa, xa que diso se trataba. Por certo, será tamén o presidente o culpable de que o alcalde non quixera reducir algo os seus emolumentos, ao menos coma expresión simbólica de resposta á crise, como, por certo, estamos a facer todos os funcionarios?. Despois de todo, disque cobra máis de dez millóns de pesetas anuais, tanto ou máis ca moitos alcaldes de cidades moi importantes. Xerardo é listo, ben o sei, pero desta vez deixou escapar o que sería un bo xesto pola súa parte. Non sei o que opinas ti, meu Antón, pero estas son algunhas cousas da nosa municipalidade que che ofrezo mentres agardo os teus comentarios ... publicables.

Non quero nin debo ocupar máis tempo desta emisora, así que vou rematar, pero non quixera deixar de aludir a unha das túas preguntas que se interesaban polas actividades culturais. Sorprendeume, porque ti non es precisamente un seguidor dos asuntos culturais, pero seica soubeches polos do IESCHA que unha coñecida túa por parte de pai, veciña de Castro de Rei e profesora en Vilalba, Carme Cabaneiro, ía expoñer unha parte importante da súa obra pictórica no salón do auditorio vilalbés. Efectivamente así é, e eu non me privei de ir véla e facer un percorrido demorado e contemplativo. O seu estilo xa o coñecía, e alí está en todo esplendor: colores suaves anti-stress, moi expresivos, e, omnipresente, unha figura de muller desposuída de todo artificio, mesmo sen pelo, que a autora converte en palabra, na súa palabra, coa que trata de abarcar a realidade, coma se declamara un poema. De feito, a exposición titúlase “palavras” (sic). Ti, Antón, disto non entendes nada, pero impóñoche que, se che cadra vir pola vila, non deixes de achegarte ao auditorio: teño a sensación de que gozarás vendo aquela moza que na simplicidade de liñas sen aderezos, converte en palabras o seu ollar, a súa postura e a disposición do seu corpo no conxunto de cada cadro, e cada palabra fala de tenrura ou de desacougo ou de esperanza. E, para regalo engadido, hai tamén uns cadros doutra pintora, para min descoñecida, pero que me chamou moito a atención. Creo que se chama Beatriz. Ten un estilo moi peculiar onde as palabras son reais, palabras escritas, pero non son para ler senón para que, xuntas, se transformen nun rostro que se fai adiviñar, coma se estivera agochado por tras delas, deixando de cando en vez, ben destacados, uns ollos e unha boca, tal como se observa nun autorretrato que se fai a autora. Meu amigo Antón, vale a pena. Chámame cando veñas pola vila e eu acompañareite encantado. Así, ao tempo que che explico, aproveito para ver de novo esa exposición.

E por hoxe nada máis

Xa sabes canto te aprecia o teu amigo

Bernardo

viernes, 15 de octubre de 2010

Hoxe venres 15 de Outubro comeza a Feira 1900 de Arteixo

A Feira 1900 de Arteixo, comeza hoxe Venres e dura todo o fin de semana, invítovos a todos a visitala!!!!
Música, tradición, gastronomía, historia, xogos, bailes e, nesta ocasión, os estraperlistas como protagonistas.

A Feira Histórica Arteixo 1900 chega este ano a súa XI Edición cun programa repleto de actividades para todos os gustos e idades.


No Centro Cívico e Cultural inaugouse a mostra de fotografías e obxectos antiguos da Asociación de Pensionistas e Xubilados de Arteixo, que permanecerá ate o 17 de outubro próximo.

Hoxe venres, 15 de outubro, ás 17:00 horas, Arteixo volverá ao 1900 coa apertura do mercado de artesáns que fará as delicias de todos os visitantes que se acheguen durante a fin de semana ao paseo fluvial e praza do balneario.

O mesmo día ás 20:00 horas, mercado do Balneario e churrascada e, de seguido, noite de queimada co grupo Troula Animación. Será na praza do balneario que acollerá tamén ás 22:30 un pasarrúas coa charanga “Os Trompos das Nicras” e verbena con “Los mezcales de San Antonio” e “Los Revenidos”.

O sábado 16, apertura do mercado de artesáns e das casetas das bibliotecas municipais “facendo historia” ás 11:30. Unha ronda poética do batallón literario da compañía Femme Fatale percorrerá as rúas do municipio e o paseo fluvial acollerá un obradoiro infantil sobre o estraperlo.

A comitiva 1900 sairá ás 12:30 horas para inaugurar oficialmente a feira e a mañá rematará cun espectáculo de títeres no paseo fluvial e sesión vermú con polbada e churrascada na praza do balneario.

Pola tarde comezarán ás 16:00 os xogos populares coa xa tradicional baixada de carriladas, torneo aberto de xadrez, fútbol e boxeo de época co árbitro zancudo e xogos populares infantís con obradoiro de elaboración de faldriqueiras.

Como novidade, record de Galicia a cargo da asociación de Deporte Rural Vasco en corte con hacha, tala de madeira con motoserra e levantamento de pedras.


O público asistente poderá disfrutar tamén da granxa do Pombal e verá aos estraperlistas facendo o día.

Na praza do balneario celebraráse unha polbada a partir das 20:00 horas na Tarabela, novas cantareiras da Asociación Xuvenil Xiradela, e Calúa poñerán a música popular.

Pola noite chegará o menú tradicional 1900 con música en vivo que terá lugar no Pazo dos Deportes de Arteixo, mentres que a praza do Balneario será o escenario da VI Ruada de Arteixo da Asociación Xuvenil Xiradela.

O domingo 17, último día para pasear e mercar nos postos de artesanía que estarán acompañados pola Banda de Música Santiago de Arteixo.

Haberá tren turístico e xincana infantil, e degustación de callos con sesión vermú na praza do balneario.

Pola tarde, xogos infantís e actuación dos grupos de baile galego e pandeireta do CEIP Ponte dos Brozos.


Os arrieiros de Os Quinquilláns emprenderán unha viaxe fantástica ás 18:00 horas e atoparánse con distintas personaxes e os máis pequenos poderán participar no obradoiro de elaboración de mosaicos.

A praza da igrexa acollerá a partir das 19:00 horas un baile de acordeón con acompañamento vocal ambientado nos anos 30 e así pecharánse as portas do 1900 ata unha vindeira edición.

Quédavos aquí un enlace para pinchar se o queredes descargar a programación:

domingo, 10 de octubre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 08/10/2010


Lugo, 8 de outubro do 2010


Meu amigo Antón


Supoño que non che molestará que lle conte aos nosos oíntes algo da conversa que tivemos onte á noite mediante os nosos teléfonos móbiles. Na carta anterior xa expliquei para quen nos escoite, que tiveches a sabia decisión de utilizar este trebello ao que te resistías fortemente, quizais por medo a non entenderte con el, como ti me explicaches, aínda que eu siga a crer que a razón principal non era esa senón a de non gastares os teus cartiños en mercalo. E a verdade é que non sei para que queres máis euros, pois tes dabondo para vivires sen anguria o tempo que che quede, e, por riba, nun caso de apuro, tes o apoio dos teus fillos; pero en fin, así son as feblezas humanas: por moi vello que un sexa, a ambición do diñeiro, de posuír cousas, segue a ser moi grande. Claro que sempre se pode explicar. Se cadra, o feito de dispoñer dalgúns aforros pode atraer cara a ti a consideración e o cariño dos netos, un xeito de mercar o seu agarimo; ou pode ser tamén unha manifestación de autonomía propia en relación co resto da familia, coma se lles dixeses: estou con vosoutros, pero tamén podería amañarme sen o voso coidado. Despois de todo, esta é unha actitude moi actual, moi moderna, a de non dependermos de ninguén. Sempre penso niso cando, ao saír da casa polas mañás, contemplo a tanta xente de idades avanzadas que fan cola para comprar o cupón do Xacobo ou as loterías na casa do Rosendo Formoso.
.
Pero ben, non era diso do que che quería falar nesta carta. Quería referirme a unha anécdota do que lle aconteceu a unha amiga túa e coñecida miña cando ía apresurada pola rúa da Raíña, en Lugo, cara a manifestación o día da folga xeral. Ela contoucha entre risas e ti quedácheste aparvado sen saber como reaccionar. Entón colliches o móbil para que eu che explicara por que aquela muller lle daba tanta importancia ao acontecido. Ao final, todo era cuestión dunha palabra que non entendiches. A min paréceme que vale a pena reproducir aquí a túa narración por se os nosos oíntes queren apreciar a catadura moral do acontecido.
.
O caso é que, polo visto, a túa amiga pensou en mercar unha chucharía nun establecemento que tiña as portas a medio pechar mentres o propietario estaba vixiando desde fóra. Ela preguntoulle se podía entrar e el respondeulle (en castelán, claro) que agardase un anaquiño, que axiña ía abrir o establecemento en canto mesmo pasase toda aquela mugre. Ti evidentemente non sabías que era iso da mugre e polo tanto non entendiches por que á túa amiga lle respondera ao dono do establecemento de tan mala maneira. Pois ben, meu amigo, eu tiven que cho explicar: mugre non é o nome dun sindicato nin o dun novo partido nin dunha sospeitosa asociación cultural, non, mugre é o que cheira mal, o que fede a porcallento e sucio, o que é desprezable por desagradable. Espero que agora entendas o cabreo da túa amiga, e tamén espero que se alguén nos escoita pola radio se faga idea dos modos que empregan algúns lugueses que pasan por seren moi educados, ben considerados e mesmo xente fina. Podería ese señor estar en desacordo coa folga e mesmo estar anoxado cos manifestantes, estaría no seu dereito, pero, meu amigo, non puido resistir o se pasar ao insulto, porque, seguro que empurrado polo seu cabreo, fixo aflorar o prexuízo que levaba moi dentro, e do fondo da súa mentalidade xurdiu a súa idea de que facer folga e manifestacións é cousa das esquerdas e non de xente civilizada, inda que defendan os seus dereitos. Os conservadores tamén fan manifestacións de cando en vez, pero son manifestacións civilizadas, de xentes como Deus manda, que non lles piden aos comerciantes que pechen as portas. Os conservadores non son mugre, non, que se duchan a diario, ou que pensabas?.
.
Amigo Antón, supoño que me permites dicirlle aos oíntes que estes comentarios non son meus senón da túa autoría en canto soubeches o que era iso de mugre. Eu non fago máis que reproducilos. Pero engado pola miña conta que aquel comerciante debía medir os seus insultos, porque seguramente non matinou en que moitos dos que ían na manifestación terían mercado cousas no seu establecemento sen que o tal home se vira na obriga de botalos por falta de hixiene. Pero, en fin, aínda andamos como andamos de formas civilizadas.
.
E outra cousa, meu Antón. Dáme moita pena que andes, esta tempada, metido en médicos, sobre todo agora que, ao estares lonxe, fáltache o teu, o de toda a vida. Efectivamente, cadro de acordo contigo no moito que vale un profesional da menciña, médico ou enfermeira, que sabe estar preto dos pacientes neses momentos de anguria en que nos afrontamos aos nosos males. Están ben os especialistas, están ben os grandes expertos que che miran unha parte do corpo, a que lles corresponde, e non se fixan nas outras partes de corpo e alma porque non é da súa especialidade. Están ben porque fan falla e ás veces, por fortuna, logran o remedio. Pero os que vivimos nos pobos sabemos ben o que representan aqueles profesionais que son coma da casa, aqueles que mesmo parece que só con se presentaren diante do enfermo xa aportan un pouco de saúde. Aquí, polo teu mandado, tería que poñer nomes, pero non ouso facelo por non ferir aos que esqueceriamos inxustamente, pero, se che parece, aproveito esta carta para mandarlles da túa parte e da miña aos nosos médicos domésticos e amigos (eles ben saben quen somos) o agradecemento máis fondo polas palabras que nos din e os ánimos que nos infunden. Unha das cousas máis bonitas de vivirmos nun lugar pequeno coma Vilalba é a de podermos contar non só cun médico senón cun médico ou médica que ademais é amigo e que saben non facer moito caso das imposicións que lles veñen da Consellería para que non se paren moito con cada enfermo. A iso os burócratas chámanlle produtividade, pero eles, os doutores, ao desobedecer un pouco as normas, están falando de amizade que é cousa máis bonita. Estou seguro de que quen escoite, estará pensando nun nome que lle resulta querido e que ten gardado no seu corazón. De novo, Antón, estouche agradecido por terme dito estas palabras que eu transmito coa miña aprobación e seguro que coa de moita xente.
.
E nada máis. Isto saíu longo en exceso, pero agora non teño gañas de abreviar e así o deixo. Recibe, na túa lonxanía compostelá, unha forte aperta do teu amigo
.
Bernardo

sábado, 2 de octubre de 2010

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán 01/10/2010

Son un deses vilalbeses que despois de rogarlle por activa e por pasiva a Bernardo que voltase coa redacción destas "Cartas a Antón", síntese feliz porque este contador de historias da vida social vilalbesa, volte a agasllarnos coa sua pluma afilada.
.
.
.
Lugo, 1 outubro do 2010

Meu querido Antón:

Non son quen de me afacer a terte tan lonxe. Poida que sexa este o motivo de que tente volver a cartearme contigo. Desque te fuches para Santiago, hai moita xente que non fai máis que preguntarme por ti, mesmo sen saber que es ti o destinatario das miñas cartas. Porque, iso si, segues a ser, coma sempre, igual de celoso da túa intimidade. E iso que agora non perdes nada, aínda que os teus amigos do PP se decaten de que nunca lles deches o teu voto nin contas con dárllelo, por máis que te mimaron ao longo de longos anos con moitos privilexios que non lles deron aos teus veciños sospeitosos de non seren adictos ao réxime imperante no noso concello. Así que non entendo ese empeño en seguires no anonimato, pero, xaora, respectarei o teu desexo de te manteres así de oculto.
.

Unha nova interesante: melloraches as técnicas de comunicación. Se cadra, para os nosos lectores non sexa unha sorpresa saber que agora xa utilizas un teléfono móbil, que xa era hora; pero si o é para min que non son quen de te imaxinar agarrado a ese trebello, sobre todo cando souben por un dos teus netos que case sempre o colles do revés, malia ser do máis grandes. Empérraste en falar polo sitio de oír, fai falla andar aparvado, pero, claro, os anos non perdoan. Terei que me afacer a imaxinarte tapando a orella con el.
.

O caso é que, cando te chamei para comunicarche que ía recomezar estas misivas na radio que nos acolle, a túa pregunta inmediata foi a de saber se poderías dar con esta emisora en Santiago, ou se quizais algún amigo te chamase no momento da emisión poñendo un teléfono diante da radio para que puideras escoitar polo teu móbil. Paréceme que o mellor é que convenzas ao teu fillo para que che explique pacientemente como a poderías localizar estas ondas por Internet. Claro que tampouco saberás o que é iso de Internet, pero xa o irás aprendendo, que, por moi vello que sexas, neste tempo xa non se pode vivir sen algúns deses aparellos.
.

Meu Antón, eu non quero entrar hoxe en comentarios do que ti me pedías onte intensamente, e insistentemente. Non quero, non teño azos para falarche dos amigos que se nos foron para sempre, de xeito inesperado, en tan pouco tempo e nos deixaron consumidos por tanta tristura. O Vérez, o Quintela, o Raúl Villarino, o Lorenzo Somoza e moitos outros, ademais, por suposto, do meu cuñado Martín. Comprenderás que cada un deles sería merecente dunha carta para el só, pero agora mesmo non teño espírito esperto para facelo. Teremos ocasión de dedicarlles unha lembranza ao longo do curso. Ou iso espero.
.
Tamén querías que che falase das festas de San Ramón. Por certo que te puxeches moi pesado con esta teima. Pero xa che dixen que pouco che podo comentar, pois vivinas moi de costas. Sei que houbo moita xente e que os da comisión - que eu non coñezo – andaban, polo visto, moi fachendosos polo bos resultados da súa xestión. E, de ser así, non me queda máis que os felicitar e fágoo con gusto. E ti tamén, seguro. En todo caso, debo engadir que, ao parecer, este ano de crise o presuposto festeiro case se multiplicou por dous e que, grazas a iso, houbo multitude de actividades e espectáculos que encheron a vila de mocidade. Supoño que tamén foi debido á xestión dos comisionados, e, xa que logo, debemos felicitalos dobremente. E aproveitando, non estará de máis que, ao publicar as contas, non deixen de explicar as estratexias que puxeron en práctica para se faceren con moito máis diñeiro do que puideron conseguir comisións anteriores. Cal foi o segredo? Eu non o sei e os meus amigos tampouco, pero, se no-lo explican, farían unha contribución excelente e necesaria para que en vindeiros anos aínda se puidese mellorar. Sobre todo se, como moitos demandan, son organizadas polo Concello que logo poderá defender a súa xestión e facela tan transparente como cómpre.
.

Tamén che debía contar hoxe algo da pasada xornada de folga. Por certo que xa me informaron de que lle propuxeches á túa muller facer folga nesa labor que tedes agora de coidar dos vosos netos. Ela chamouche tolo, claro está, pero, xa ves, só a tentativa quere dicir que algo está cambiando en ti desque andas por Santiago neste ano santo.
.

Hoxe non teño tempo para máis, pero xa che contarei na vindeira carta, se aló chegamos. Por hoxe xa vai carta dabondo. Dálle saúdos á túa familia e que teñan paciencia contigo que boa falla lles ha facer.
.

Xa sabes do aprecio que che ten o teu amigo
.

Bernardo.