Dende fai bastante tempo, dende que as problemáticas da nosa vila me empuxan, como a moitos outros, a participar na vida social e política deste pobo, me pregunto cal destes dous motivos é o desencadeante de que o Grupo de Goberno do Partido Popular non asuma a organización das festas patronais de San Ramón e Santa María, tendo en conta que hoxe en día a maioría da sociedade vilalbesa opina que os nosos gobernantes deberían de asumir este traballo, que os grupos da oposición presionamos dende fai tempo para que así sexa e ademais amosámonos dispostos a colaborar lealmente na organización destas e sobor de todo que observando as festas que se celebran en pobos veciños da nosa provincia como Viveiro ou Sarria, pobos cunha entidade igual ou incluso menor que a do noso Concello, son de moita máis calidade que as que se organizan na nosa vila e se fan organizadas polos seus respectivos gobernos locais.
En primeiro lugar, para que non se confunda o destino das miñas críticas, aínda que non estou dacordo co sistema de deixar esta importante celebración para un concello da entidade do noso, nas mans dunha “Comisión de Festas independiente”, quero mostrar o meu respecto para aqueles que se prestan a perder o seu tempo para adicalo ós demais sen ningún ánimo de lucro, por isto o meu respecto para aqueles que forman parte da comisión de festas que non teñen a culpa de quen esconde a súa ineptitude detrás deste sistema.
Todos coñecemos a falla de dedicación que os “populares” poñen a gobernabilidade do noso Concello, con concelleiros fantasma que todavía non se lles coñece o mínimo traballo esixible á súa posición e outros cun traballo ínfimo e francamente mellorable para quen ostenta a responsabilidade de goberno. Pero este ano as cousas pintaban moi mal para este sistema de organización cobarde, posto que ata o mes de Xuño non se sabía nada da organización das festas e algúns pensábamos que sería o momento de que o Partido Popular tivera que dar a cara ante os cidadáns. Pero as voces da rúa contan que se fixeron moitos movementos por parte dos secuaces do alcalde Criado para salvar a situación buscando unha comisión repleta de militantes e simpatizantes do seu partido ademáis de empregados da Casa Consistorial que foron invitados a participar por parte dos seus mandatarios. Con estes mimbres e postos no mes de Xuño se olisqueaban unhas festas dun contido pobre, aínda que o concello con este “desgoberno”, intentase salvar a cara daqueles que lle fan o traballo sucio subindo a cuantía da aportación económica que fai a administración local.
Pero ó final, o tempo pon a cada un no seu sitio e unha vez pasado o San Ramón deste ano, aínda que se manexou un dos presupostos máis elevados da historia das festas, podemos observar como as críticas arrecian nas tertulias de veciños de Vilalba, que observamos como unha vez máis disfrutamos dunhas festas mediocres, fallas dunha boa programación tanto a nivel cultural como lúdico, e todo isto é lóxico, tendo en conta que segundo está concebida a organización, quedan a merced dun grupo nada heteroxeneo de persoas que cada ano desexen tomar as riendas desta celebración e baixo este sistema é normal que éstas non sexan nunca do agrado dun bó número de veciños, xa que sempre dependerán da idade dos seus membros e dos seus gustos musicais e culturais, xa que non existe “algo” que poña equidade tanto nos actos a realizar como na variedade destes para intentar contentar as inquietudes de tódolos ámbitos da nosa sociedade.
Este “algo”, non pode ser máis que o noso Concello e os seus gobernantes que cada catro anos reciben o mandato dos seus veciños para que dirixan as cousas de todos, e non existe algo máis público e de todos que a celebración das festas patronais dun pobo, festas que implican a todo un concello, cos seus barrios e parroquías. Por iso non pode ser que dende o Concello se escuden no medo a romper tradicións para olvidarse de facer un calendario acorde coas festas dun pobo de quince mil veciños, de ter unha programación adecuada o día da feira, de acordarse dos fogos artificiais, de ter actuacións para tódalas franxas de idade, de ter verbenas o fin de semana, de acordarse de que a música folk forma parte da nosa cultura e identidade, de pensar que os cabezudos, nos que invertiu unha cuantía importante, se deben de sacar a rúa nas festas, que un pobo ben iluminado é un pobo e festas, de que se debe contar máis coas asociacións existentes no concello, que se deben de acordar que existen bós músicos no conservatorio vilalbés, que se debe de facer máis énfase na cultura e artesanía, de que existen outras datas para celebrar a feira medieval, e que existen certos actos, como o certame literario e pregón que teñen que modernizarse, porque senon acabaran sendo un acto elitista para moi pouca xente, como pouco a pouco está a acontecer, ésto sen entrar a falar de que os actos públicos son actos de todos, independientemente das súas opcións políticas e non só de exaltación do Partido Popular e Don Manuel Fraga.
Despois destas reflexión sigo a preguntarme cal dos dous motivos expostos o principio é o que impide que os concelleiros do Partido Popular non organizen as festas da nosa vila ou quizás sexan os dous o mesmo tempo....
No hay comentarios:
Publicar un comentario