jueves, 6 de septiembre de 2012

Artigo de homenaxe de Francisco Sineiro a Bernardo Garcá Cendán




Hai uns días que nos deixou o bo amigo Bernardo García Cendán. Bernardo tivo unha ampla e intensa vida que foi desde o seu traballo pastoral en París e como crego no Ferrol nos anos oitenta, no barrio do porto e na asistencia aos máis marxinados, ata a súa actividade como profesor de Socioloxía na Universidade en Lugo nas últimas dúas décadas.

Ademais traballou na promoción e defensa da nosa cultura e da súa Vilalba natal e da Terra Chá. Foi impulsor de varias iniciativas, ás que despois se dedicaba máis ben a seguir na sombra; así fixo en Irimia, en Encrucillada e no Instituto de Estudos Chairegos. E tamén foi escritor de pezas do noso folclore, pois era ademais un bo coñecedor e aficionado á musica.

Tiven a sorte de coñecelo desde hai máis de trinta anos. Ao comezo foi de modo fugaz, pero nas últimas dúas décadas máis asiduamente, ao compartir o noso xantar en moitas xornadas de traballo sobre o prato do día nunha das casas de comida máis xenuínas e acolledoras de Lugo, atendidos pola nosa amiga Josefa.

Alí temos compartido o noso tempo, conversas e discusións con outros compañeiros e tamén moitos días os dous sos. E foi precisamente nestes últimos cando temos compartido as experiencias e conversas máis persoais. A admiración polo seu pai, barbeiro en Vilalba, vello republicano e simpatizante da Unión Xeral de Traballadores, que tivo que soportar no seu pobo os longos anos de pedra e que a Bernardo lle gustaría que tivera disfrutado destas últimas décadas, aínda que lle puideran ter producido algunhas desilusións sobre os seus ideais. As esperanzas que lle creara o Concilio do Vaticano segundo e despois as súas discrepancias coa Igrexa oficial das últimas décadas. Sempre valorei que compartira estas confidencias e falaramos destes asuntos desde posicións persoais diferentes.

Bernardo era un home profundo nas súas ideas, pero moi disposto ao debate, ao que aportaba as súas amplas vivencias e experiencias, e tamén os seus coñecementos, que levaba con moita discreción. Pero sobre todo Bernardo era unha persoa cálida e sensible no trato, un bo amigo, un home de valores nun mundo bastante escaso deles.

Persoalmente sinto non ter tido unha última conversa con il que se foi aprazando e na que por desgraza se nos adiantou a súa morte.

Francisco Sineiro






2 comentarios:

Pepa dijo...

Hola, Martín. Só quería facerche unha pregunta. Cheguei ao teu blog buscando "Alto de Arteixo" para intentar averiguar onde queda, pero non me entero... podes axudarme? graciñas!

Martín Seco García dijo...

É un barrio do casco urbán de Arteixo, na parte máis alta antes de chegar a Morás e partindo dende o Polígono de Sabón.