lunes, 9 de marzo de 2009

Artigo de F. Martínez Hidalgo no "Xornal de Galicia"

.
.
.
.
.
.
.
Renovación socialista
.
.
.
.
.
Emilio Pérez Touriño, nun acto de gran responsabilidade e sentido do deber, abriu o pasado luns a vía para un proceso de cambio no PSdeG-PSOE. A partir de agora, o partido ten nas súas mans o reto de analizar en profundidade os resultados electorais, extraer e aprender as leccións necesarias que o pobo galego deu, impulsar os cambios precisos, e presentar ao Congreso Extraordinario un equipo de futuro que, con novas ilusións e novas caras, materialice eses cambios nunha alternativa política sólida, crible e maioritaria. Tres son os retos que a sociedade de Galicia lle presentou á esquerda de cara ao futuro: a renovación xeracional, a modernización organizativa e o liderado social. Ou, noutras palabras: anovar o liderado, construír máis partido, e conectar ineludiblemente coa sociedade civil e, por suposto, coa base militante.

O paso adiante na renovación xeracional que Emilio Pérez Touriño iniciou no 2009 debería acelerarse e fortalecerse. O cambio cultural e sociolóxico que Galicia está afrontando, da man do proceso de modernización e de incorporación á locomotora europea, obrígalle á esquerda a actualizarse.

A sociedade galega foi clara en 2005, co fin da era Fraga, no descartar proxectos e talantes empolillados. No 2009 tal posibilidade, da man de Alberto Núñez Feijoo, declarárona os electores, definitivamente, unha vía morta. É evidente que non hai futuro no ir cara atrás. Esta convocatoria fixo evidentes, tamén, os beneficios dunha organización capaz de conxugar a profesionalidade e a especialización, cunha densa implantación social e coa capacidade de facer patente o seu discurso nas relacións sociais da Galicia de a pé. Un partido presente en todas partes, e capaz de deseñar un discurso propio coa potencia sonora abonda para resoar en todas as vilas e recunchos do país. Competir e poder gañarlle á dereita esixe xogar onde ela xoga. A non comparecencia non é unha opción.

E, sobre todo, importa o reto da empatía social. Os partidos democráticos deben ter sempre, para resultaren verdadeiramente representativos da sociedade, as antenas e os oídos pegados á xente. A defensa dos valores e os principios da esquerda pasa pola construción dunha alternativa dende as persoas e para as persoas, incorporando eficazmente a vontade da sociedade a través do diálogo social permanente. A confianza gáñase coa sinceridade e a honestidade.

Este é o momento da reflexión. Que os partidos galegos da esquerda saian fortalecidos e unidos sempre é saudable para a democracia e, por suposto, para Galicia. Pero, máis importante aínda, é que o proxecto que agrome sexa quen de ilusionar e amalgamar a unha sociedade que, en momentos de incerteza, busca novos horizontes de futuro aos que mirar e dicir: "aí está a saída, aquela é a alternativa".


F.Martínez Hidalgo Político
Analista Político (2009-03-08)

No hay comentarios: