sábado, 24 de octubre de 2015

OLLANDO MÁIS ALÓ DO NOSO NARIZ


Nestes momentos de calma despois da marusía, o corpo pídeme expresarme en liberdade e sempre co respecto esixible cara as miñas siglas e os meus compañeiros. Pasou o 24 de Maio e polo tanto, aqueles que nos presentamos ás eleccións pasamos un exame, algúns aprobárono e outros suspendemos, tan sinxelo e tan claro como soa.

Aqueles que tiveron a sorte de aprobar, deberían de reflexionar e aproveitar a fermosa posibilidade que lles dan os seus veciños para ser alcaldes e alcaldesas dos seus pobos e cidades e deberían de ter a xenerosidade para deixar que outros compañeiros, con máis tempo e posibilidades que un alcalde, puideran dedicarse a unha entidade como é unha deputación provincial, xa que se formamos parte dun partido con tanta xente boa e preparada, imaxino que de entre tanta boa semente, existirán uns cantos que poidan dedicarse en corpo e alma a estes entes provinciais e deixar que os alcaldes e alcaldesas se dediquen a administrar os seus concellos.

Aqueles compañeiros que suspendemos o exame, debemos de reflexionar e someter a valoración da nosa organización a nosa continuidade, e se valoramos que aínda podemos ser un boa alternativa dentro de catro anos, traballemos duro e responsablemente para facelo posible e aos que xa non se lles queda percorrido dende a oposición, dicirlles que non é ningún trauma dimitir, deixar o seu posto a outro compañeiro que seguramente colaborou lealmente con eles e que non pidan ou esperen unha futura recolocación noutras listas electorais ou noutros postos de designación directa, posto que se a sociedade mandounos a mensaxe de que non eran as persoas desexables para ocupar os postos de responsabilidade, malamente van a ser o axeitados para poder presentarse dentro duns meses ou de máis dun ano a outras eleccións, onde volverá a ser máis necesario que nunca, ter as mellores candidaturas para non ser afogados por unha marea atlántica que fai anos sabíamos afrontar, elixindo aos mellores e agora nos atrapa por confundir isto da política cun oficio.

Por último, unha reflexión, fai anos observei como un coñecido dirixente e outros compañeiros explicábanlle a un veterano político municipal que debía dar o relevo e deixar a súas responsabilidades, pensando no ben do partido e do proxecto que presentamos á sociedade, só espero que este dirixente, escoite as súas propias verbas e agora tamén pense que o importante é o proxecto, as ideas e o partido e non a persoa que o representa neste momento, posto que sería un erro colosal perder unha alcaldía e a capacidade de facer política de esquerdas nun concello por non saber deixalo a tempo.

Esa é a miña humilde opinión para a quen a queira escoitar. 

Martín Seco García (Sº Xeral do PSdeG-PSOE de Arteixo) 

No hay comentarios: