miércoles, 11 de abril de 2012

Nota de prensa polas irregularidades na xestión do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Arteixo


“O señor Calvelo debe convocar urxentemente a Xunta de Portavoces do Concello de Arteixo para informar da situación do Servizo de Axuda no fogar, ante as denuncias de usuarios e dos seus traballadores, que a día de hoxe non cobraron a nómina deste mes”


Dende o Grupo Municipal Socialista, secundamos hoxe, a solicitude feita polo Grupo Municipal do BNG, para a convocatoria dunha Xunta de Portavoces, na que os nosos dirixentes no Concello den as explicacións pertinentes do que está a acontecer co servizo de Axuda no fogar, que está xestionado pola empresa “Galicia Saudade” dende fai poucos meses e segundo as denuncias dos propios traballadores, non está a cumprir o prego de condicións polo cal accedeu a este servizo.

O Grupo Municipal Socialista xa denunciou no pleno ordinario de Xaneiro a presenza desta empresa en locais municipais, que anteriormente se denegaran para uso dunha Asociación de veciños de Oseiro e agora ve como os propios traballadores denuncian que o local arrendado pola empresa non cumpre os mínimos requisitos para realizar esta actividade.

Dende o PSdeG-PSOE, estamos especialmente preocupados pola situación dos usuarios e os que están en lista de espera, pola falla de cumprimento das condicións asinadas fai menos de seis meses co servizo nos fins de semana e os festivos, ademais de non entender porque non se están a dar altas no servizo dende xullo de 2011, que xa conta cunha lista de espera de ao menos 40 persoas como indican os representantes sindicais desta empresa.

Por outra banda, estamos seriamente sensibilizados coa situación dos traballadores deste servizo, e necesitamos coñecer se os nosos gobernantes do PP, están preguntando pola situación laboral destes traballadores que xa deberían de estar subrogados, se o material que lles suministran dende a empresa é o axeitado ou se lle están a pagar as nóminas aos seus traballadores, posto que o Concello ingrésalle a esta empresa as cantidades contratadas e a estas alturas de Abril non chegaron ás contas dos traballadores.

Son completamente necesarias as explicacións da concelleira delegada e o alcalde de Arteixo para coñecer estes datos e de ser certos que tomen as medidas necesarias para que se cumpra co contrato e chegar ao rescate do servizo se fose necesario. Ademais queremos saber se cando anunciaron un incremento de 100.000 euros na partida destinada a este servizo e dixeron que era prioritario para o novo grupo de goberno, estaban mentido aos noso cidadáns e queren acabar con este servizo social como pensamos dende o Partido Socialista.

No hay comentarios: