Aproveitando o contido desta carta e ó igual que o fixen acudindo o sábado as 20:30 á recepción que no Concello de Vilalba se lle deu ó Racing Club Vilalbés, quero darlle a miña felicitación os membros do Club: Xogadores, Entrenadores, membros da directiva e aficionados polo ascenso e o 1º posto no campeonato logrado polo equipo do noso concello, NORABOA!!!
.
Meu amigo Antón:
Unha vez máis, ti veña a preguntar e eu sen saber que che responder, pero recoñezo que me fas cavilar. Efectivamente, hai un par de domingos saímos do estadio da Madalena e escoitabamos sorprendidos na radio galega a reiterada comunicación de que a vila de Vilalba ardía de festa porque o Racing acababa de ascender á Terceira División, de categoría estatal. E non era verdade: Sí o era que as trescentas persoas presentes no campo tiñamos sorrisos nos beizos e aplaudimos canto puidemos, pero para un partido tan importante eramos realmente poucos, moi lonxe do número de socios con que conta a entidade. Tamén se escoitaron algúns foguetes que, como constatamos ti e máis eu, moitos dos paseantes pola Carretera atribuíron ás festas dalgunha parroquia. E nada máis, nin mesmo a bucina dalgún coche celebraba o acontecemento. Estes eran os feitos.
Antes de que se me esqueza, e seguindo as túas indicacións, quero deixar ben clariño que escribo estas observacións con tristura e sen a máis mínima pretensión de molestar ou, menos aínda, de culpar a ninguén por esa situación: non é máis ca un laio de dous vilalbeses desconcertados, a preguntárense que acontece neste pobo para que a vitoria dos nosos rapaciños, case todos, por unha vez, vilalbeses de nacenza e formados no seo do club, pasase tan desapercibida. Ninguén nos negará, dicías ti, que hai algún problema a resolver. Así que ti pregúntasme, eu tamén che pregunto, pero nin ti nin eu sabemos a solución.
.
E aínda a sabemos menos despois do acontecido neste mércores pasado. Ambos chegabamos xuntos de Lugo, á noitiña, sen nos ter apercibido de que na tele estaban retransmitindo o partido do Barcelona e a súa vitoria. Non ben baixamos do coche, observamos estupefactos que, agora si, Vilalba era unha festa: berros inauditos desde o bar da Pravia, ríos de champan no sempre sereno bar Caracas, con disfrace culé incorporado nos seareiros, cuadrillas de mociños, e de moitas rapaciñas, feito notable, a percorrer a Carretera con brúos e ouveos de posesos, coches detidos no centro da vila con xente empoleirada nos capós, botellas nas mans, e voces e berros mesturados co estoupido dos foguetes. Todo iso no contexto dun día de labor e véspera doutro. E seguimos coas preguntas: por que tanta esmorga neste caso, por unha Barcelona que nos cae tan lonxe, e tan pouco rebumbio no anterior por unha Vilalba que levamos nos miolos?
.
Será que aos noso veciños xa non lles interesa que Vilalba teña un club con oitenta anos de historia?: Imaxino que non é iso, por máis que o pareza: segundo lin na prensa, apenas hai concorrencia ás asembleas nin aparece xente que queira relevar aos actuais directivos, xa cansos, seica. Ti insistes na túa suposición de que a nosa vila quere manter vivo o seu club e que os seus socios non se desprenden do carné porque é un xeito de se sentiren pertencentes á nosa comunidade, aínda que non acudan ao estadio. Falando en simil relixioso, digo eu, son algo así coma crentes non practicantes: queren que haxa “igrexa” pero non a frecuentan. E ti continúas o razoamento supoñendo que mentres haxa alguén que se queira facer cargo da entidade, déixaselles facer e que todo siga igual sen que os socios se impliquen. A vida dos pobos pequenos éche así, conclúes, e non lle deas máis voltas. Pero, pregunto eu, por que han querer seguir os que agora gobernan?. Eles saberán, foi a túa resposta.
.
Quizais, ando eu a matinar, habería que seguir coa metáfora do relixioso: din que o fútbol é unha relixión na sociedade actual, e os “ídolos” son os que están no cumio, aos que só podemos ver de lonxe, pero non tocar, coma se fosen “deuses” pequeniños, algo sagrado. Están distantes de nós porque o paraíso sempre se ve no horizonte, pero, desde as alturas televisivas, alégrannos a vida e, por iso, non nos importa que, para conservalos, se acumule en España unha inmensa débeda económica que, ao final, habemos ter que pagar entre todos. Xa non sería a primeira vez. Pero non importa, porque sempre terá que existir un ceo que nos dea unha ledicia de cando en vez para seguirmos vivindo. O Racing Vilalbés aínda non é cousa sagrada nin é un ceo nin paraíso que acougue a destemperanza do domingo. Só é un un simulacro, simpático, pero non máis: non merece máis festa que a precisa. O importante é o que fan os grandes. Ti, Antón, evidentemente non cadras comigo nestas elucubracións nin renuncias a gastar euros en acudir algún día a un estadio de Primeira, ou pagar o Canal+, pero, se me das tempo, xa cho irei explicando.
Polo momento, se che comprace, axúdalle aos teus netos para que cheguen a ese ceo pequerrecho dos futboleiros, pero ti queda con Deus, co de verdade. Unha aperta
.
Bernardo .
No hay comentarios:
Publicar un comentario