lunes, 15 de diciembre de 2008

Cartas a Antón de Bernardo García Cendán (12-12-08)


Publico unha vez máis, a "Carta a Antón" desta semana, xa que son un gran seguidor destas cartas que tan ben escribe o meu querido Bernardo García Cendán e que espero que este blog sexa un foro máis onde se poida ler o que con tanto gusto escribe este fino cronista da vida vilalbesa.

E aproveito este espacio, para mostrarlle a miña admiración, dende o corazonciño dun xoven vilalbés, a Agustín Fernández Paz, este gran escritor que temos na nosa terra . Dende aquí lle envio a miña noraboa polos premios e éxitos que leva acadado e que sen dúbida acadará.



Lugo, 12 decembro 2008

Meu amigo Antón: Supoño que non terás inconveniente que eu lles conte aos nosos oíntes que non andas ben de saúde. E que lles diga tamén que se sempre che tiven admiración, esta medra moito en circunstancias como as que estás a vivir. Es moi túzaro e moi cazurro, ben o sabes, e, ás veces, fasme desesperar, pero teño que recoñecer que a túa capacidade de sufrir en silencio os quebrantos da saúde, sen implicar aos que te arrodean na tristura das túas angueiras e preocupacións, suscita en min un respecto que algunha vez che debo confesar así abertamente. Sei que agora estás a pasar un moi mal momento, pero tiven que adiviñalo, ti calabas. Mesmo cando sospeitei do teu mal e che preguntei por el, ti trataches de quitarlle ferro e lograches que a nosa conversa se mantivese, coma sempre, no clima de ironía que adoitamos manter. Paréceme admirable, porque eu non sería quen de facelo: cando ando mal, non dou evitado que os meus amigos se decaten axiña. Nisto gustaría de ser coma ti. Así que, meu Antón, grazas por ser como es. Ben ves, hoxe toca de loanza que, dadas as circunstancias, fago compracido, pero sen que serva de precedente, porque, mentres respiremos, ti seguirás a ser para min o Antón cachazudo e retranqueiro que sempre tes sido.

E xa que vai de loanzas, teño que dicir que cadro de acordo contigo no que me comentaches esta mesma mañá a carón da tenda do noso amigo Luís do Serafín. Alí estabas ti canda el comentando o xeitosiña que quedou a casa onde está o bar Pafe. Vós que sodes máis vellos ca min cadrabades de acordo en resaltar a semellanza coa construción inicial que os restauradores souberon reproducir: os ferros dos balcóns, as madeiras traballadas das galerías, e mesmo a color do conxunto. Aínda lles queda por mudar, supoño que o farán, aquelas portas de aluminio gris que dan acceso á vivenda e ao bar, e dada a nova situación, entendo que lles han permitir modificar o penal que abeira o paso ao Parador. Non teño inconveniente en me xuntar a vós para darlle os parabéns aos propietarios que decidiron a restauración, coa esperanza de que outros máis sigan por esta liña. Sen ir máis lonxe, o edificio que está ao carón (o que foi do Abelleira), con moi fermosas galerías en ruína, pero tamén outros moi notables como o de Carballal ou a parte traseira do que foi casa de don Plácido, un estilo chabolista fronte á entrada da Torre.

As xentes sensibles da nosa vila han quedar agradecidas, porque ben merecemos sentirnos nunha paisaxe urbana bonita despois de que nos últimos anos tivésemos que soportar tanta zafiedade na construción e no urbanismo con que nos agrediron os que non pensaron máis ca na rendibilidade económica sen incluír para nada a beleza do conxunto. Sei dalgún arquitecto que se viu obrigado a apeitar coas imposicións dos propietarios en contra da estética da que el é amante, porque os dirixentes políticos do noso pobo tampouco lle axudaron: sempre foron indulxentes en exceso cos que non pensan máis ca no negocio.

E paso a outra cousa ben diferente: supoño que a túa saúde non che vai permitir acompañar a Agustín Fernández Paz, sí, o do Pugita, na homenaxe que se lle vai ofrecer con motivo do exquisito premio literario español que lle outorgaron hai uns días. Eu espero non faltar e xa che transmitirei as túas verbas agarimosas. Falábasme esta mañá da amizade que lle teño. Efectivamente é unha relación que ven de lonxe e que se consolidou definitivamente cando, hai xa ben anos, prestei o meu ombreiro para traer desde Mondoñedo o corpo sen vida do seu irmá Luís que, unha mañá de xuño, quedou durmido para sempre no seu cuarto do seminario onde estudaba o segundo curso de filosofía. Moitos, en Vilalba, amigos de Agustín, xa non se lembran del, pero eu gardo un recordo moi vivo: ía camiño de ser, aparte de cura, un bo músico – de caste lle viña – pero tamén un bo pintor do que aínda gardo mostras. Tiñamos unha amizade forte, e dalgún xeito seu irmán Agustín comezou a ser para min a reprodución daquela afección. Por iso, cando sei dalgún dos moitos trunfos que o noso novelista e literato vai acadando, eu, no meu maxín, teño o sentimento de que, misteriosamente, Luís está vivindo nos logros de seu irmán os moitos recoñecementos que algún mal fado lle truncou. Así que, desde aquí, desde esta carta, quero xuntarme aos moitos eloxios que Agustín e, no meu íntimo sentimento, Luís, están a recibir. E eu ben sei que ti, Antón, gardas lembranza daquel rapaciño vivaz e imaxinativo que estudaba para cura, e, xa que logo, tamén ti te xuntas ás miñas palabras para eles dous. E nada máis por hoxe. Que che mellore a saúde e que poidamos ollar anos de futuro en disputa permanente pero en boa compaña. Unha aperta

No hay comentarios: