jueves, 8 de octubre de 2009

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (02-10-09)

.
Meu amigo Antón:.

As emisoras e periódicos locais, coma estes que acollen as nosas cartas, acaban creando un certo aire de familia que se agradece. Cando ti e máis eu eramos máis novos, Vilalba era un lugar onde todos nos coñeciamos, e calquera noticia, por moi insignificante que fose, acababa sendo, en poucas horas, do dominio público: o que lle acontecía a algunha familia era vivido polos vilalbeses coma se dalgún xeito lles afectase a todos. O centro vivo de comunicación onde se espallaban as novidades estaba constituído por lugares que provocaban o encontro dos veciños: os bares do centro, algunhas zapaterías de reparación, moitas perruquerías, case todos os talleres de costura e, sobre todo, a praza do mercado. As noticias chegaban, ás veces deformadas, e os comentarios multiplicábanse.

Estes fluxos comunicativos tiñan, claro, os seus inconvenientes, pois, como ti me dis a cotío, a xente amosaba unha tendencia irrefreable a murmurar uns doutros, inventando cousas ou, ás veces, proferindo maledicencias inoportunas. Pero tamén tiña outros aspectos positivos, coma, por exemplo, a preocupación sincera polos problemas dos demais e a disposición a botar unha man se era preciso, que o era con frecuencia: nin había bombeiros nin existía a lei de dependencia. Hoxe as cousas cambiaron moito. Aínda que o número de habitantes non mudou en demasía, os que convivimos nesta vila ignorámonos moito máis: os lugares de encontro xa non son o que eran e cada quen vive máis illado a súa propia circunstancia. Morreu o Pepiño do Amalio, un vilalbés dos de sempre, e observei que xa había moitos que non se decataban de quen era. El que, xa ben maliño, percorría Vilalba na busca de caras amigas que cun sorriso cómplice aliviaban a súa dor.

Pero, en fin, non se perderon todos os lazos colectivos porque aínda nos quedan as emisoras e os periódicos locais para sabermos uns doutros e, se cadra, podérmonos axudar no que se precise. Fuches ti, Antón, quen me provocou estes comentarios cando soubeches, pola Carme da Radio, que o último venres non che puiden escribir a carta semanal a causa dunha perturbación na saúde da miña Maruja. Foi moita xente a que me preguntou por ela con sincera preocupación que debo e quero agradecer. Ti, o primeiro, porque, aínda que sexas tan túzaro, tes un corazón grande de sobras para compensar calquera dos teus sarcasmos. Ela, por fortuna, vai mellor. Supoño que hoxe xa tería avisado á Chus para que lle conectara con esta emisora e poderen escoitar xuntas as parvadas que ti e máis eu adoitamos comentar.

E vamos, xa que logo, coas parvadas de hoxe. Cando che preguntei de que poderiamos falar nesta carta, fixeches alusión á Banda de Música de Vilalba, porque no xornal electrónico A Voz de Vilalba publicouse un vídeo que aló polo ano noventa e dous (hai xa 18 anos) gravara o meu sobriño para gardar memoria dun dos primeiros concertos da recen constituída Banda co mérito indiscutible daquel pioneiro chamado Pepe Guntín a quen lle debemos homenaxe. Ollando o vídeo, da xenio observar aquel esforzo do Pepiño para sacar melodías e harmonías de rapaciños e rapaciñas vilalbeses que se afrontaban ás dificultades dos arrevesados instrumentos musicais. Mesmo semella que tiña nas súas mans, nerviosas, cada un dos sons que emerxían de clarinetes, metais e percusións.

Pasaron moitos anos e hoxe podemos contemplar con fortuna como aqueles inicios deron froitos abondosos de musicalidade e de posibilidades artísticas. Confeso que, por dificultades dos meus horarios, non tiven ocasión de escoitar con frecuencia as súas actuacións, e ti non deixabas de marearme para que fixese o esforzo de chegar a tempo de ver a un dos teu netos afrontado á interpretación dun rock de Ted Hugges. Xa verás que ben o fan, dicíasme, mentres eu che respondía con sorna que, para ti, estando alí o teu neto, aquela banda sería a mellor do mundo por moito que desafinase. Pero apareceu a sorpresa. Por fin, o día das Letras Chairegas, puiden presenciar un concerto daquela rapacería, e téñoche que confesar que quedei marabillado do que estiven a escoitar, de xeito que, á saída, díxenlle ao alcalde que non desperdiciase aquel tesouro harmónico que honraba a un concello. Non sei se me fará caso, pero debería facermo, porque alí hai unha fonte de futuro artístico musical que Vilalba precisa e que cómpre promover con medios e estímulos. Tiven a sensación de que todos os músicos se entenden moi ben co director, e que este ten moita idea do que quere acadar, cousa que me confirmou o Suso Trastoy ao que tamén lle caía a baba vendo ao seu fillo agarrado con moito xeito ao bombardino. A Coral tamén da mostras de constancia e de acertos, e cabe esperar que emerxan grupos de mocidade con diferentes estilos musicais: en Vilalba sempre se cantou moi ben, como nos dicía a ti e a min o Toñito Paz con espléndida voz de barítono, e iso cómpre potencialo.

Eu sempre soñei cunha concellaría de cultura que, aproveitando as diversas asociacións culturais, procurase medios e posibilidades para converter Vilalba nun núcleo artístico onde a mocidade poida atopar o enriquecemento do senso estético, non só na música senón no conxunto das artes. De feito, outro día (hoxe xa non temos tempo) quería comentarche a experiencia do día dedicado á pintura rápida promovido recentemente polo Instituto de Estudios Chairegos. Por certo, foi mágoa que na entrega dos premios non apracese por alí ningún representante do goberno municipal. Se cadra, non os invitaron, que tamén pode ser.

Un famoso escritor checo, Franz Kafka, deixou escrita unha frase que recolleu o Papa na súa recente viaxe a Chequia e que pode valer para cerrar esta carta de hoxe: “mentres sexamos quen de contemplar con gusto a beleza das cousas, seguro que non envelleceremos nunca”.
Xa sei, Antón, que ti non sabes quen é Kafka e seguramente has precisar un bo anaco de tempo para remoer a frase, pero tamén sei moi ben que, por moi túzaro que sexas, a beleza gústache. De feito es ti o que sempre me andas a preguntar por que se tería permitido que Vilalba, este pobo noso, estea tan carente de beleza nas súas construcións. A beleza sempre acaba compracendo a todos e somos civilizados cando nos afacemos a apreciala.

Por hoxe nada máis. Cóidate e ata a semana que ven, se Deus o quer. Malia a ameaza da gripe A, mándache unha aperta o teu amigo
Bernardo

No hay comentarios: