sábado, 31 de enero de 2009

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (30-01-09)

Este artigo debería de ser leido por todo aquel que pretenda entender o sentido da amizade e comprender a situación que se está a vivir no PSdeG-PSOE de Vilalba, coñecendo os sucios movementos dalgunha persoa que lle da máis importancia ó medre persoal que o proxecto que representaba.


Lugo, 30 de xaneiro do 2009

Meu amigo Antón:

Teño que che dicir que me gustou moito a túa reacción cando te atopei antonte en plena discusión acalorada co teu amigo Pepe do Forno. Case non me saudastes, tan encerellados estabades ambos na teima que vos ocupaba. Decateime axiña de que o motivo da disputa era a lea que se armou recentemente no grupo socialista vilalbés. O Pepe argumentaba que todo o mundo ten dereito a ser ambicioso e a querer ocupar postos de poder. Ti, polo que puiden escoitar, pois falabas moi baixiño, non negabas tal dereito, pero insistías en que che parecía pouco ético rachar promesas, incumprir pactos e traizoar amizades no nome da ambición, tal como deixou denunciado algún dirixente. Ao parecer, dicías, non se fixo a ruptura por mellorar o partido e o seu funcionamento, que sería comprensible, senón pola simple cobiza de me poñer eu onde estabas ti. A amizade, parece ser, non conta.

Eu escoitaba a polémica que tiñas co do Forno, sen intervir para nada porque hai xa moito tempo que teño descartadas as disputas partidistas, pero fáloche disto porque, como che dicía, gustoume a túa reacción cando o Pepe che argumentou que a política é así. Así de porca, dixo. E a túa resposta foi inmediata, e ata se che puxo rubia toda a cara mentres lle dicías: pois a min non me gusta a porcallada nin sequera na política. E eu seguín caladiño, pero fóiseme o pensamento a ese barullo que se traen os do PP en Madrid con tantos espías soltos, mentres espiados e espiadores se dan apertas simulando amizade e cravándose coitelos. Eu, caladiño cara a fóra, dicíame para min mesmo: canta falla temos de que houbera moita xente que, diante de casos similares, respondese coas palabras e coa contundencia con que ti, Antón, o fixeches naquel momento. Porque, xa ves a contradición: non nos é posible prescindir da política, xa que dela despende case todo na nosa vida, e ben que o notamos cando chegan tempos revoltos coma estes nos que andamos; pero, ao mesmo tempo, aceptamos sen protestar condutas podres e cheirentas que se esquecen, inexplicablemente, cando se vai votar. Aínda hai, por desgraza, moita xente enleada no politiqueo, pero, por fortuna, tamén quedan utópicos que foxen do mercadeo innobre. Non son moitos, pero habelos, hainos, e cómpre dar con eles. Humanizadores da política, promotores da ética, amigos por riba das diferenzas.

Cando comecei esta carta non quería determe na política. Quería falarche desa cousa tan humana, tan ricaz e tan fermosa que coñecemos coa palabra amizade, porque traía nos ollos a portada dun libro do psiquiatra Enrique Rojas sobre os amigos. O autor é do Opus, mais o tema é universal: cando a vida nos amola, os amigos axudan moito. Pero, xa ves, metéuseme a política polo medio e non me din zafado. E despois de lembrar a túa disputa co Pepe do Forno, e, despois de ver a facilidade con que el, un home bo, acepta como normal que os intereses bastardos se impoñan aos amistosos, despois disto, xa non me quedan azos para che falar da amizade: parece cousa de nenos piadosos e pouco curtidos. Tiven algún amigo, de formación leninista, que medía sen receo a calidade do amistoso polos intereses e as concordancias políticas, coma se estas fosen o que realmente importa. E non cadro de acordo, pero xa cho explicarei outro día.

Así que non che falo máis por hoxe. Se Deus me deixa, xa volverei sobre o asunto. Ti es amigo e, como dixo Sancho, amigo que no da y cuchillo que no corta, aunque se pierdan, no importa. Asegúroche que ti impórtasme moito porque é moito o que me das coa túa amizade. Conta coa miña vontade de facer o mesmo.

Bernardo

jueves, 29 de enero de 2009

Menudos comentarios concita a compañeira Sonia Verdes, ante a noticia da súa inclusión nas listas do PSdeG-PSOE no Xornal dixital "A VOZ DE VILALBA"


Quede craro que estes comentarios están recollidos do xornal dixital "A Voz de Vilalba", e que o responsable deste blog non fai máis que reproducir os comentarios que alí son expostos polos lectores:

Noticia:

Agás sorpresa de última hora, a concelleira vilalbesa Sonia Verdes ocupará o posto número catro na lista por Lugo do PSdeG nas eleccións ao Parlamento. Veterinaria de 34 anos, xa fora número 3 na candidatura ao Senado nos pasados comicios xerais, e é unha das poucas novidades que aportan as candidaturas socialistas, en xeral continuístas respecto ás de 2004.Dáse a circunstancia de que o sector crítico da agrupación socialista vilalbesa emitira hai poucos días un comunicado no que solicitaba a non inclusión de Verdes na candidatura, "para non afondar nas feridas abertas trala dramática elección da nova executiva local (...) ao ser quen traicionou os membros da anterior executiva ás súas costas ", petición que, como se ve, non será atendida polo Comité Nacional do PSdeG.De se confirmaren os resultados previstos polas enquisas que comezan a circular polo país, Vilalba podería contar con dous deputados no Hórreo, se non hai sorpresas na máis que probábel pero aínda non confirmada candidatura de Agustín Baamonde polo PPdG.

Comentarios dos lectores:


1.- Anônimo disse...
Que fermosa é esta rapaza!
1/20/2009 10:49 AM

2.- Anônimo disse...
Vaia comentario do Anónimo anterior,o que importa é a defensa dos seus ideais, estéñase ou non de acordo con eles.Polo visto debe ser unha votada para adiante en política xa que para estar onde está, fixo un regateo pouco ético ó meu entender.Que defenda ben os idais socialistas, é o que lle desexo.
1/20/2009 7:13 PM

3.- Anônimo disse...
Pouco ético e pouco responsable, vender os seus compañeiros por beneficio propio é o máis deplrable que se pode facer a nivel político e indica os valores desta rapaza.
1/21/2009 10:46 AM

4.- Anônimo disse...
Estimada Sonia: Cantos amigos tes no alto poder do PSDG?. Cantos cadavres deixache no camiño axudada polos ex membros do BNG que asaltaron o PSOE vilalbés?. Entéretate dende o teu posto de concelleira do que sucede no Concello, porque cada vez que te escoito falar ou leo cousas túas na prensa pareceme que estás a facer unha oposición penosa. Claro queres ir para Compostela porque non queres seguir andando polas silveiras de San Lorenzo de Árbol adiante. Ademáis no Parlamento galego gáñanse moitos cartiños. Non me corto en dicircho. Vas polo monei e para caciquear. Pode doerche pero é así. Vaia o meu agarimoso respecto para a xente socialista vilalbesa de verdade e que non sei como teñen noxo de compartir aínda mesa e mantel contigo e con Vidal Baamonde, mentres vos dedicades a fustigar e tratar de apartar con calquera nefasta arte a Martín Seco García e Elba Veleiro. Seguramente ningún dos dous salga elixido concelleiro nas proximas eleccións ao non formar parte da vosa lista. Non sei o que sentirás se quedas fora do Concello, con asiento no Hórreo. Eu sentiría repugnancia humana se me vexo no teu caso. Que conste, non che envexo nada. Diríxome a ti coma política, xa que coma persoa non teño esa inmensa sorte e gratitude de coñecerte. Saúdos e que che vaia moi ben Estimada Sonia.XAN DO MUÍÑO
1/21/2009 1:34 PM

5.- Anônimo disse...
O de ser fermosa ou non sempre é para gustos e supoño que non se presenta a un concurso de beleza, a pesar de que en Vilalba parece que se están poñendo de moda... aínda que supoño que isto é o único positivo que se lle ocurriu escribir ó que opinou deste xeito.A min persoalmente non me gusta nada, posto que, para empezar, non é coñecida no seu pobo, para continuar non mostrou ser unha persoa íntegra nin leal nin sinceira, sendo estas as cualidades que eu máis valoro nunha persoa e das que non deberían carecer os nosos representantes políticos; e digo que carece destas virtudes porque á vista está como se cambiou de bando en poucos días, traicionando ós seus compañeiros de partido a cambio dun posto nesta candidatura ás eleccións autonómicas. Tampouco me parece unha boa política,non ten experiencia nin preparación para desempeñar un bo papel como diputada. Parece que estamos nos tempos en que todo vale e todos valen, eu penso que ou ben unha boa preparación ou ben unha experiencia previa en política deberían ser requisitos indispensables para formar parte dunha lista deste tipo. Penso que hai moitas mulleres preparadas, traballadoras e implicadas coa sociedade e os veciños no partido socialista que nos representarían axeitadamente e espero que este partido reflexione e realice os cambios oportunos.Un saúdo
1/22/2009 9:11 AM

6.- Anônimo disse...
Pode que asaltaran, e máis, asltaron ó PsoE e Eduardo Vidal colocouse ben que supoño era o que quería ademáis de algo máis,(son suposicións miñas),como tamén supoño que esta rapaza se apuntou ó carro dos asaltantes, e semella que vai ben dirixida, xa non só por quen a aupou en Vilalba, senón tamén en Lugo apoiada por Ricardo Varela e Gato Soengas,(non menos ambiciosos), dirixentes do PsoE a nível Provincial,En todo caso, non foron membros do BNG que eu saiba, e tamén quixeron facer o mesmiño que no PsoE, e por certo que no BNG como no Psoe, tamén tiveron certo apoio até que pasou o que pasou.Sí parece ser que os socialistas lles deron o carnet de afiliados e a cousa saulles ben,Outra cousa é o que vaia pasar de eiquí en diante cós socialistas vilalbeses, pois se pasa como no BNG, xa sería o segundo grupo político que tiran.Tamén poida ser que a próxima batalla a den no PP e tamén o amolden ó seu antollo, máis o PP neste sentido é máis fino e precavido.En calisquer caso como maquiavelos políticos teñen o seu mérito, pois non é doado como lles foi a eles, facerse con tanto poder en relación ó tempo.En canto a Veleiro, parece que a neutralizaron, o tempo dirá que vai pasar con ela, que curiosamente, foi cós seus resultados quen lles deu indirectamente Red Bull, eu no seu lugar igual que entrou iríame ó finalizar a lexislatura, e quedaría como a persoa que ergueu como nunca aos socialistas de Vilalba.E quedaría como unha triunfadora,O malo é que a política Vilalbesa vai quedar resentida por estes movementos, e quen paga todos estes desperfectos democráticos, é a cidadanía de todo o Concello.Mágoa que teñamos que seguir a soportar os desacertos rítmicos e acompasados indebidamente no tempo, do PP, que ao fin é quen máis se beneficia, estes últimos sí que saben.Casi que parece que o reincidente Alcalde Gerardo ó seu lado é un "bebé".Un Saúdo a tod@s.
1/23/2009 11:49 AM
.
7.- Anônimo disse...
Hai quén di Sonia que non tes vergoña política. Estou de acordo. Engadiría que se a tes non vaias pedir o voto dos vilalbeses. Sinxelamente a lista socialista na que ti vas está chea de lama, esa que ti denuncias que hai polas aldeas adiante caeuche a ti toda enriba, por un prato de lentellas. Ao peor actor de Hollywood concédenlle o antioscar. Lembra que aínda que a mín non me gusta esa expresión, pero que sempre ou case sempre acaba por cumprirse: "Quen as fai acabás pagando", ou se queres para ser máis diplomáticos podemos aplicar aquela outra de "o tempo pon a cada quen no seu sitio". Recoñezo a dignidade dos teus compañeiros de partido, que a teñen. É o último que nos queda. Non é un falso consolo. Non che quero aplicar moito máis refraneiro popular, pero xa sabes o que che pode agardar en política, onde ti es a mostra máis rotunda de que está chea de navalleiros, en sentido figurado claro está. Lembra unha cousiña, aínda que eu, como son case do teu tempo ou cecais un anos máis vello. Leva contigo esta expresión que che regalo amistosamente e con agarimo, porque se cadra algún día reflexionas sobre o lastimoso espectáculo que deches.Para ti Sonia:VILALBA NON É ROMA, PERO TAMPOUCO PAGA A TRAIDORESManuel Cordal. Psiquiatra de Goiriz, afincado no Salnés. Sds.
.

domingo, 18 de enero de 2009

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (18-01-09)

Lugo, 16 xaneiro 2009

Meu querido Antón:

Maniático, coma sempre, non paras de porfiar ate que che fagan caso: insistes e volves insistir, unha e outra volta. Xa non sei canto tempo hai, poida que desde o verán, tratas de me provocar para que dedique unha das nosas cartas a eses autobuses que puxeron a andar en Inglaterra co anuncio da inexistencia de Deus.

Efectivamente, eu tiña lido repetidamente a noticia, pero, a verdade, malia a túa insistencia, non me sentín provocado a escribir o máis mínimo comentario. Agora ese asunto xa está máis preto de nós, pois algúns autobuses cataláns andan a carrexar esa mesma publicidade, e, polo que din os xornais, parece ser que dentro de pouco, esa proposta da Asociación de Ateos e Librepensadores andará tamén nos autobuses madrileños e, suponse, non tardará en se presentar no cerne de Santiago de Compostela e mesmo, se cadra, nos transportes que transiten por Vilalba. E, claro está, se antes andabas tan insistente, agora non paras de me dar a lata para que che comente algo, e eu, meu amigo, sigo sen ganas de o facer, porque, asegúrocho, esa historia non me perturba nadiña, nin creo que incomode aos que viven tranquilamente na confianza da súa fe.

As palabras escritas nos autobuses ingleses e cataláns expresan o seguinte: “Probablemente non existe Deus, así que reláxate e goza da vida”. Quen lea isto, posiblemente pensará: tamén é probable que Deus exista e iso non ten por que impedir que te relaxes e goces de canto che regala a vida. Penso eu, efectivamente, que dificilmente se pode crer nun Deus dedicado a amargarnos a existencia. Non sei se os membros daquela asociación pretenden asegurarnos que, de non haber Deus, xa podemos facer o que nos dea a gana sen nos someter a convencementos éticos ou morais: gozar da vida sen atrancos. De ser así, eu podo dicirche, meu Antón, que teño moitos amigos que chegaron ao ateísmo e non por iso deixaron de ter unhas esixencias éticas; do mesmo xeito que coñezo moitas persoas que nos dicimos crentes e, se cadra, preocupámonos pouco de levar unha vida dirixida por normas morais. Poida que algún día destes vexamos cruzárense dous autobuses e, mentres un deles leva a pancarta atea, o outro leve escrita unha frase que diga algo así: “Probablemente non hai normas morais indubidables, así que reláxate e pásao ben sen mirar con quén nin contra quen” Non sei cal dos dous autobuses acadará mellor o obxectivo publicitario, imaxino que ningún: nin para ateos nin para crentes. De feito, en América, unha agrupación tamén atea, o Partido Humanista, foi máis precisa cando instalou nos autobuses unhas palabras máis asisadas: “Por que crer en Deus?: sé bo só polo feito de ser bo”. Isto xa me parece máis razoable, aínda que non o comparta, porque, segundo a miña fe, alí onde haxa bondade seguramente tamén anda Deus dun xeito ou doutro.

Xa ves, Antón, non pretendía comentar nada e acabei comentando algo. E, xa que nisto ando, debo destacar algo de positivo coma consecuencia desta polémica: ti e máis eu sabemos que o feito de ser crente non nos regala evidencias, e as dúbidas non son alleas á nosa vida nin ás dos mellores. Sempre foi así. Tamén é verdade que moitos dos que chamamos crentes son máis ben crédulos, é dicir, que cren de calquera xeito en calquera cousa. E isto, segundo creo, non é bo para unha vivencia adulta da fe. A min preocuparíame non ter razóns para explicar que as miñas crenzas, aínda que non sexan evidentes, son alomenos razoables. E gozo moito cando vexo a tanta xente que, no nome do que cre, entrega o máis da súa vida para que se evite todo o mal que poda ser evitado neste mundo. Estes días non deixo de lembrar, porque están de aniversario, aqueles chamados teólogos da liberación que, hai uns anos, foron asasinados no Salvador por falaren de restaurar a xustiza cos máis pobres. Eu coñecín algo a un deles, o padre Ellacuría, e téñolle escoitado que a súa vida estaba sempre en risco de morte, pero el sentíase feliz de facer o que a súa fe lle reclamaba. Resulta evidente que a este home e a outros moitos, homes e mulleres, nin Deus nin a Bondade lles amargaba a existencia: foi moito o que lles pediron, pero tamén foi moito o que se sentiron gratificados. Ao final, o saldo da súa vida foi positivo, creo.

Espero, Antón, que non me volvas dar a lata con estas cousas. Non te preocupes dos autobuses máis que para viaxares cómodo. Ata a semana que ven, se Deus quer. O teu amigo.

Bernardo

sábado, 17 de enero de 2009

COMUNICADO DE MARTÍN SECO CENDÁN REPRESENTANTE DO SECTOR CRÍTICO DO PSdeG-PSOE DE VILALBA

Este comunicado foi enviado por Martín Seco Cendán ós medios de comunicación e dende aquí só quero reproducilo e apoialo en tódolos seus términos como compañeiro do sector crítico e cargo institucional do partido en Vilalba.


O SECTOR CRÍTICO COA EXECUTIVA LOCAL DO PSdeG-PSOE DE VILALBA SOLICITA ÓS DIRIXENTES DO PARTIDO EN GALICIA QUE, PARA NON AFONDAR NAS FERIDAS ABERTAS NA NOSA AGRUPACIÓN, NON INCLÚAN A SONIA VERDES NA CANDIDATURA ÁS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS.



O pasado día 12 a Agrupación Local do PSdeG-PSOE celebrou unha asamblea para propoñer ós compañeiros que han ir nas listas para as eleccións Autonómicas que se han celebrar o próximo 1 de marzo. A Executiva Local propuxo para ir nesa lista a Sonia Verdes.


Os membros do sector crítico coa executiva local na agrupación local vilabesa do PSdeG-PSOE solicitan ós dirixentes nacionais e provinciais do partido que non inclúan a Sonia Verdes na candidatura ás eleccións autómicas para non afondar nas feridas abertas trala dramática elección da nova executiva local e que impediría traballar a gusto a prácticamente a metade dos militantes da agrupación vilalbesa.


Existen outras moitas posibilidades no noso partido de incluir a mulleres sobradamente preparadas nas listas electorais sen ter que incluir á persoa que máis rechazo causa no noso sector, ó ser quen traicionou os membros da anterior executiva ás súas espaldas, compañeiros que confiaran en ela políticamente para formar parte das listas ás eleccións municipais e que se sentiron política e persoalmente vendidos pola súa actitude de falla de compañerismo e lealtade a un proxecto do que ela tamén formaba parte.


Ademais esta inclusión nas listas, só se podería entender como pago ós servicios prestados a certos dirixentes provinciais e galegos para tratar de eliminar políticamente a un sector do partido en Vilalba como xa se denunciara con anterioridade e que daría senso a traición demostrada pola compañeira Verdes, posto que non atopamos unha vagaxe política, unha capacidade de xestión, nin unha grande capacidade de traballo que veña demostrada nos tempos actuais fronte a outras xóvenes mulleres que poderían formar parte das listas electorais como é o caso da lucense Dolores Rodríguez Amoroso que tamén poderían formar parte desta candidatura e que ten unha gran vagaxe ó fronte das Xuventudes Socialistas de Galicia, con moitos anos de traballo no sector xuvenil do Partido, nos movementos universitarios socialistas, moitos éxitos na xestión do Consello da Xuventude de Galicia no que ocupa a praza de Presidenta e que podería utilizar esta experiencia e formación política , para traballar no próximo grupo parlamentario socialista no Parlamento de Galicia.


Por todo isto esperamos que os nosos dirixentes traten de buscar o mellor para o noso partido e o noso proxecto en Galicia e teñan en conta as preocupacións que este sector do partido en Vilalba ten neste momento tan importante para todos nós.


Vilalba, 14 de Xaneiro de 2009


Martín A. Seco Cendán

miércoles, 14 de enero de 2009

BOICOT Ó XOGO DEMOCRÁTICO

Este Venres, 9 de Xaneiro poidemos asistir ó boicot absoluto do Partido Popular á convocatoria de Pleno Extraordinario que o Grupo Municipal Socialista solicitara co motivo de debatir e intentar consensuar as iniciativas que se poderían levar a cabo co Fondo Estatal Extraordinario creado polo goberno de Zapatero para minorar os efectos da crise no emprego e conquerir que moitos daqueles que se atopen no paro ou que se poideran atopar en breve nesta situación, poidan solucionala momentáneamente coa inxección de moitos millóns de euros en obras a realizar polos concellos deste país.

Dende o Grupo de Goberno do PP, aínda que os medios de comunicación escritos non se fixeran eco da gravedade do sucedido nesta sesión extraordinaria, escondéronse tras acusacións de fariseismo cara o noso grupo para non presentar nin unha soa proposta ao debate político entre os legítimos representantes do pobo vilalbés, intentando con esta maniobra desvirtuala nosa convocatoria e sen importarlles o mínimo respecto esixible os veciños do noso concello e o gasto que este pleno provoca as arcas municipais que tanto parecía importarlle en datas anteriores o señor Criado. O que semella inaceptable dende o punto de vista dunha saúde democrática normal e que con anterioridade, o alcalde comentara na prensa e na radio un pequeno esbozo das obras que os populares pretendían realizar con este fondo extraordinario e nin tan sequera se mostrase interesado en facelo cos partidos da oposición que representamos a tantos centos de veciños do noso concello, tendo en conta ademais que sempre podería utilizar a súa maioría absoluta para impoñer os proxectos que quixeran defender sobre os dos outros grupos. ¿Porqué os señores do PP non intentan convencernos o resto dos grupos das bondades das obras que pretenden realizar?, ¿Qué ten que ocultar o señor Criado para non amosar as súas propostas no lugar e no momento axeitado para facelo?, ¿ Porqué ten tanto medo a gobernat o PP e tanto medo a deixar participar nas decisións os membros da oposición?.

Ó comezo da lexislatura, o alcalde Criado e os seus compañeiros do Partido Popular sorprendéronos coa creación dunha nova área de participación cidadana, e no noso grupo pensamos que intentarían levar a cabo novas fórmulas de participación que involucraran ós noso veciños na vida política e social do noso concello, pero simplemente utilizaron este bonito nome para darlle vistosidade á delegación e supoño que arrastrados por un programa electoral do Partido Socialista con moitas medidas basadas en dotar a Vilalba dos mecanismos de participación cidadana que o noso pobo se merecía, pero se non son capaces de respetar a participación política do resto dos representantes dos cidadáns do seu concello, menos poderían facelo cos cidadáns de a pé ou cos membros dalgunha asociación do noso pobo. E todo isto sucede mentras en Guitiriz, a mágnífica alcaldesa Regina Polín pon en funcionamento unha comisión de participación cidadana para debatir sobre a utilización do fondo, co resto dos representantes políticos do seu concello e como non podería ser doutro xeito cos representantes sociais da cidadanía deste concello veciño do noso e do que tanto deberían de aprender os nosos dirixentes.

Estos días puidemos observar o que eu considero unha boa organización das festas do Nadal por parte dos responsables do Concello, cunha boa iluminación das rúas, excluindoa barbaridade do trato que está a recibir a nosa “Pravia”, e unha boa organización da cabalgata de reis, e así llo fixemos chegar algúns membros da oposición ós dirixentes populares, pero isto non é suficiente, agora só falla que tamén se faga unha xestión política mínimamente aceptable para o noso concello, pero iso é moito máis complicado e sen ideas e proxecto político é case que imposible conquerilo. De todas formas sería moito máis sinxelo aproveitando as ideas e as críticas daqueles que formamos parte do noso concello aínda que non pensemos igual que os que gobernan e dende aquí animámolos unha vez máis a facelo, xa que non nos cansaremos de ofrecerlles a nosa colaboración que ata o de agora tratan de evadir sen máis moitivo que alonxar a unha parte da cidadanía das decisións democráticas da nosa vila.

sábado, 10 de enero de 2009

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (09-01-09)


Meu amigo Antón:


Tes razón e fas ben en recordarmo: efectivamente, hoxe faremos a presentación do novo Caderno do Instituto de Estudios Chairegos. Xa van aló catro presentacións e catro números, é dicir, oito anos, alomenos, de presenza do IESCHA na cultura vilalbesa e chairega. En realidade, máis de oito anos de traballo por facer presentes os trazos da nosa terra matricial. Como ben sabes, en cada un destes cadernos publícanse un conxunto de traballos narrativos ou documentais que podemos ler e gardar nas nosas casas, do mesmo xeito que nelas gardamos as lembranzas do que foi a nosa vida. Unha verdadeira riqueza da que hoxe, se cadra, non somos conscientes porque a sabedoría, como o viño bo, revalorízase co tempo, pero estou seguro de que, algún día, alguén aproveitará o que nesa publicación queda almacenado para memoria.

Teño visto a cotío en moitas das nosas casas máis humildes, tamén na túa, perdidos no chineiro do comedor ou nunha cómoda do dormitorio, algúns libros, marelos xa por fóra e aínda brancos por dentro, aos que ninguén tocou en moito tempo. Alí están caladiños, cheos de boas palabras, latexando de sabenzas e agardando ansiosos que algún día unha man os recolla e os abra para proclamar as historias que conteñen. Seguro que han facer que se alumeen os olliños dun rapaz que, posto a ler, nunca se dará explicado por que os tiveron tanto tempo calados.

Como ti ben sabes, máis dunha vez che teño prohibido, na medida en que ti deixas que che prohiban algo, que botaras ao lixo e te desfixeras dalgunhas daquelas obras literarias que non vías máis que como estorbos nos andeis da túa cociña. Berreiche, chameiche de todo, cheguei a te insultar, pero ao cabo logrei que me fixeras caso. Gardaches os Poemas de Chao Ledo, unha vella Antoloxía de contos, un Novo Testamento, A Virxe do Cristal de Curros e mesmo o desgastado volume dun Don Quijote, e agora babeas coma un canciño cando percibes que os teus fillos agarran algún deles para ler cos teus netos unha ou outra das súas esquecidas páxinas.

Certo que non tiñas libros que tratasen das cousas vilalbesas porque, desgraciadamente, non había case nada publicado e tampouco houbo quen che ofrecera o pouquiño que había. Agora non hai moito máis e queda aínda labor dabondo por facer, pero, por fortuna e polo esforzo do Instituto de Estudos Chairegos, sen apenas apoios do Concello, xa podes engadir á túa reducida biblioteca uns cantos volumes que falan do noso ou dos nosos.

O caso é que esta noite, meu Antón, xa te imaxino poñendo con calma as túas gafas de presbicia para ler no Caderno que hoxe presentamos os contos chairegos que deixou narrados con tanta mestría o Xosé Luís García Mato, e, tal como te coñezo, mentres os deletreas, andarás a rosmar dicíndolle á túa muller que ti, se te dedicaras a escribir, habíalos contar mellor ca el: claro, cada quen ten as súas ilusións. Pero, antes de ler esas historias ou os poemas do Sesé, non has resistir o tirón de contemplar con demora as duascentas fotografías dos vellos tempos da Chaira. E aí eu permítome convidarte a facer comigo un pouco de socioloxía. Observa en cada imaxe quen está, con quen está e onde foi sacada a foto. Olla con atención os diferentes grupos retratados e trata de descifrar se tales agrupacións poden ser unha mostra das diferentes clases sociais que se destacaban na nosa vila. Comenta coa túa muller a forma de vida social vilalbesa que se deixa transparentar en cada fotografía: as festas, os paseos pola rúa, a conversa nas terrazas, os encontros dos veciños, os personaxes populares collidos no seu entorno, sen descoidar o xeito de vestir propio de cada circunstancia. Se cadra, poderaslle explicar aos teus fillos e aos teus netos por que moitos, a certa idade, levabamos pantalóns bombachos, saberalo ti?.

E non esquezas facer un pouquiño de socioloxía urbana: a beleza dos edificios e a súa harmonía de conxunto, uns espazos que se prestaban a que os veciños se atopasen, paseasen e falasen, a largura das aceras e a posibilidade de se poder instalar nelas cómodas terrazas que tantos momentos de lecer nos permitiron. E, sobre todo, compara, non deixes de comparar o de onte co de hoxe. Por exemplo, as terrazas de antes coa que agora adoitan poñer no cruce da estrada de Lugo coa de Baamonde, aquela que, baixo a ollada impasible dos actuais gobernantes, obriga a que os peatóns teñan que baixar da beirarrúa para poderen pasar, mesmo se o sufrido transeúnte vai nunha cadeira de rodas. Algo similar ao que acontece con outra terraza que poñen nun bar do Campo de Puente. E pensa se hoxe o centro da vila se presta ou non a que a xente pasee, se encontre e converse.

E, cando acabes de facer os teus cachazudos comentarios, non deixes de tomar nota, coa axuda da túa dona, de todas aquelas anécdotas e acontecidos que cada fotografía vos suxira. Despois, dismo, e eu tratarei de escribir as vosas lembranzas. Teño moita pena de non ter gardado por escrito unha morea de cousas vilegas que me ten contado meu pai e que se perderon xa no esquecemento. A ver se coa vosa colaboración, recupero algo desa historia local que, queiramos ou non, contribuíu a facer de nós o que somos.

En fin, meu Antón, alí te espero esta tardiña na chamada Casa da Cultura, que, por certo, é moito chamar cando un ve o valor arquitectónica da mesma. Que pases un bo día e unha boa semana. Unha aperta.

Bernardo

viernes, 2 de enero de 2009

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (02-01-09)

Lugo, 2 xaneiro 2009

Meu amigo Antón: Xa sei que o comezo do ano foi bo para ti. Por unha vez, desde hai moito tempo, chegaches a comer máis de seis uvas das doce que tiñas preparadas, todo un record; pero tamén cómpre dicir que a túa filla preparounas moi ben: púxoche desas que non teñen pebidas e ademais eran das pequerrechas que case se comen a pares, así que a túa proeza non foi tan grande como presumías cando te chamei. De tódolos xeitos, parabéns por ese comezo de uvas e champán. Eu, en cambio, funas comendo todas á feito seguindo as badaladas da Porta do Sol de Madrid. Cando eu era neno, quen marcaba o tempo eran as campás da nosa igrexa parroquial que agora a penas se escoitan, aínda que, todo hai que dicilo, para esta ocasión o reloxo foi axeitadamente preparado, cousa non moi frecuente nos últimos tempos. O caso é, meu amigo, que as fun engulindo tal como está mandado, o que, sen embargo, non quere dicir que vaia ter máis sorte ca ti. Xa sabes que non acredito moito neses azares de meigas, pero coido que sempre é bo poñer na vida rutineira aqueles rituais que aprendemos de nenos e que nos fan vivila, por momentos, de xeito máis intenso.

Cando che preguntei polo teléfono de que che podería falar na carta de hoxe, recomendáchesme que che contara como pasei a festa desa noite inaugural. Pois ben, non teño inconveniente en facelo, pero non creo que aos nosos lectores lles interesen moito estas andrómenas particulares. Así que non che vou narrar todo o acontecido, pero, xa que teño ocasión, vouche dicir algo do que me pasou.

Coma ti ben sabes, eu non tiven fillos nin fillas, e acepteino ben: foi a miña decisión. Tampouco teño netos nin netas, claro, pero iso acepteino peor, porque, meu amigo, non che hai nada coma a risa recen estreada dun neno para darlle cor e prestancia aos anos dun vello. Teño, por sorte, de momento, unha sobriña-neta que, con seis mesiños de vida, apareceu entre nós para alumear o inicio da nosa cea coa luz intensa dos seus ollos. Todos babeamos diante dela. Por veces, atopeime a ollala de fite buscando nos seus olliños unha palabra que aínda non aprendeu. Supoño que o meu rostro era para ela unha simple curiosidade que se esquece de inmediato, ou, se acaso, era algo desacougante que acabaría por facela chorar. Pero para min os seus olliños escuros eran outra cousa ben diferente: eran, nin máis nin menos, que as portas do futuro. Por eles ha pasar toda unha vida: unha neneza fuxidía, unha adolescencia de descubrimentos, unha mocidade esperanzada e unha adulteza fecunda. E eu, no meu silencio, preguntábame como habería ser esa vida que lle entrará pola fiestra dos seus ollos, como sería esa sociedade na que lle tocará participar, esa sociabilidade que eu xa non poderei analizar, ese entorno de vida que eu xa non podo mesmo imaxinar. Antes, cando ti e máis eu eramos nenos, todo cambiaba lentamente e, polo tanto, o futuro era algo suficientemente previsible. Agora xa non é así: todo vai á presa, e seguramente ela ha vivir cousas que, se agora nó-las dixeran, posiblemente non as creriamos. Creo que algunhas das condicións que nos trouxo esta modernidade na que vivimos han ser criticadas para que se recuperen elementos que agora están abandonados: certos valores, algúns principios fundamentais, convencementos perdidos, mesmo unha relixiosidade anovada e purificada. Pero tamén, claro, outros elementos da vida que agora nos parecen moi importantes quedarán perdidos para sempre na noite da historia. Quedeime eu cavilando: como se entenderá a amizade cando esta nena sexa moza?, como será, no futuro, aquela vida familiar que onte estabamos a reproducir coas uvas na man?. E, sobre todo, como se vivirá o Amor: o amor grande que por forza ten que ser xeneroso, e o amor pequeno e fuxidío do gozo diario descomprometido?. Diante do ollar sagrado dunha vida recen chegada, non fun quen de imaxinar futuros. Xa ves, Antón, despois de tantos anos a estudar estas cousas, atopeime sen respostas. Tería perdido o tempo?.

E así, entre as inquedanzas das preguntas e a ledicia de me sentir agarimado, fun pasando a noite que chaman máxica. E pensei nos amigos, claro, e entre os seus nomes andaba o teu, meu Antón. No fondo da noite prometedora, estaban os olliños dunha nena. Chámase Uxía. Que quede constancia. Cóidate e tenta respirar un ano máis. Despois, xa pediremos. Unha aperta.

Bernardo

Blog da Asociación de Pescadores Vilalbeses


Ponse en marcha o Blog da Asociación de Pescadores de Vilalba, asociación constituida o ano pasado para reunir a tódolos pescadores da nosa vila que desexen asociarse para defender os seus dereitos, loitar polo ben dos ríos e organizar actividades no campo da pesca deportiva.
Podes visitalo en:




Volto a desexarlle o amigo Marcos Vazquez Lodeiro e os seus compañeiros, grandes éxitos nesta asociación e dende aquí aproveitar para mostrarlle a miña admiración e apoio na súa loita diaria pola defensa dos ríos e tódolos seres vivos que habitan neles.

Membros da asociación limpando o río