Dende o anuncio feito por Zapatero da creación dun fondo estatal extraordinario para o desenrolo de obras no eido local co fin de promocionar a creación de emprego nestes duros momentos de crise, de seguro que tódolos políticos con inquietude do noso concello e moitos cidadáns preocupados se preguntarían a que obras adicarían os 2,7 millóns de euros que o noso concello pode conquerir por esta vía.
Seguramente que o concello de Vilalba non conquire tódolos días, case que 500 millóns das antigas pesetas, para o desenrolo de obras que tan necesarias poden ser para o benestar dos nosos veciños e con esa preocupación e como non podería ser de outro xeito, os concelleiros socialistas comezamos a debatir sobre as obras que considerábamos máis necesarias para o noso concello, co fin de consensuar as nosas prioridades, para logo defendelas no escenario político onde os veciños de Vilalba nos encargaron que defenderamolos seus intereses, ese escenario non podería ser outro que a casa consistorial e o marco sen dúbida que ten que ser un pleno extraordinario, onde ante un tema de tal importancia tódolos grupos políticos puidésemos debatir sobre as nosas ideas para o desenrolo destas obras e así colaborar no ben común de facer un pobo mellor para todos.
Pero para a nosa sorpresa, o desenrolo democrático ó que nos tiña acostumados o anterior alcalde, leva dado moitos pasos atrás dende a chegada do Señor Criado á alcaldía de Vilalba, porque lonxe de ter un axeitado comportamento democrático e ser él mesmo quen convocase este pleno extraordinario ou algunha comisión onde se puidese escoitar tódalas voces, adoita unha postura indigna do máximo representante dun concello como o noso, con falsas acusacións de despilfarro pola convocatoria deste pleno polo noso grupo, tendo en conta que fai só “uns días”, negouse a rebaixar un chisquiño o seu elevadísimo soldo e nos atopamos despois coa sorpresa de que se adica a mercar dous vehículos novos para o seu propio uso nestes momentos tan duros de crise, ou se adica a gastalos cartos de todos, en devolver festas e cuchipandas co hermanado pobo de Collado Villalba, ademais de outros gastos superfluos que poderían e deberían de ser revisados, ¡eso sí que é austeridade Señor Criado!, por isto é indigno cando acusa os membros do Grupo Municipal Socialista de “irresponsabilidade política” e “tomadura de pelo” polo gasto que produciría un pleno extraordinario para as arcas municipais, escondendo tras esa acusación a sua ineptitude para debatir coa oposición das problemáticas políticas do noso concello e a falla de caracter democrático a que nos está acostumando este señor a tódolos vilalbeses, cando se nega a debatir ca oposición tanto fora como dentro da casa do concello. Como se pode acudir a posturas completamente totalitarias, máis propias de antigas épocas escuras que desta, utilizando que a capacidade de decisión a ten o grupo de goberno do PP por ter a maioría suficiente para gobernar o noso concello, sen ter en conta os dereitos dos membros de oposición ó control e fiscalización dos nosos gobernantes, senon para que existe a democracia señor Criado, ¿gustaríalle ter o poder absoluto e que o resto dos grupos non puidésemos opinar sobre os temas do noso concello por non ter a maioría para facelo?. Dende a oposición temos dereito a confrontalos nosos proxectos co grupo de goberno e recordarlles a necesidade de dar resposta a moitos dos problemas que teñen os nosos veciños, ademais de simplemente facerlle chegar as nosas ideas que poden ser de utilidade para o desenrolo do traballo de goberno que sen dúbida vostedes teñen que realizar e que moitas veces, semella que o fan sen ter en conta as prioridades veciñais e que gobernan só para satisfacer os seus propios intereses. E ademais, cando fale de irresponsabilidades e tomaduras de pelo, non dubide que a posibilidade de convocar este pleno extraordinario ven reflexada nas leis que permiten que un grupo político coa nosa representación, convoque un pleno extraordinario incluso ata 3 veces o longo do ano e que é a primeira vez que o facemos, porque precisamente por responsabilidade política só utilizaremos este dereito para temas onde consideremos de gran necesidade para os intereses dos nosos veciños.
Pero voltando o tema e dende un punto de vista máis persoal, se eu tivese a posibilidade de decidir que facer con este fondo, gustaríame que se priorizase a realización de obras para facer da nosa Vila un lugar máis habitable para os nosos veciños, desenrolaría obras de urbanización das rúas máis desfavorecidas, poñería en valor os espazos públicos existentes no noso concello: Prazas, xardíns, parques infantís, zonas de esparcemento, espazos parroquiais, melloraría o mobiliario público tan deteriorado no noso pobo, eliminaría as barreiras arquitectónicas que encerran na casa a moitos veciños, faría un esforzo en darlle un bó repaso o noso casco histórico e as serias inquietudes da súa asociación de veciños e sen dúbida que tomaría medidas para mellorar a seguridade vial dos cidadáns do noso concello. Por outro lado priorizaría a necesidade de obras de traída e saneamento nas parroquías e sen dúbida crearía un plan de utilización de aglomerado en quente para as pistas da nosa zona rural comezando polas máis necesarias. Ese lavado de cara que necesita o noso pobo é un grito de necesidade que tódolos que amamos Vilalba consideramos inaplazable e que podería comezar xa, se os nosos gobernantes utlizan estes cartos, pensando nas prioridades dos veciños e non nas súas propias. Esperemos que así sexa e senon debería de saber o Partido Popular que aquí estará a oposición para recordarlles as súas obrigas en todos aqueles foros que fosen necesarios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario